martes, 22 de diciembre de 2009

ENTREGA DE BOLSAS PARA PODER RECICLAR


As Delegacións de Medio Ambiente e Obras do Concello de Burela desenvolverán durante o nadal unha campaña de concienciación para favorecer unha correcta xestión dos residuos nos fogares.
Segundo explica a edil socialista, Lucía Bouza, “esta campaña consistirá no reparto de tres bolsas reutilizables e que se acoplan entre si, para seleccionar os residuos nos nosos fogares e separar así correctamente o vidro, o papel-cartón e os envases. Este reparto completarase coa elaboración de enquisas sobre os nosos hábitos á hora de xestionar o lixo e tamén coa entrega de información sobre os puntos que hai no noso concello para recoller certos residuos como son os móbiles, cds e dvds, pilas, mobles, etc…”. A concelleira de Medio Ambiente engade que “a infomación que se dará nesta campaña tamén será relativa ao funcionamento do punto limpo”.
Para poder recoller estas bolsas, os cidadáns deberán ensinar o derradeiro recibo do lixo. O Concello instalará mesas informativas para facer o seu reparto en todos os supermercados da vila, entre as 11 da mañá e as 13 horas do mediodía. Lucía Bouza suliña que “o 23 estaremos no supermercado Froiz, o 28 de decembro no Gadis, o 29 no Día de Arcadio Pardiñas, o 30 no supermercado Claudio, o 4 de xaneiro no Eroski e o 5 no Cemar”.

lunes, 21 de diciembre de 2009

REMATE DAS OBRAS DE AMPLIACION DO PORTO


O alcalde de Burela, Alfredo Llano, amósase moi satisfeito polo remate das obras de ampliación do porto. O rexedor convida aos veciños a que se acheguen a visitar na zona na que hoxe está atracado un barco de Oslo, que está a cargar 8.000 toneladas de caolín.

Llano sinalou que “como consecuencia destas melloras que se realizaron no peirao, o que se fixo básicamente foi agrandar a posibilidade de calado, que pasou de 3.000 a 8.000 toneladas. Algo que xa se está aproveitar co barco que está alí atracado agora mesmo, ven de Oslo cargar 8.000 toneladas de caolín”.
O alcalde considera que “ésta é unha noticia importante para Burela porque ven certificar que o noso porto vai collendo unha personalidade extraordinaria pola diversidade de funcións ás que se vai adicar. Temos a comercial, que comenza agora con esta nova carga de caolín, temos a actividade pesqueira e agardemos que en pouco tempo a deportiva tamén sexa unha realidade no noso porto. Esto ven a engadir un valor moi importante para Burela, dado que si o peirao se explota ben traerá unhas consecuencias moi positivas para o noso concello”.

O rexedor suliñou que “xa prácticamente o porto funciona ás mil maravillas, quedou unha explanada enorme e que cheguen estes barcos tan grandes ven indicar que estamos gañando en importancia e en influencia no Cantábrico. Será unha referencia clara para a nosa economía, para a nosa sociedade e para o noso porto. Agardo que esto implique a chegada de cousas moi positivas para o noso concello”.

miércoles, 16 de diciembre de 2009

LIBRO DE RECEITAS DO OURIZO DE MAR


A Delegación do Mar de Burela ven de presentar o terceiro libro gastronómico de Os sabores do noso mar que está adicado ao ourizo de mar. A edil, Remedios López, asegura que “tentamos publicitar e dar a coñecer os produtos de gran calidade que se comercializan no noso peirao. Igual que se fixo co receitario da pescada do pincho ou co bonito de Burela estes receitarios repartiranse de forma gratuíta entre a hostalería e levarase por España ás distintas feiras nas que participe o Concello de Burela”.
A concelleira de Mar sinala que “nesta ocasión trátase dun receitario con 13 fotos a color e receitas preparadas polos restauradores máis importantes de Burela. Neste exemplar podemos encontrar pratos tan coñecidos como: revolto de ourizo, tosta de ovo de codorniz con caviar de ourizo de mar, ourizos de mar con fabas, ourizos a vinagreta, paté de ourizo, secreto de ourizo, pizza de ourizo, ourizo recheo de lubrigante, pementos do piquillo recheos de marisco, ourizo e boi de mar, parfait de ourizo de mar e algas, tortilla de ourizo, espárragos recheos de caviar de ourizo e delicias de ourizo con algas nori”.
López Villar engade que “fixéronse 1.000 exemplares que se repartirán nestas datas entre os restaurantes que participaron na xornada gastronómica que se fixo no mes de marzo. Cada restaurante levará 30 exemplares que poderá dar de forma gratuíta á súa clientela sempre e cando consuma algún produto que se comercialice no peirao do Burela. Con esta iniciativa invitamos aos comensais a vir a Burela a comer peixe ou marisco, ou facer a comida de empresa e veranse agraciados cun exemplar desta edición”.
A edil socialista anuncia que “estas xornadas, as máis rendibles para os nosos hostaleiros, volverán a repetirse nos anos vindeiros ata consolidarse igual que se fixo coas anteriores”. O departamento que dirixe Remedios López xa está a traballar na cuarta edición desta colección de libros adicado ao peixe espada.

OBRAS EN RIL


Costas aproba definitivamente o proxecto de dotación de servizos á praia de Ril, segundo ven de anunciar o alcalde de Burela.

