lunes, 29 de junio de 2009

OS TRENS TURISTICOS PARARAN EN BURELA


O alcalde de Burela, Alfredo Llano, ven de anunciar que chegou a un acordo con FEVE “para que os seus trens turísticos fagan paradas na nosa vila os días 18 e 25 de xullo, 1, 15, 22 e 29 de agosto. Estes trens que traen unha media de cincuenta persoas imos telos aquí polas mañás desas xornadas e o que van facer é apreciar o noso pobo e todos os seus atractivos turísticos e culturais”.

Llano engade que “imos propoñerlles un percorrido que vamos consensualo coa guía que vai vir con eles, con FEVE, e así imos promocionar turísticamente o noso concello e axudar á xente que traballa cara este sector”. O alcalde considera que “é unha iniciativa moi importante e desde logo que é moi satisfactorio para nós que esta xente queira parar en Burela unhas dúas horas aproximadamente”.

CURSOS DE FORMACION


O Centro de Formación Ocupacional do Concello de Burela imparte fundamentalmente cursos dirixidos a facilitar a empregabilidade de persoas que se encontran en situación de desemprego, así como para mellorar a formación e competitividade das persoas empregadas.

Segundo explica a edil de Emprego e Formación, Sonia Fraga, “neste ámbito, a programación para o ano 2009, contempla a realización dos cursos de carpinteiro metálico e de pvc e de soldador de estructuras metálicas lixeiras, que na actualidade xa se están realizando. O de carpinteiro metálico e de pvc ten unha duración de 575 horas de duración e contempla a realización de operacións básicas de soldadura e corte, e nel tamén aprende a construír e instalar portas, xanelas e peches de galería de aluminio”.
A concelleira socialista engade que “o curso de soldador de estructuras metálicas lixeiras ten unha duración de 565 horas e contempla a realización de operacións de corte para construccións metálicas e o procedemento manual e automático de oxicorte e arco-plasma. Os alumnos tamén aprende a soldar por arco con electrodo revestido elementos metálicos de aceiros suaves. Estes cursos teñen un amplo período de formación práctica co que buscamos facilitar nun futuro próximo a adaptación da formación do noso alumnado, cos postos de traballo que van a desempeñar. É por eso que os nosos cursos teñen unha gran aceptación, estando na actualidade todas as prazas cubertas e con lista de espera de 10 alumnos para o curso de carpinteiro metálico e máis de 15 suplentes para o curso de soldador”.


Sonia Fraga engade que “ó mesmo tempo, o centro de formación ocupacional de Viveiro organizou un curso do Plan FIP de ebanista para Burela. Ten uhna duración de 825 horas, comenzou o día 17/03/2009 e ten o seu remate o día 12/11/2009. Neste curso participan 12 persoas alumnos/as de Burela”. A concelleira de Emprego e Formación anuncia que “neste 2009 tamén esta previsto a realización de cursos preparatorios para a obtención do certificado de língua galega (CELGA) niveis 2 e 3. Serán en setembro. E igualmente estamos traballando na programación dun curso de electricidad básico, que permita a calquera persoa realizar operacións sinxelas de electricidade no ámbito persoal e doméstico. Pensamos que este curso é de gran axuda para todas as economías familiares nestes tempos de crise nos que vivimos

sábado, 20 de junio de 2009

II SEMINARIO DE JAZZ E MUSICA MODERNA


Hoxe presentouse no Concello de Burela o II Seminario de Jazz e Música Moderna que organizan a Delegación de Educación e a Escola Municipal de Música. O seminario celebrarase do 13 ao 17 de xullo.

