
Do 16 ao 22 de setembro terán lugar en Burela diversas actividades dentro da Semana Europea da Mobilidade. Están destinadas sobre todo aos nenos por seren máis receptivos diante do coidado e do respecto co medio ambiente, segundo explicou a edil Lucía Bouza.
A concelleira socialista sinalou que “como xa ven sendo habitual desde os derradeiros tres anos a Delegación de Medio Ambiente participa na Semana Europea da Mobilidade. Nesta ocasión celébrase baixo o lema Móvete con intelixencia, vive mellor. As actividades comezarán o vindeiro xoves 16 de setembro e rematarán o 22, xornada na que se celebra o Día Europeo da Mobilidade”.
A responsable de Medio Ambiente dixo que “este ano, aínda que hai actividades para adultos, estamos máis centrados nas adicadas ao público infantil xa que sempre se mostran moi receptivos a calquera tipo de actividade que estea relacionada co coidado e co respecto ao medio ambiente. A ampla lista de actividades está impresa nun díptico que repartiremos polos dous colexios de Burela para informar ben aos nenos e nenas de todo o que poden facer durante a semana. Haberá xogos o domingo, que será o día no que pechemos varias rúas ao tráfico e aproveitaremos para xogar ao futbolín, ao pimpón, ao baloncesto, ás carreiras de sacos… tamén haberá paseos pola vila e outras actividades que iremos detallando ao longo dos vindeiros días”.
Lucía Bouza engadiu que “todas as actividades están organizadas polas monitoras de Gaia, pola técnico de medio ambiente e tamén participan nalgunhas os monitores deportivos do Concello. Están abertas a todos os que queiran participar”.


No hay comentarios:
Publicar un comentario