Alfredo Llano asegurou que “acabamos de recibir de Costas un fax no que nos informan que quedou aprobado definitivamente o proxecto de dotación de servizos á praia de Ril. Unhas obras que contan cun orzamento de 128.000 euros”.

O rexedor sinalou que “o proxecto non tardará moito en ser licitado e agardamos que esta obra estea en servizo para o vindeiro verán. Implicará a mellora da zona de aparcamentos, xogos de ximnasia saudable para as persoas maiores, e váise colocar un área de esparcemento infantil e de xogos. Quedará moi ben dotada esta praia e esperamos que siga a ser unha das máis demandadas do noso concello”.

Llano considera que “se trata dunha boa nova para Burela e agardo que sexa executada o antes posible”.

viernes, 4 de diciembre de 2009

ACTIVIDADES MEDIOAMBIENTAIS


A Delegación de Educación e Medio Ambiente do Concello de Burela presentou as actividades que ten programadas para desenvolver ao longo do nadal 2009-2010.
A edil socialista, Lucía Bouza, anunciou que “as monitoras da Aula de Educación Medioambiental Gaia organizan un obradoiro de decoración de nadal baixo o lema Decora o nadal. Neste obradoiro poderán participar, de xeito totalmente gratuito todos os nenos e nenas escolarizados en educación infantil e primaria. Para iso, deberán completar a ficha de inscrición que se atopa na Biblioteca Pública Municipal até o 10 de decembro”. O obradoiro desenvolveráse os días 14, 16, 17 e 18 de decembro a partires das 18 horas nas dependencias da Casa da Cultura.
A Delegación de Educación e Medio Ambiente tamén convoca a terceira edición do certame de nadal Propostas para mellorar o Medio Ambiente, “que este ano ten como tema central a mobilidade sostible. Como xa é tradicional, o certame presenta de novo tres variantes: concurso de fotografía, de relato curto e de debuxo. Todos aqueles que desexen inscribirse poden facelo a partires do vindeiro mércores día 9 de decembro na Biblioteca Pública Municipal”. Lucía Bouza explicou que “ao igual que nas edicións anteriores, haberá cinco primeiros premios dotados con cámaras fotográficas e haberá tamén o sorteo dunha consola entre todos os participantes, que tamén serán agasallados con libros de lectura. A data límite para a aceptación dos traballos será o 9 de xaneiro de 2010.

martes, 1 de diciembre de 2009

SORTEO DUNHA CESTA DE PEIXE


A partires de mañá as persoas que merquen nas peixerías de Burela recibirán unha papeleta e entrarán no sorteo dunha cesta de peixe e marisco fresco do porto valorada en mil euros. A campaña, posta en marcha pola Concellaría de Mar “intenta promocionar e fomentar un ano mais o consumo dos produtos pesqueiros que se adquiran nas peixerías do municipio procedentes da lonxa de Burela”, segundo explica Remedios López Villar.

A edil socialista lembra que “esta iniciativa comezou o ano pasado por primeira vez e foi moi ben aceptada polas peixerías do municipio, coas que nunca noutra ocasión o Concello tiña traballado. En total participan 9 peixerías na campaña deste 2009 que son: Peixería PEPA, Peixería CARMIÑA, Peixería PEPE, Peixería PASTORIZA, Peixería RUBÉN, Supermercados CEMAR, Supermercados EROSKI, supermercados GADIS e a cetárea de mariscos do Palacio de Cristal”.
A concelleira de Mar manifesta que “as nove peixerías repartirán entre os clientes que merquen productos procedentes da lonxa de Burela durante o mes de decembro unha papeleta para entrar no sorteo dunha magnífica cesta de peixe e marisco fresco. Esta cesta será doada por ABSA, que sempre está interesada en apoiar as iniciativas que realiza o Concello para promocionar os seus produtos, e colabora así doando unha cesta valorada en 1000€. Levará os produtos mais representativos de todas as artes do noso peirao como merluza, rape, rodaballo, lubina, centolo, nécora…”.
Remedios López engade que “o Concello encárgase da organización e publicidade, repartindo entre as peixerías que participen 8000 papeletas que se poñerán a circular a partires de mañá 1 de decembro, 300 carteis que os exportadores repartirán por toda Galicia e farase publicidade en prensa, radio e televisión coa única intención de fomentar o consumo de produtos pesqueiros de Burela. O sorteo da cesta celebrarase o 30 de decembro ás 12 no salón de plenos do Concello de Burela, será un acto aberto ao público e transparente, invitando a todo o mundo que queira a participar. Alí sacaremos a papeleta gañadora que levará esa cesta para disfrutala na súa casa”.

viernes, 27 de noviembre de 2009

AUTOVIA FERROL - SAN CIBRAO


O alcalde de Burela considera moi importante para A Mariña e Ortegal a construción da autovía Ferrol-San Cibrao. Alfredo Llano asistiu ó encontro celebrado esta mañá en Ortigueira para reclamar que esta infraestructura non se paralice.
O rexedor explicou que “hoxe reunímonos en Ortigueira a maioría dos alcaldes tanto da costa da Coruña, como da Mariña lucense porque estamos preocupados pola parálise que se está a dar coa autovía Ferrol-San Cibrao. Hai que ter en conta que hai que apostar por todas as zonas de Galicia, o desenvolvemento é importante para todos. Consideramos que o norte das provincias de A Coruña e Lugo é importantísimo para a economía galega e intentaremos por todos os medios que estas infraestructuras sexan un referente para estas comarcas”.
Llano engadiu que “a base da reunión foi reclamar que non se paralice este vial que tan importante é para todos nós. Hai que ter en conta que si queremos desenvolver económicamente estas nosas zonas teñen que contar cunhas boas infraestructuras. Hai que crear expectativas entre a xente, oportunidades e bó ambiente, porque si esto se vai paralizando estas comarcas tamén se irán desmantelando humanamente e eso quererá decir que perderemos poboación”.
O alcalde suliñou que “esa infraestructura é de suma importancia e que todo o mundo sepa que estamos loitando para que sexa unha realidade”.