Lucía Bouza sinalou que “o I Seminario de Jazz superou, en todos os sentidos, as expectativas agardadas. Aínda que era a primeira vez que se realizaba un curso destas características en Burela, houbo un importante número de matriculacións, non só de Burela, senón tamén doutros lugares da Mariña. Tamén colleitaron grande éxito os concertos de alumnos/as e profesores que se desenvolveron ao longo de toda a semana en varios bares da vila”. A edil socialista engadiu que “por estes motivos, aínda son maiores as expectativas postas na segunda edición deste Seminario, que incrementou o seu orzamento nun 50%. Isto verase reflectido no profesorado (se no 2008 contábamos con 2 profesores, este ano teremos 5, o que significa que incrementaremos o número de especialidades a impartir e tamén o número de grupos de traballo) e tamén nos concertos (este ano, ademais dos concertos de alumnos, haberá tamén varios grupos a maiores, como son Marosa Jazz Project e o grupo de saxos Estudio Escola)”.


Bouza subliñou que o II Seminario de Jazz e de Música Moderna “bríndanos o privilexio de poder ter en Burela a algúns dos mellores profesionais de Galicia e de España no mundo do jazz. Todos os profesores proceden da prestixiosa Estudio Escola de Música de Santiago de Compostela e son: Leo Giannetto (voz e guitarra), Quique Alvarado (baixo), Miguel Cabana (batería e percusión), José Nine (frauta e saxo) e Javier Constela (piano). Cos dous últimos xa tivemos a sorte de poder contar no 2008 e gustaríame aproveitar para agradecerlles a súa excelente disposición con este seminario e tamén o bó ambiente que conseguiron xenerar entre os asistentes ao curso”.

Por outra banda, os concertos que se celebrarán nos distintos bares da vila ás 22:00 horas ocuparán todas as noites da semana na que se celebra o seminario:

* Luns 13 de xullo: concerto de profesores na Cafetería Atrezzo
* Martes 14 de xullo: concerto de alumnos na Cervexaría O Raio
* Mércores 15 de xullo: concerto de Marosa Jazz Project no Aitana
* Xoves 16 de xullo: Grupo de saxos Estudio Escola na Cervexaría Kiko
* Venres 17 de xullo: concerto de alumnos na Praza da Mariña


A concelleira de Educación aproveitou “para agradecer o interese e a colaboración mostrada por todos estes bares, que axudan a crear un vivo e dinámico ambiente musical en Burela durante toda a semana. Non quero rematar sen agradecer aos coordinadores, Israel Arranz e Roberto Bouça, o seu traballo incansable neste Seminario, traballo que, sen dúbida, é xa unha garantía de éxito”.

viernes, 19 de junio de 2009

DOUS ANOS POSITIVOS PARA BURELA


O alcalde de Burela, Alfredo Llano, asegura que se levan feito moitas máis obras nestes dous anos do seu mandato que na etapa anterior o que fai que “os cidadáns estean orgullosos de vivir no noso pobo”. O rexedor di que “Burela non está paralizada e non hai máis que dar unha volta en coche ou andando para ver todas as obras que se están a facer e para ver o cambio que experimentou a vila tanto no eido cultural, como no educativo, no turístico, no social ou no medio ambiental. Estamos a ter unha vida municipal moi activa”.
Alfredo Llano di que no que resta de mandato “haberá que pensar no plan xeral co que hai que definir claramente o que queremos facer aquí; no capítulo de obras estamos mellorando todas as nosas praias e aí estamos creando unha grande área recreativa na Marosa; o noso porto é un referente no Cantábrico que combinará perfectamente tres actividades que son a pesqueira, a comercial e a recreativa… hai que lembrar que se construiu a nave de redes, que se está rematando o aumento do peirao e que está en obras o acceso ó porto. Imos ser un pobo punteiro nas actividades que teñen que ver co mar”. O alcalde lembra tamén que “desde que chegamos ó goberno municipal o abastecemento de auga está preto de rematar, de feito en xaneiro de 2010 estará en funcionamento e mellorou moito a calidade da limpeza en Burela gracias ó acordo asinado con Celta Prix…”.
O rexedor burelés considera que “hai proxecto para dous anos e para máis” e que “cando remate este mandato Burela estará extraordinariamente cambiada con respecto a cando chegamos ao Concello”.

