
A delegación de Sanidade do Concello de Burela vén de por en marcha unha nova iniciativa para tratar de inculcar hábitos saudables aos burelenses, nesta ocasión a través das xeracións máis novas. Á distribución de iogures entre os centros de primaria co obxectivo de incrementar o consumo de lácteos nas idades máis pequenas e, dirixido á poboación adulta, o ciclo de charlas de prevención de saúde que se reanudarán trala Semana Santa, o vindeiro 24 de abril, hai que engadir agora unha nova campaña da concellaría que leva Sonia Fraga. Esta organiza varios talleres de nutrición entre os escolares, comezando polos dos centros de primaria e coa idea de amplialos en próximos cursos aos institutos, co fin de «previr posibles problemas de alimentación nos nenos en idade escolar», sinala.
-Hai moito que mellorar aínda na nutrición día a día, ¿non si?
-Con estes talleres tentaremos evitar que os nenos sufran trastornos ou malos hábitos na alimentación diaria.
-¿En que consistirán ditos talleres de nutrición?
-Constan dunha parte teórica, onde lles inculcaremos información sobre alimentación sá, baseada nas cinco comidas ao día. Tanto aos nenos como aos papás lles daremos material didáctico. Preparamos dossieres, por exemplo, con todas as froitas, nos que os nenos poden pintar. Para os máis grandes o material é máis didáctico, falámoslles das proteínas, hidratos de carbono, etcétera. Outro dossier será para os papás. Na parte práctica, os rapaces poderán degustar froitas e zumes para que vexan a importancia que teñen na súa alimentación e no seu crecemento. Queremos que sexan conscientes dos beneficios que lles reportará para a súa saúde e para o benestar ter unha alimentación axeitada e equilibrada(...) Os máis pequenos tomarán a froita picada e en batidos para que a súa inxesta sexa máis doada.
-A través dos pequenos tamén se pode chegar ás familias, pois nalgúns casos poderiamos dicir que os pais non son a veces o mellor exemplo de nutrición para os fillos, pois tamén comenten erros na alimentación, ¿non?
-Esperamos que cando o neno chegue á casa pida froita e anime a seus pais a consumir máis froita e verdura, claro.
-¿De onde partiu a idea e con que obxectivo?
-Queriamos facer algo para o tema dos descansos na xornada escolar. Hai pais que si lles mandan para o recreo de media mañá froita, un sándwich, un Actimel ou un bocata... Queriamos reforzar iso e potencialo.
Os talleres de nutrición serán impartidos por unha auxiliar de clínica do Concello, durarán tres días por curso e comezarán o vindeiro un de abril, ata o 21 dese mes, nos ciclos de primaria do colexio Vista Alegre de Burela. En maio tocaralles aos de infantil e despois os talleres chegarán ao colexio burelense Vista Alegre.