lunes, 23 de noviembre de 2009

MELLORAS NAS PRAIAS DE BURELA


O alcalde de Burela, Alfredo Llano, e responsables de Costas estiveron a supervisar as obras que está a executar este departamento no municipio, e as que comezarán nos vindeiros meses.

Llano sinalou que “estivemos mirando as obras que están a piques de comezar a realizarse e outras que están pendentes de execución. Son obras que en xeral serán moi boas para Burela. Todo o que propicie a mellora de infraestructuras e para atraer turismo será bó para todos”. Entre as obras que foron visitadas hoxe figura a conexión de Rueta coa Marosa, “é un paseo marítimo extraordinariamente longo e as obras están a piques de rematar. Despois tamén está o aparcamento na zona do Cantiño, xunto co chan que se mellorará no propio parque que hai alí”, seguiu a relatar o rexedor de Burela.

Alfredo Llano manifestou que “na praza do Portelo vanse realizar traballos de acondicionamento a partires de xaneiro, porque xa está rematado o proxecto que penso que é moi bonito e que lle vai dar moito valor a esa zona. Tamén se está a facer o deseño e a fabricación dunha malla na praia, esa malla colócase todos os invernos para que os ventos do nordés non leven a area ás beirarrúas e a parte do paseo. Costas xa se comprometeu a colocar unha nova malla. O proxecto do Portelo que consistía en colocar novos servizos sanitarios adaptados, un almacén, un miradoiro e unha zona para os vixiantes do areal estará xa listo en decembro”.

O alcalde dixo que “en Ril haberá tamén unha mellora substancial naquela praia, nos aparcamentos e contaremos cun ximnasio ao aire libre para as persoas maiores. Esto xa está pensando para ser executado no ano 2010. E agora estáse a traballar duramente na adaptación da praia do Perdouro, que consistirá en construír un espigón de protección, ademáis de dotala de máis area. Agora non é moi utilizada, pero en canto estea preparada será un dos nosos atractivos turísticos. Este proxecto estará listo en decembro”.
Llano engadiu que “na Marosa vaíse prolongar o espigón, preparar e ampliar para que sexa unha praia máis segura, e estea adaptada ás esixencias de seguridade. Agardamos que para o vindeiro verán se noten xa todas estas melloras e que realmente lle dean unha dimensión ao noso concello de Burela”.

sábado, 21 de noviembre de 2009

PROMOCION DO PEIXE E DO MARISCO DE BURELA


A Concellaría de Mar, que dirixe Remedios López, está a preparar por segundo ano consecutivo a campaña de Nadal para as peixerías. A edil socialista explica que “este ano igual que o ano pasado faremos faremos o sorteo dunha cesta doada por ABSA co mellor peixe e marisco que se vende no noso peirao, e imos promocionarnos en prensa, radio e televisión”.
Remedios López sinala que “o noso obxectivo é publicitar, dar a coñecer e asesorar á xente para que no Nadal merque os nosos produtos. Decembro é un mes moi consumista, onde se mercan cousas innecesarias, e moitas veces a xente quere aforrar no principal que é a comida”. A concelleira de Mar considera que “agora é o momento de agasallar á nosa familia co mellor que temos en Galicia, peixe e marisco de calidade, mercando diariamente nas peixerías que participen e así entraremos no sorteo da cesta”.Durante todo o mes de decembro repartiranse papeletas cada vez que se merque un produto subastado no peirao de Burela, nas peixerías participantes, coas que está a contactar o Concello. Ramedios López asegura que “a maioría ve moi positiva esta iniciativa, e algunhas incluso nos chamaron para preguntar ou recordar se este ano iamos seguir coa mesma campaña que o ano anterior. Así que esperamos que todas participen”.

jueves, 19 de noviembre de 2009

CONFERENCIA SEMINARIO


A Delegación de Emprego e Formación organiza unha conferencia-seminario sobre a importancia das TIC na dinamización dos negocios. A cita será o vindeiro martes 24 de novembro de 16 a 21 horas no Centro de Formación Ocupacional de Burela.

A edil Sonia Fraga sinala que “está orientada e dirixida ás empresas da zona e nela daránse a coñecer as principais posibilidades, ferramentas e beneficios que aportan as novas tecnoloxías”.
Os interesados en participar neste seminario deben anotarse na Oficina de Emprego de Burela ata o mesmo día pola mañá. “ É importante inscribirse porque temos cabida para 20 persoas”, explica a concelleira de Emprego e Formación.

Os asistentes recibirán un diploma oficial acreditativo de asistencia e tamén un obsequio. A iniciativa está financiada polo Fondo Social Europeo. Sonia Fraga convida e anima á xente a participar nesta conferencia.