Alfredo Llano sinala que “ese acordo de goberno foi pensado para ser revisado ano tras ano e o que aquí se pretende é facer todo o posible polo pobo de Burela. Aquí non se trata de ver quen destaca máis, si o PSOE ou o BNG na realización de cousas, senón que tratamos de concentrar todos os nosos esforzos en facer cousas para Burela. Ese é o único pacto que temos o Bloque e o PSOE, aquí non se trata de discutir cuestións políticas senón de arrimar o hombro para que Burela saia beneficiada. Ese é o único pacto que temos”.
Sobre a mancomunidade de municipios de A Mariña, Llano, apunta que “cando un se mete en algo debe preocuparse de que sexa eficaz. A mancomunidade, como membro que son dela, vou procurar que funcione e animar ós meus compañeiros a que teña sentido todo o que fagamos. Si antes non estaba nela non lle daba importancia, ainda que o histórico da mancomunidade é máis ben triste que alegre. Aí houbo xente que ó mellor non dinamizou o que tiña que dinamizar, pero agora que estamos un novo equipo e que hai unha nova directiva, considero que hai moitos servizos e moitas cuestións que se poden compartir, temos que analizar cales son os que nos interesan. E agora sí que agora é o momento de darlle sentido e por eso lle dou importancia”.

miércoles, 17 de junio de 2009

OBRADOIROS DA ESCOLA DE MUSICA


A Escola de Música de Burela organiza cinco obradoiros que se desenvolverán durante todo o verán. Segundo explica a edil de Educación, Lucía Bouza, “están destinados básicamente ao público infantil e xuvenil tanto de Burela como doutras localidades e dentro destes talleres incluimos tamén un espazo que consideramos moi importante, tanto para o alumno como para o público en xeral, que son os concertos na rúa. Esto danos a oportunidade de facer música de cámara dun xeito asequible para todos”. A concelleira socialista sinala que “a pretensión de organizar estes talleres durante o verán é para dar continuidade á formación dos rapaces que veñen estudando durante todo o ano e para poder realizar actividades que durante o inverno e debido ás esixenzas do programa de estudos pois os alumnos non poden realizar”. Lucía Bouza convida “a todos os rapaces a participar nestas citas e a disfrutar facendo música”.
O primeiro obradoiro é o seminario de vento que se desenvolverá do 29 xuño ao 3 de xullo. Está destinado a alumnos que desexen iniciarse nos instrumentos de ventos e a alumnos xa iniciados. A edil de Educación suliña que “todos os cursos rematarán cun concerto na rúa. Éste primeiro será o 3 de xullo ás 20:00 horas”.
Do 20 ao 24 de xullo desenvolverase o seminario de piano e percusión destinado tamén a alumnos de inicio e de nivel avanzado. O seminario de música clásica será do 17 ao 21 de agosto e poderán participar os alumnos que leven cursado polo menos tres cursos de instrumentos de corda. Lucía Bouza lembra que “este seminario é o segundo ano que se realiza e ten por obxectivo principal por en contacto aos alumnos de corda e vento coa música clásica, pero coa pretensión de que non vexan nela unha música aburrida, senón que sexan capaces de disfrutar coma coa música que máis lles agrade”. E do 24 ao 28 de agosto haberá un obradoiro de apreciación musical dirixido aos nenos de catro a oito anos “que descubrirán o noso primeiro instrumento musical que é a voz, haberá contacontos musicais, cantaxogos e talleres de construcción de pequenos instrumentos de percusión”.
O prazo de matrícula para participar nestes talleres será ata o día antes do comenzo de cada curso. O curso de apreciación musical para nenos terá un prezo de 5 euros para todos os matriculados. E o resto dos cursos serán gratuitos para os alumnos da Escola de Música de Burela e terá un custe de 10 euros para o resto dos participantes.
Dentro desta programación tamén se inclúe o segundo seminario de jazz que se celebrará do 13 ao 17 de xullo e que será presentado nun acto a desenvolver no Concello de Burela o vindeiro venres 19 de xuño.

