lunes, 28 de septiembre de 2009

PROXECTOS DA CONCELLERIA DE MAR


Remedios López, concelleira de Mar en Burela, presentará nos vindeiros días dous proxectos para os que tentará conseguir subvencións a través do Grupo Acción Costeira A Mariña-Ortegal. Remedios López asegura que “se trata de dúas actividades moi importantes para a miña área no ano 2010”
A edil socialista sinala que “a primeira e moi novidosa é a denominada Memoria do oficio do mar en Burela. Queremos facer un obradoiro da memoria recente de Burela, con testemuñas directas do inicio, desenrolo e crecemento da economía marítima, e así plasmar en material impreso e audiovisual a vinculación do concello de Burela co mar, a través de entrevistas a personaxes relevantes da vida municipal, da súa visión da historia recente da nosa vila e recompilar vivencias marítimas cos xubilados do mar e as súas familias”.
López Villar segue a contar que “co segundo proxecto queremos darlle continuidade á guía gastronómica Os sabores do noso mar, coas que tentamos o incremento do consumo de produtos pesqueiros e promocionar o sector da restauración cada vez máis implicado neste proxecto. Ata agora nestas guías gastronómicas temos presentados dous exemplares a da merluza do pincho e a do bonito de Burela. Neste 2009 presentaremos a do ourizo e para o ano que ven tentaremos sacar a diante as do peixe espada e pulpo de rocha”. A concelleira de Mar estima que “os orzamentos necesarios para levar a diante estas dúas actividades serán 46.674,13€ dos que 16.719,52€ irán destinados para a contratación dun licenciado en Historia”.

miércoles, 23 de septiembre de 2009

EXITO DA SEMANA EUROPEA DA MOBILIDADE


Unha vez rematados os actos da Semana Europea da Mobilidade, a delegada de Medio Ambiente, Lucía Bouza, amósase moi satisfeita cos resultados e fai un balance moi positivo xa que houbo un índice de participación moi alto, houbo moita xente que pediu que se repetira a iniciativa máis veces ó ano e o feito de escoller o domingo para pechar as rúas ó tráfico non ocasionou grandes molestias.

Lucía Bouza explicou que “ houbo un alto índice de participación en tódalas actividades programadas, moi especialmente nas do domingo, que era o día no que se pecharon algunhas rúas ó tráfico, e dicir tamén que fomos moi afortunados porque o tempo nos acompañou, porque como é lóxico nas actividades ó aire libre se chove evidentemente estropéanse un pouco. Afortunadamente, a choiva deunos unha tregua, puidemos realizar as actividades como estaban programadas e houbo unha grande afluencia de público, especialmente de público infantil”.
A edil de Medio Ambiente sinalou que “en segundo lugar, tamén facemos un balance positivo porque o domingo foron moitos os que se dirixiron a nós para comunicarnos que lles parecía unha iniciativa moi interesante e que lles parecía oportuno que repetíramos máis dun día ó ano o que é o peche de rúas con organización de actividades nas mesmas. Todos nos pedían que o fixeramos máis a miudo. E en terceiro lugar, hai que dicir que o feito de escoller o domingo como día para facer os cortes de tráfico implicou que foran moi escasas as molestias ocasionadas, xa que non temos coñecemento de que houbera ningunha en particular e por isto este ano quedaron moito máis reducidas estas molestias que poderían ocasionarse nun día pola semana”.

Bouza lembrou que “o Concello de Burela loita por mellorar a mobilidade e a accesibilidade tódolos días do ano, non só durante a Semana Europea da Mobilidade. Por iso, en vindeiras datas vanse rebaixar beirarrúas, crearanse máis zonas de distribución de carga, pasos elevados e tamén se colocarán beirarrúas táctiles, entre outras medidas que tomou a Concellaría de Obras en colaboración sempre coa Delegación de Medio Ambiente”.
A edil socialista engadiu que “é de agradecer sinceramente a participación a todos aqueles colectivos que se implicaron nesta Semana Europea da Mobilidade porque consideraron que é un motivo importante para colaborar con nós. Deste xeito, as organizacións que participaron foron o colectivo cultural Buril, a asociación de sendeirismo Pasada das Cabras, o Clube Ciclista de Burela, a asociación de palilleiras e a asociación musical Dambara. Todos estes colectivos colaboraron desinteresadamente con nós na celebración organizando actividades para reforzar a semana e por este motivo estámoslles moi agradecidos, igual que o estamos con tódolos hosteleiros que participaron nas xornadas gastronómicas que tamén apoiaron esta medida que a nós nos parece tan importante”.