II XORNADAS SOCIO-PEDAGÓXICAS


Esta mañá presentáronse no Concello de Burela as II Xornadas Socio-Pedagóxicas que organiza a ANPA do IES Monte Castelo. Nesta ocasión estarán centradas na importancia da alimentación sá en tres etapas concretas: na preconcepción, no embarazo e na lactancia. As charlas están incluidas no IV Plan de Educación Nutricional Farmacéuticas (Plenufar) do Consello Xeral de Colexios Oficiais de Farmacéuticos.

As charlas serán os días 25 de novembro e 9 e 22 de decembro, ás 17 horas no Salón de Conferencias (antiga biblioteca de Burela). Van ser impartidas pola farmacéutica e docente, Cristina Sánchez Sampayo. Colaboran na organización do evento o IES Monte Castelo e o Concello de Burela.

No acto de presentación que se desenvolvía no salón de plenos do Concello participaron: Alfredo Llano, alcalde de Burela; Sonia Fraga, concelleira de Sanidade; Neves Cando, concelleira de Benestar Social; Lucía Bouza, edil de Educación; Javier Amat e Amparo Paramio, presidente e vicepresidenta da ANPA do IES Monte Castelo; Marcelino Luna, director do centro e a farmacéutica Cristina Sánchez Sampayo.

miércoles, 18 de noviembre de 2009

O ALCALDE DEFENDE O SECTOR PESQUEIRO DE BURELA


O alcalde de Burela, Alfredo Llano, asegura que as acusacións efectuadas polo PP sobre a falla de apoio do goberno de Burela ó sector pesqueiro son totalmente engañosas.

Llano considera que “é unha demostración clara da desesperación deste señor que o único que intenta é minar o traballo e a labor do equipo de goberno a base de opinións que nada teñen que ver coa realidade. Evidentemente o sector pesqueiro ten unhas axudas que proceden dos fondos europeos, que teñen que tramitar cando están en paro por algunha razón, como os paros biolóxicos por exemplo, e aféctanlles ás tripulacións e ós armadores. Todo eso leva uns trámites, e eses trámites alónganse e cobran bastante tarde esas axudas. Nós queremos que esas axudas se axilicen”. O rexedor sinala que “hai algúns barcos aquí en Burela como os que se adican ó pincho que teñen outro método que acelera moito máis esas prestacións á tripulación. Ese tempo que están parados repercute directamente no persoal e entón apúntanos ó paro e cobran as axudas por desemprego inmediatamente. Pero outros que teñen todo o dereito de acollerse ás axudas dos fondos europeos tardan moito máis en percibilas”.
Alfredo Llano suliña que “nós estamos de acordo e así o defendemos no pleno, cremos que esas axudas se teñen que axilizar e o único que fixemos foi propoñer a esa moción que o PP presentaba un engadido para que mentras non cheguen esas partidas da Unión Eureopea sexa a Xunta a que adiante eses cartos a armadores e mariñeiros para que non teñan que agardar tanto. É algo que xa se fai noutras comunidades e non sei porqué non se toma exemplo aquí en Galicia. O único que fixo esta xente e o Sr.Barcia foi dicir que non había que implicar á Xunta, senón que só debería repercutir este asunto no goberno central. Nós creíamos que se debería incorporar ese punto a esa moción, eles non aceptaron esto e nós consideramos que así non se podía aprobar”.
O alcalde de Burela explica que “decir que por non aprobar esa moción se está contra o sector pesqueiro é pouco menos que decir que estamos en contra de toda a televisión porque non nos gusta un programa, é impresionante. En Burela armadores e tripulación xa saben que nós estamos para apoiar en todo o que poidamos ó sector pesqueiro, xa o fixemos ata o de agora, estámolo a facer e seguiremos así, e teño que decirlles que non son certas estas cuestións que aparecen de vez en cando na prensa. Só teñen a intención de minar a nosa labor, non ten nada que ver coa realidade ese tema que se plantexou. Nós estamos en relación directa coa cofraría de pescadores onde se están a impartir uns cursos que lles van moi ben ás xentes do mar, e estamos apoiando en todo o que podemos para que eses cursos vaian adiante”.
Llano apunta que “as interpretacións políticas que fai este señor son totalmente engañosas. E teño que decirlle ó Sr.Barcia que se preocupe de implicar máis a quen lle correponde e que se deixe de facer críticas que non creo que dean moito resultado e moito rendimento”.

miércoles, 11 de noviembre de 2009

MELLORAS EN RÚAS DE BURELA


A vindeira semana darán comezo as obras de mellora do alumeado público e do mobiliario urbano nas rúas Rosalía de Castro e Emilia Pardo Bazán. Uns traballos que suporán uns 100.000 euros de investimento en dúas anualidades. O alcalde pide desculpas polas molestias que se poidan causar ós veciños.
Alfredo Llano suliña que “estas obras veñen completar as que xa se realizaron no parque e as que se farán na zona de xogos dese entorno. Trátase dunha inversión tamén moi importante sufragada en parte pola Deputación Provincial de Lugo. Estamos a falar neste caso dunhs 50.000 euros máis ou menos”.