sábado, 13 de junio de 2009

CURSO DE VERAN DA USC


O Concello de Burela acolleu a presentación do curso de verán da Universidade de Santiago de Compostela que se desenvolverá na vila do 13 ó 17 de xullo e que leva por título Inmigración e Desenvolvemento local: as claves educativas e sociais. O alcalde, Alfredo Llano, sinalou que “os obxectivos desta importante cita para Burela pasan por estudar as claves que definen a importancia dos fluxos migratorios no actual panorama de globalización; analizar as repercusións da inmigración no eido local; revisar criticamente a relación entre inmigración e cidadanía; avaliar algúns enfoques ou orientacións vencelladas a pautas de integración das persoas e dos colectivos inmigrantes no ámbito local e trazar as oportunas implicacións socio-educativas da inmigración na vida local de Galicia”.
O curso está dirixido a estudantes universitarios, mestres e profesores en xeral, orientadores escolares, técnicos de educación, de cultura e dos servizos sociais de Concellos, organizacións cívicas, etc… Llano salientou que “é importante resaltar que este curso conta co recoñecemento como actividade homologada de formación permanente do profesorado non universitario por parte da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria e que tamén recoñece 2 créditos de libre configuración para os estudantes da USC”.O rexedor sinalou que “un dos piares básicos deste Concello é a preocupación pola educación e pola formación como base do benestar xeral das persoas, motivo polo cal, o Concello de Burela seguirá apostando polas actividades formativas”.Pola súa banda, a concelleira de Formación e Emprego, Sonia Fraga, destacou “a importancia que na actualidade tén a formación das persoas e por este motivo decidiu apoiar a realización deste curso en Burela”. Fraga subliñou tamén que “este curso pode ser moi interesante para aquelas persoas que estean preparando oposicións ou calquera tipo de promoción xa que está recoñecido como actividade homologada de formación”.

A edil de Educación, Lucía Bouza, resaltou que “este curso trae a Burela personalidades de grande recoñecemento no campo da investigación antropolóxica, nunha semana a que vai do 13 ao 17 de xullo que será de grande importancia no eido educativo, posto que este curso completarase co II Seminario de Jazz e Música Moderna do Concello de Burela, que será presentado os próximos días e que contará tamén con profesionais da música máis recoñecidos na nosa comunidade”.

II CURSO DE PRIMEIROS AUXILIOS E SOCORRISMO ACUATICO


A Delegación de Mar de Burela organiza o II curso de Primeiros Auxilios e Socorrismo Acuático, que comezará o luns 15 de xuño. Segundo explica a edil Remedios López Villara primeira parte a realizar será a de primeiros auxilios de 22 horas de duración, en horario de 17:00 a 22:00 nas aulas da Cruz Vermella de Burela. Será imprescindible pasar esta parte para poder acceder ó curso de socorrismo acuático que será de 80 horas de duración”.

A concelleira de Mar sinala que “a parte de socorrismo acuático terá unha proba de acceso o venres 19 de xuño, e seguidamente comezará dito curso coa idea de rematalo o 30 de xuño. As prácticas realizaranse na piscina e no mar e ó final recibirán un título homologado para traballar de socorristas nas praias ou piscinas”.
A edil socialista, Remedios López , apunta que “o custe do curso será de 50 € para as persoas que estean empadroadas no Concello de Burela e 250 € para o resto do persoal. Con estes cursos inténtase formar en asuntos de mar á poboación mariñeira, ademais de fomentar o emprego en época estival para os estudantes que se ven recompensados cunha fonte de ingresos”.