BARCO MUSEO




Remedios López explicou que “se facemos un balance do barco museo a día de hoxe podemos dicir que no verán, que estivo aberto tódolos días de mañá e tarde, foi visitado por un total de 2.200 persoas e houbo días durante o mes de agosto que chegaron a visitalo 100 persoas. Agora coa chegada do outono cambiamos o seu horario e estará aberto de 9:00 a 14:00 horas e de 16:00 a 18:00 horas de luns a venres, permanecendo pechado as fins de semana. O barco museo Reina del Carmen ademais durante o curso escolar será publicitado a colexios de Galicia, de Asturias e incluso de León, dando así a coñecer as nosas orixes da pesca tradicional e artesanal”.A edil de Mar de Burela sinalou que “o barco boniteiro ten un casco de madeira que durante trinta anos estivo adicado á pesca do bonito, da merluza do pincho e mais do peixe espada e tivo a gran sorte na súa xubilación de non ser desmantelado, de non ser desguazado para convertelo nun barco museo.


O Reina del Carmen é un mudo testemuño do que é a vida dos homes do mar e despois de visitalo e pasar polas bodegas, pola ponte, pola sala de máquinas, os camarotes, o rancho de popa, pola cociña, etc, etc, chegamos á conclusión do dura que era a vida da tripulación, dos trece mariñeiros que traballaban nel, que durante trinta días tiñan que convivir todos xuntos para chegar a terra, descargar , pasar un día de descanso e volver outra vez a saír ó mar. Todo isto vese recollido nun vídeo que se proxecta de forma didáctica”. Remedios López recomenda “a visita a todo o mundo pero tamén ós colexios que teñen ademais a visita gratuita e con isto intentamos dar a coñecer as nosas orixes da pesca, a pesca sostible e o cuidado e respeto ó medio ambiente

martes, 22 de septiembre de 2009

XORNADAS DO PEIXE ESPADA


Ración a 5 euros nas xornadas gastronómicas do peixe espada que se celebrarán en Burela
Na ponte do Pilar, os días 9, 10 e 11 de outubro, celebraranse en Burela as Xornadas Gastronómicas do Peixe Espada. A delegada de Mar do Concello de Burela Remedios López, explicou que "estamos mirando de encargar o peixe a unha empresa de peixe conxelado, xa que por exemplo esta semana, na lonxa de Burela, houbo peixe espada, pero fresco, non conxelado". Remedios López explicou que "a ración do peixe espada á grella, en 5 euros . Logo despois, cada restaurante elaborará novos pratos ós que poñerán o prezo segundo eles consideren e vexan máis axeitado"

lunes, 21 de septiembre de 2009

RENOVACION DE BIONDAS


O alcalde de Burela, Alfredo Llano, anunciou que nestes días estanse a renovar as biondas da estrada que une Burela coa Marosa e que as columnas que as suxeitan estanse recubrindo cun material flexible que amortigua posibles accidentes, sobre todo, de motoristas.

O rexedor burelés explicou que “cumprindo un acordo entre o Concello de Burela e a Deputación de Lugo, todo ó longo da estrada dende Burela á Marosa, na rúa que lle corresponde á Deputación, estanse colocando unhas novas biondas, xa que algunhas xa estaban moi deterioradas e facía falla renovalas e colocalas de novo”.Alfredo Llano sinalou que “ó mesmo tempo, considero que se fixo unha labor extraordinariamente boa ó colocarlle a cada suxeitador da bionda un protector de un material especialmente flexible e adaptado para que eviten, en caso, esperemos que non haxa ningunha cousa que lamentar, pero en caso de que haxa algunha caída que sirva para protexelas. É un material flexible de tal xeito que evita e amortigua calquera golpe ó mesmo tempo que lle dá unha nova connotación estética ó trazado do paseo, de tal xeito, que mellora a situación”.