BURELA , UN CONCELLO SANEADO


O alcalde de Burela, Alfredo Llano, explicou que “no Concello de Burela estamos procurando ir o máis rápido posible cos pagos ós nosos provedores e ás empresas coas que traballamos. Agora mesmo podo dicir que xa temos rematado de pagar todo o que había pendente de 2008, non quedan débedas pendentes. E agora pouco a pouco irase pagando o 2009”. Alfredo Llano engadiu que “o Concello cobra impostos e taxas e recibe cartos do Estado e da Xunta por diversos conceptos, baixaron as licencias de construción e entón as nosas arcas tamén o notan, pero somos un dos Concellos máis solventes. Xa digo estamos tentando levar os pagos do mellor xeito posible, a pesares das dificultades que poden xurdir, pero estannos aparecendo cousas pendente

lunes, 5 de octubre de 2009

O PSOE DEFENDE O HOSPITAL DA COSTA


O deputado do Grupo Parlamentario do PSdeG-PSOE Ismael Rego lamenta hoxe a nube de incertidume mantida polo Goberno Galego sobre a area sanitaria da mariña luguesa , e a ampliación do hospital Comarcal da Costa de Burela.

Rego interpelou hoxe, na Comisión 5ª do Parlamento, á Directora Xeral da Asistencia Sanitaria para coñecer as conclusións e previsións da Xunta respecto ao Plan Funcional do citado Hospital.

Segundo o deputado socialista, na súa intervención a responsable autonómica, o único que fixo foi descualificar a xestión do anterior Goberno, sen asumir ningún compromiso sobre a ampliación do Hospital da Costa que deixou planificada e prevista o anterior Goberno.

Rego denunciou a gravísima improvisación demostrada pola Directora Xeral na súa intervención, sobre o servizo básico para a poboación, como é atención sanitaria. Máxime- subliñou- cando se trata dun centro hospitalario que da atención a unha comarca con mais de 71.000 habitantes, e no que anterior Goberno investiu 9.6 millóns de euros.

O deputado mariñáo afirma que a intencionalidade do Goberno é levar adiante unha descapitalización clara do Hospital da Costa, restándolle autonomía e negándolle calquera posibilidade de mellora ou ampliación. Tanto no que respecta a súa carteira de servizos como o numero de camas e persoal, ata o punto de que o que se transluce da estratexia marcada polo Goberno, e a súa conversión nun ambulatorio tentado levando a sanidade na zona 25 anos de atraso.

O deputado mariñao di a posición do Goberno de Feijoo crea incertidume e inquedanza nos cidadáns e nos profesionais do Hospital e da area sanitaria.

Ismael Rego defendeu o Hospital da Costa como un Hospital Xeral tanto pola súa carteira de servizos e o cadro de persoal, conqueridos ao longos dos últimos anos como consecuencia das demandas da poboación, ao atoparse esta comarca alonxada de calquera outro centro hospitalario de referencia, o cal xustifica a singularidade deste centro con outros de Galicia

jueves, 1 de octubre de 2009

MELLORAS EN RUAS DE BURELA


O alcalde de Burela, Alfredo Llano, sinalou hoxe que “é intención do Concello preparar ao máximo posible as rúas da nosa vila co fin de que sexan atractivas tanto para a xente que vivimos aquí, como para a promoción do comercio ou a do turismo. Queremos facer de Burela unha poboación máis atractiva e de referencia”.
O rexedor anunciou que “neste mes de outubro darán comezo as obras de mellora do alumeado público e dotación de mobiliario urbano nas rúas Rosalía de Castro e Emilia Pardo Bazán. Decir que se presentaron nove empresas de Burela e de fora do noso concello para facer estas obras, o que significa que hai interese en traballar na nosa vila. Cen mil euros de presuposto en dúas anualidades para 2009 e 2010. Este ano investiranse 65.000 euros e o resto o vindeiro”.

Llano engadía que “eso formará parte dunha primeira intervención, pero temos a intención de reformar e cambiar tamén as luminarias do parque, porque hai unha zona que está a quedar en semipenumbra e o que urxe agora é cambiar parte do mobiliario e das luces de dito parque para que a xente poida gozar del en condicións, incluso de noite. Todo eso no seu conxunto mellorará o centro de Burela e agardo que a xente poida apreciar eses traballos e disfrutalos”.

lunes, 28 de septiembre de 2009

PROXECTOS DA CONCELLERIA DE MAR


Remedios López, concelleira de Mar en Burela, presentará nos vindeiros días dous proxectos para os que tentará conseguir subvencións a través do Grupo Acción Costeira A Mariña-Ortegal. Remedios López asegura que “se trata de dúas actividades moi importantes para a miña área no ano 2010”
A edil socialista sinala que “a primeira e moi novidosa é a denominada Memoria do oficio do mar en Burela. Queremos facer un obradoiro da memoria recente de Burela, con testemuñas directas do inicio, desenrolo e crecemento da economía marítima, e así plasmar en material impreso e audiovisual a vinculación do concello de Burela co mar, a través de entrevistas a personaxes relevantes da vida municipal, da súa visión da historia recente da nosa vila e recompilar vivencias marítimas cos xubilados do mar e as súas familias”.
López Villar segue a contar que “co segundo proxecto queremos darlle continuidade á guía gastronómica Os sabores do noso mar, coas que tentamos o incremento do consumo de produtos pesqueiros e promocionar o sector da restauración cada vez máis implicado neste proxecto. Ata agora nestas guías gastronómicas temos presentados dous exemplares a da merluza do pincho e a do bonito de Burela. Neste 2009 presentaremos a do ourizo e para o ano que ven tentaremos sacar a diante as do peixe espada e pulpo de rocha”. A concelleira de Mar estima que “os orzamentos necesarios para levar a diante estas dúas actividades serán 46.674,13€ dos que 16.719,52€ irán destinados para a contratación dun licenciado en Historia”.

miércoles, 23 de septiembre de 2009

EXITO DA SEMANA EUROPEA DA MOBILIDADE


Unha vez rematados os actos da Semana Europea da Mobilidade, a delegada de Medio Ambiente, Lucía Bouza, amósase moi satisfeita cos resultados e fai un balance moi positivo xa que houbo un índice de participación moi alto, houbo moita xente que pediu que se repetira a iniciativa máis veces ó ano e o feito de escoller o domingo para pechar as rúas ó tráfico non ocasionou grandes molestias.