miércoles, 10 de junio de 2009

CURSO DE INICIACION AO SURF


O do Concello de Burela, a través da Concellaría do Mar, e o Clube de Surf Hola Ola de Ribadeo, organizan un curso de iniciación a este deporte denominado A túa primeira onda. Conta coa colaboración da Diputación Provincial de Lugo e da Federación Galega de Surf.
Remedios López explica que “o curso consistirá nunha iniciación ó surf durante dous dias o 26 e 27 de Xuño nunha das praias de Burela. Está dirixido a nenos a partir de 7 anos e sen límite de idade, só é necesario saber nadar. Desde a Concellaría do Mar quixemos facelo coincidir coa entrega dos premios aos gañadores do certame de relato curto do mar”.Este curso, segundo explica a edil de Mar, “é totalmente gratuito e inclúe todo o material necesario (táboa, traxe de neopreno, etc…) así como a impartición do mesmo a cargo dun monitor titulado e un seguro de accidentes e de responsabilidade civil”. Os interesados deberán apuntarse na bliblioteca do Concello deixando o seu nome, a idade e o seu teléfono para poder organizar os grupos que participarán nesta cita co surf.

jueves, 4 de junio de 2009

BOAS FESTAS


O alcalde de Burela, Alfredo Llano, convida a todos os veciños da Mariña a achegarse nos vindeiros días a gozar das festas patronais que vivirán a súa fin de semana grande. Llano sinala que “o pobo vai recibir a centos de persoas porque todas as familias teñen moitos convidados estes días. O venres temos, por exemplo, a actuación de La Guardia coa que agardamos que todos se divirtan e o pasen o mellor posible”.
O rexedor suliña a importancia que teñen as procesións da fin de semana para todo o pobo, pero sobre todo para as xentes do mar. Alfredo Llano apunta que “o sábado asistiremos á confección da alfombra floral pola que a Virxe do Carme baixará ata o porto pola noite. Ojalá non chova, tocaremos madeira, porque desde moi cedo ducias de persoas traballarán durante horas para facer esta fermosura no chan, a xente involúcrase moito, é un exemplo de traballo colectivo e en harmonía. A alfombra ten unha lonxitude dun quilómetro, máis ou menos, e son poucas as horas nas que poderá verse ou sexa que animo a todos os que queiran a que se acheguen durante a xornada do sábado a ver a nosa alfombra floral pola que discorrerá a procesión a partires das nove e media da noite, aproximadamente”. O alcalde de Burela alude “á connotación tan importante que ten este acto coas xentes do mar, pero tamén co resto da nosa poboación. O que se vive e se respira en un ambiente de total respecto. E despois temos o domingo a procesión dos barcos, para a que tamén agardamos contar con bo tempo e cunha participación importante dos nosos barcos e mariñeiros. É un acto moi vistoso”.

O luns, festivo local

As festas de Burela deste 2009 rematarán o luns 8 de xuño “día festivo no pobo e no que entre todos compartiremos a nosa festa coa presencia de boas orquestras das que gozar como son Panorama e Philadelfia”. O alcalde convida “a todo aquel que queira participar nas nosas festas, unhas das mellores da comarca da Mariña, a que se achegue estes días a Burela. É das primeiras que se celebran, xa que como todos saben adiantáronse no tempo para que os mariñeiros que participan na costeira do bonito poidan asistir a estas festas en honor á Virxe do Carme. E mándolles un saúdo especial aos nosos mariñeiros que a vindeira semana parten cara a costeira do bonito. Desexámoslle desde o Concello moita sorte”.

miércoles, 3 de junio de 2009

SERVIZO DE "R"


Según indica o operador R, en Burela “xa poden recibir servizo parte da rúa Arcadio Pardiñas e outras como Camiño Real, Matos e Ril. Arestora estase executando obra civil na rúa Nosa Señora do Carme e de contado acometeranse as obras en Rosalía de Castro”. O alcalde de Burela, Alfredo Llano, indicou que “estamos apostando duro polas novas tecnoloxías para ofrecer un bo servizo a todos os cidadáns e tamén que exista competitividade á hora de elixir unha empresa ou outra. R veu presentarse ó noso Concello e aseguraron que están preparados para en pouco tempo dar servizo a 5.000 abonados. Isto será bo para Burela polas oportunidades que suporá para as comunicacións, para internet e para todo aquelo que é parte fundamental dos nosos fogares. Isto dará unha oportunidade de elección ós veciños e de poder disfrutar de algo que nos corresponde nos tempos nos que estamos”.