Llano engadiu que “de momento, é unha das cuestións que estaban comprometidas con algún colectivo de motoristas e espero que con esta solución, a tendencia sexa a ter unha colaboración máxima e que estea contento este colectivo e outros que utilizan estas rúas”.

martes, 8 de septiembre de 2009

MELLORAS EN RUAS DE BURELA


A Consellería de Economía e Industria ven de conceder unha subvención de 66.737,73€ ao Concello de Burela para melloras de alumeado e dotación de mobiliario urbanos nas rúas Rosalía de Castro e Pardo Bazán. Segundo explica o edil de Obras, Pascual Doménech, “sobre un coste total de 95.339,61€, o investimento subvencionable é do 70 % a repartir en dúas anualidades: 38.135,84€ no 2009, e 26.695,09 no 2010”.
Doménech sinala que “é necesario facer especial incidencia en executar obras de mellora dos equipamentos públicos con actuacións de carácter urbanístico nas rúas que potencien aspectos comerciais, dotándoas de máis servizos e proporcionarlle un aspecto o máis atractivo posible. Por todo elo, decideuse redactar o proxecto de mellora de alumeado público e dotación de mobiliario urbano en ditas rúas, obras necesarias dado o estado no que se atopa o alumeado público, escaso para unha zona de gran actividade e desenrrolo comercial”.
As obras a executar, segundo o edil socialista, “consisten no suministro e reposición de columnas e luminarias existentes, así como un estudo de reubicación e ampliación de farolas co obxeto de mellorar a luminosidade e cumprir coas esixencias mínimas da lexislación actual. Tamén será necesario facer a canalización subterránea do cableado que actualmente se atopa formada por báculos a fachada, principalmente na rúa Pardo Bazán. E así mesmo se dotará a zona de mobiliario urbano consistente en bancos e papeleiras uniformemente distribuidas”.

martes, 1 de septiembre de 2009

ACTIVIDADES DA AULA MEDIOAMBIENTAL "GAIA"


O Centro de Educación Medioambiental Gaia de Burela ten organizou unha festa na Praza da Mariña, con motivo do remate das actividades de verán. A delegada de Medio Ambiente, Lucía Bouza, amosouse moi satisfeita co éxito desta iniciativa e pensa xa na organización da mesma para o vindeiro verán.

Lucía Bouza explicou que “hoxe mesmo rematan as actividades de verán que estiveron organizadas polo Centro de Educación Medioambiental Gaia. Para este final, como é habitual noutros anos, as monitoras teñen organizada unha pequena festa que ten lugar na Praza da Mariña durante toda a mañá de hoxe”.

A delegada de Medio Ambiente lembrou que “as monitoras de Gaia realizaron moi diversas actividades como foron obradoiros de globoflexia, contacontos, obradoiros con cometas, tamén roteiros e visitas varias polo noso pobo como a ruta das fontes ou a dos castiñeiros, ademáis de ó barco museo, adicaron unha xornada á limpeza de praias e fixeron varias actividades ó aire libre durante todo o verán”. A edil socialista tamén suliñou as campañas de sensibilización que desenvolveron “a primeira delas foi unha para reutilizar que consistiu no reparto de bolsas para bocadillos lavables e reutilizables que favorecen evidentemente un menor consumo de papel de aluminio e de plásticos. Esta campaña levárona a cabo durante todo o verán en tódalas actividades que realizaron ó aire libre. A tódolos participantes se lles foron dando estas bolas para os bocadillos. Por outra banda, realizaron outra campaña en dous días puntuais que foi para favorecer a utilización de cinceiros nas praias. Consistiu no reparto e explicación de cómo se utilizan os cinceiros que son tamén reutilizables”.
Bouza engadiu que “todas estas actividades que viñeron realizando tiveron moito éxito en canto a afluencia de público e eso fai que pensemos xa no vindeiro verán no que se van manter e posiblemente intentaremos mellorar”.