Lucía Bouza explicou que “ houbo un alto índice de participación en tódalas actividades programadas, moi especialmente nas do domingo, que era o día no que se pecharon algunhas rúas ó tráfico, e dicir tamén que fomos moi afortunados porque o tempo nos acompañou, porque como é lóxico nas actividades ó aire libre se chove evidentemente estropéanse un pouco. Afortunadamente, a choiva deunos unha tregua, puidemos realizar as actividades como estaban programadas e houbo unha grande afluencia de público, especialmente de público infantil”.
A edil de Medio Ambiente sinalou que “en segundo lugar, tamén facemos un balance positivo porque o domingo foron moitos os que se dirixiron a nós para comunicarnos que lles parecía unha iniciativa moi interesante e que lles parecía oportuno que repetíramos máis dun día ó ano o que é o peche de rúas con organización de actividades nas mesmas. Todos nos pedían que o fixeramos máis a miudo. E en terceiro lugar, hai que dicir que o feito de escoller o domingo como día para facer os cortes de tráfico implicou que foran moi escasas as molestias ocasionadas, xa que non temos coñecemento de que houbera ningunha en particular e por isto este ano quedaron moito máis reducidas estas molestias que poderían ocasionarse nun día pola semana”.

Bouza lembrou que “o Concello de Burela loita por mellorar a mobilidade e a accesibilidade tódolos días do ano, non só durante a Semana Europea da Mobilidade. Por iso, en vindeiras datas vanse rebaixar beirarrúas, crearanse máis zonas de distribución de carga, pasos elevados e tamén se colocarán beirarrúas táctiles, entre outras medidas que tomou a Concellaría de Obras en colaboración sempre coa Delegación de Medio Ambiente”.
A edil socialista engadiu que “é de agradecer sinceramente a participación a todos aqueles colectivos que se implicaron nesta Semana Europea da Mobilidade porque consideraron que é un motivo importante para colaborar con nós. Deste xeito, as organizacións que participaron foron o colectivo cultural Buril, a asociación de sendeirismo Pasada das Cabras, o Clube Ciclista de Burela, a asociación de palilleiras e a asociación musical Dambara. Todos estes colectivos colaboraron desinteresadamente con nós na celebración organizando actividades para reforzar a semana e por este motivo estámoslles moi agradecidos, igual que o estamos con tódolos hosteleiros que participaron nas xornadas gastronómicas que tamén apoiaron esta medida que a nós nos parece tan importante”.

BARCO MUSEO




Remedios López explicou que “se facemos un balance do barco museo a día de hoxe podemos dicir que no verán, que estivo aberto tódolos días de mañá e tarde, foi visitado por un total de 2.200 persoas e houbo días durante o mes de agosto que chegaron a visitalo 100 persoas. Agora coa chegada do outono cambiamos o seu horario e estará aberto de 9:00 a 14:00 horas e de 16:00 a 18:00 horas de luns a venres, permanecendo pechado as fins de semana. O barco museo Reina del Carmen ademais durante o curso escolar será publicitado a colexios de Galicia, de Asturias e incluso de León, dando así a coñecer as nosas orixes da pesca tradicional e artesanal”.A edil de Mar de Burela sinalou que “o barco boniteiro ten un casco de madeira que durante trinta anos estivo adicado á pesca do bonito, da merluza do pincho e mais do peixe espada e tivo a gran sorte na súa xubilación de non ser desmantelado, de non ser desguazado para convertelo nun barco museo.


O Reina del Carmen é un mudo testemuño do que é a vida dos homes do mar e despois de visitalo e pasar polas bodegas, pola ponte, pola sala de máquinas, os camarotes, o rancho de popa, pola cociña, etc, etc, chegamos á conclusión do dura que era a vida da tripulación, dos trece mariñeiros que traballaban nel, que durante trinta días tiñan que convivir todos xuntos para chegar a terra, descargar , pasar un día de descanso e volver outra vez a saír ó mar. Todo isto vese recollido nun vídeo que se proxecta de forma didáctica”. Remedios López recomenda “a visita a todo o mundo pero tamén ós colexios que teñen ademais a visita gratuita e con isto intentamos dar a coñecer as nosas orixes da pesca, a pesca sostible e o cuidado e respeto ó medio ambiente

martes, 22 de septiembre de 2009

XORNADAS DO PEIXE ESPADA


Ración a 5 euros nas xornadas gastronómicas do peixe espada que se celebrarán en Burela
Na ponte do Pilar, os días 9, 10 e 11 de outubro, celebraranse en Burela as Xornadas Gastronómicas do Peixe Espada. A delegada de Mar do Concello de Burela Remedios López, explicou que "estamos mirando de encargar o peixe a unha empresa de peixe conxelado, xa que por exemplo esta semana, na lonxa de Burela, houbo peixe espada, pero fresco, non conxelado". Remedios López explicou que "a ración do peixe espada á grella, en 5 euros . Logo despois, cada restaurante elaborará novos pratos ós que poñerán o prezo segundo eles consideren e vexan máis axeitado"

lunes, 21 de septiembre de 2009

RENOVACION DE BIONDAS


O alcalde de Burela, Alfredo Llano, anunciou que nestes días estanse a renovar as biondas da estrada que une Burela coa Marosa e que as columnas que as suxeitan estanse recubrindo cun material flexible que amortigua posibles accidentes, sobre todo, de motoristas.