DIA MUNDIAL DO MEDIO AMBIENTE


O Concello de Burela preparou varias actividades para conmemorar o día mundial do Medio Ambiente que se van celebrar o xoves e o venres. Segundo explica a edil de Medio Ambiente, Lucía Bouza, “estas actividades foron preparadas e serán desenvolvidas pola Aula Medioambiental Gaia e, en realidade unha destas actividades vense desenvolvendo xa desde a pasada semana: o intercambio de xoguetes. Nesta actividade puideron participar todos os nenos e nenas do concello con idades comprendidas entre os 0 e os 12 anos. É esta unha actividade coa que se trata de concienciar á infancia de que os obxectos que temos nas nosas casas e que xa non empregamos (neste caso trátase de xoguetes) poden ter aínda máis vidas que outra persoa lles pode dar. É dicir, trátase de que aprendamos a reutilizar as nosas cousas”.
A concelleira socialista engade que “neste caso concreto, cada neno ou nena entrega ata un máximo de tres xoguetes polos que obterá uns puntos que poderá utilizar para cambiar por outros xoguetes. Como dicíamos esta campaña desenvolveuse ao longo da semana pasada e mañá xoves día 4 de xuño, os participantes poderán intercambiar os vales que recibiron ao entregar os seus xoguetes por outros xoguetes nun acto que terá lugar na Praza do Concello entre as 17:00 e as 19:00 horas e que estará guiado polas dúas monitoras de Gaia”.
O venres 5 de xuño na Praza do Concello, entre as 16:30 e as 18:00, terá lugar o Xogo das Pegadas. Lucía Bouza sinala que “é un xogo para realizar ao aire libre no que os participantes camiñan por un taboleiro con varias casillas que deben percorrer respectando a unha serie de preguntas relacionadas co Medio Ambiente. O xogo desenvolverase en grupos de 5 nenos/as e todos os participantes serán agasallados cun libro. Ademais, ao remate da actividade haberá unha gran merenda para todos, patrocinada polos seguintes establecementos: Confitería Kiko, Panadería Trabada, Panadería Bahía, Panadería Abad, Carnicería Antonio, Carnicería O Campón, Carnicería Rufino, Supermercado Gadis, Supermercado Eroski, Supermercado Cemar, Supermercado Froiz e Supermercado Dayanpri”. A edil de Medio Ambiente e as monitoras de Gaia destacaron o “noso agradecemento a todos estes establecementos que colaboran nunha campaña medioambiental cedendo os produtos para a merenda”.

martes, 2 de junio de 2009

II CERTAMEN DE RELATO CURTO DO MAR


O Concello de Burela, a través das Delegacións do Mar e de Educación, convoca o II Certamen de relato curto do mar, para nenos/as de Burela que estean a cursar estudios de educación primaria e secundaria. Segundo explica a edil de Mar, Remedios López Villar, “trátase de relatar mediante un escrito vivencias ou historias relacionadas co mundo do mar, o tema para esta 2ª edición será a pesca”.Remedios López suliña que “haberá catro premios, un para cada ciclo de educación primaria e o cuarto para a ESO. Este ano o agasallo para os gañadores serán taboas de bodyboard. Ademáis todos os participantes terán un agasallo, só por participar, que será doado pola concelleira de Educación, Lucía Bouza. E entre todos os inscritos e participantes que acudan ao acto de entrega sortearase unha consola”.
A edil socialista sinala que “o ano pasado este certame tivo moito éxito xa que se implicaron todos os colexios de Burela, e agora mandarán un representante para o xurado. Espérase igualar a participación ou incluso superala xa que todos os bureleses son coñecedores de historias mariñeiras”.
O prazo de presentación de traballos abríuse onte 1 de xuño e rematará o día 20 deste mes. A entrega de premios farase no salón de plenos do Concello o 27 de xuño.