O rexedor burelés explicou que “cumprindo un acordo entre o Concello de Burela e a Deputación de Lugo, todo ó longo da estrada dende Burela á Marosa, na rúa que lle corresponde á Deputación, estanse colocando unhas novas biondas, xa que algunhas xa estaban moi deterioradas e facía falla renovalas e colocalas de novo”.Alfredo Llano sinalou que “ó mesmo tempo, considero que se fixo unha labor extraordinariamente boa ó colocarlle a cada suxeitador da bionda un protector de un material especialmente flexible e adaptado para que eviten, en caso, esperemos que non haxa ningunha cousa que lamentar, pero en caso de que haxa algunha caída que sirva para protexelas. É un material flexible de tal xeito que evita e amortigua calquera golpe ó mesmo tempo que lle dá unha nova connotación estética ó trazado do paseo, de tal xeito, que mellora a situación”.

Llano engadiu que “de momento, é unha das cuestións que estaban comprometidas con algún colectivo de motoristas e espero que con esta solución, a tendencia sexa a ter unha colaboración máxima e que estea contento este colectivo e outros que utilizan estas rúas”.

martes, 8 de septiembre de 2009

MELLORAS EN RUAS DE BURELA


A Consellería de Economía e Industria ven de conceder unha subvención de 66.737,73€ ao Concello de Burela para melloras de alumeado e dotación de mobiliario urbanos nas rúas Rosalía de Castro e Pardo Bazán. Segundo explica o edil de Obras, Pascual Doménech, “sobre un coste total de 95.339,61€, o investimento subvencionable é do 70 % a repartir en dúas anualidades: 38.135,84€ no 2009, e 26.695,09 no 2010”.
Doménech sinala que “é necesario facer especial incidencia en executar obras de mellora dos equipamentos públicos con actuacións de carácter urbanístico nas rúas que potencien aspectos comerciais, dotándoas de máis servizos e proporcionarlle un aspecto o máis atractivo posible. Por todo elo, decideuse redactar o proxecto de mellora de alumeado público e dotación de mobiliario urbano en ditas rúas, obras necesarias dado o estado no que se atopa o alumeado público, escaso para unha zona de gran actividade e desenrrolo comercial”.
As obras a executar, segundo o edil socialista, “consisten no suministro e reposición de columnas e luminarias existentes, así como un estudo de reubicación e ampliación de farolas co obxeto de mellorar a luminosidade e cumprir coas esixencias mínimas da lexislación actual. Tamén será necesario facer a canalización subterránea do cableado que actualmente se atopa formada por báculos a fachada, principalmente na rúa Pardo Bazán. E así mesmo se dotará a zona de mobiliario urbano consistente en bancos e papeleiras uniformemente distribuidas”.

martes, 1 de septiembre de 2009

ACTIVIDADES DA AULA MEDIOAMBIENTAL "GAIA"


O Centro de Educación Medioambiental Gaia de Burela ten organizou unha festa na Praza da Mariña, con motivo do remate das actividades de verán. A delegada de Medio Ambiente, Lucía Bouza, amosouse moi satisfeita co éxito desta iniciativa e pensa xa na organización da mesma para o vindeiro verán.

Lucía Bouza explicou que “hoxe mesmo rematan as actividades de verán que estiveron organizadas polo Centro de Educación Medioambiental Gaia. Para este final, como é habitual noutros anos, as monitoras teñen organizada unha pequena festa que ten lugar na Praza da Mariña durante toda a mañá de hoxe”.

A delegada de Medio Ambiente lembrou que “as monitoras de Gaia realizaron moi diversas actividades como foron obradoiros de globoflexia, contacontos, obradoiros con cometas, tamén roteiros e visitas varias polo noso pobo como a ruta das fontes ou a dos castiñeiros, ademáis de ó barco museo, adicaron unha xornada á limpeza de praias e fixeron varias actividades ó aire libre durante todo o verán”. A edil socialista tamén suliñou as campañas de sensibilización que desenvolveron “a primeira delas foi unha para reutilizar que consistiu no reparto de bolsas para bocadillos lavables e reutilizables que favorecen evidentemente un menor consumo de papel de aluminio e de plásticos. Esta campaña levárona a cabo durante todo o verán en tódalas actividades que realizaron ó aire libre. A tódolos participantes se lles foron dando estas bolas para os bocadillos. Por outra banda, realizaron outra campaña en dous días puntuais que foi para favorecer a utilización de cinceiros nas praias. Consistiu no reparto e explicación de cómo se utilizan os cinceiros que son tamén reutilizables”.
Bouza engadiu que “todas estas actividades que viñeron realizando tiveron moito éxito en canto a afluencia de público e eso fai que pensemos xa no vindeiro verán no que se van manter e posiblemente intentaremos mellorar”.

viernes, 28 de agosto de 2009

CURSO DE INICIACION A ELECTRICIDADE


O Centro de Formación de Burela acollerá durante o mes de setembro un curso de iniciación á electricidade. A concelleira de Formación e Traballo, Sonia Fraga, anunciou que as prazas serán limitadas para 15 alumnos e que o prazo de matrícula está aberto dende hoxe.

Sonia Fraga explicou que “dende a Delegación de Formación e Traballo do Concello de Burela vamos pór en marcha un curso de iniciación á electricidade. Este curso consta de 60 horas e dentro do programa hai detallados sete temas. O primeiro deles tratará de conceptos básicos de electricidade; o segundo, sobre aparatos de medida; o terceiro, materiais eléctricos; o cuarto, instalacións eléctricas na vivenda; o quinto, instalacións de alumeado; o sexto, electrodomésticos e o sete, seguridade nas instalacións eléctricas. Quixemos facer este curso de iniciación para así abordar todo o relativo ao concepto da electricidade”.
A edil socialista engadiu que “é un curso que se desenvolverá dende o 8 de setembro ao 5 de outubro e que terá lugar en horario de 10.00 a 13.00 horas no Centro de Formación Ocupacional. As prazas son limitadas para 15 persoas e a xente que estea interesada en participar neste curso de formación pode matricularse a partires de hoxe venres 28 de agosto”

II SARDIÑADA POPULAR EN BURELA


Burela acollerá o vindeiro sábado, día 5 de setembro, a II Sardiñada Popular. Neste evento, organizado polo Concello de Burela en colaboración coa Asociación Os Centolos de A Mariña, repartiranse gratuitamente uns 500 quilos de sardiñas.
A concelleira de Mar, Remedios López explicou que “dende a Concellería de Mar de Burela organízase para o sábado 5 de setembro a II Sardiñada Popular. Terá lugar a partires das19.00 horas da tarde no peirao”.Remedios López engadiu que “a Asociación Os Centolos de A Mariña colaborará nos traballos de asado e distribución e temos previsto repartir 500 quilos de sardiña e 150 quilos de pan gratuitamente a todo o público en xeral. Convido a toda a xente de Burela que se anime a baixar ao porto a degustar un día máis un producto típico como é neste caso a sardiña”.

miércoles, 26 de agosto de 2009

BARREIRAS DE SEGURIDADE PARA MOTORISTAS


O Concello de Burela comezou nas últimas horas a instalación de barreiras de seguridade para os motoristas nos gardarraís na estrada municipal que vai desde A Casilla ata o límite co concello de Cervo. Segundo explica o edil de Obras, Pascual Doménech, “esta actuación responde a unha petición do Motoclube Os Centolos, de dotar tanto a este tramo como á estrada de A Marosa das correspondentes proteccións que minimicen no máximo posible os riscos das caídas de moto. As medidas estanse acometendo no tramo considerado máis perigoso, logo das probas realizadas con integrantes do citado Motoclube”.

O concelleiro socialista engade que “este método de protección debe instalarse en carreteras interurbanas con limitación de velocidade superior aos 60 km/h cando existan obstáculos ou desniveis próximos ao borde da calzada, ou tamén, e éste é o caso deste tramo municipal, cando se xustifique a súa perigosidade e susceptible siniestralidade, con velocidade inferior a 60 km/h. A instalación percorre un tramo de 300 metros, acoplada sobre soportes metálicos xa existentes, co que aumentará a seguridade dos condutores”.
Pascual Doménech asegura que “tamén se están a facer as xestións oportunas ante a Deputación de Lugo para a súa instalación na estrada de A Marosa (no tramo que discorre entre a Avenida da Mariña e a praia de A Marosa), co que o Concello dará un cambio radical nas circunstancias que había en canto á seguridade dos condutores destes vehículos. A redución e diminución do número de accidentes, é labor de todos, do Concello como administración, así como da prudencia á hora de conducir tanto dos motoristas como dos condutores”.
O concelleiro de Obras e Servizos suliña que “esta actuación pretende dar resposta a unha reivindicación dos usuarios deste medio de transporte ante as diferentes administracións. Con esta decisión, e co apoio da Deputación de estender os protectores a todos os gardarraís no termo municipal, Burela confirma a súa aposta para que a moto sexa un medio de transporte seguro e eficaz para moverse polo Concello. Estamos convencidos de que a moto constitúe unha opción de mobilidade, pois permite o máximo aproveitamento do espazo público e ten un reducido impacto sobre o medio ambiente”.

lunes, 24 de agosto de 2009

CELEBRACION DO DIA DO MAR EN BURELA


Máis de 200 persoas participaron no Día do mar celebrado o pasado sábado en Burela. Segundo a edil, Remedios López Villar, “pola mañá acudiron nenos menores de 14 anos e xa pola tarde uníronse de todas as idades, incluso pais e nais. As actividades que tiveron máis éxito foron o donus acuático e a moto de auga, onde os asistentes puideron dar paseos durante todo o día”. A concelleira de Mar segue a relatar que “os máis difíciles foron o esquí acuático e o body board, xa que poucos lograron poñerse de pé, ainda que foron moitos os que o intentaron”.
A empresa Hola!Ola de Ribadeo acudiu con 100 traxes de neopreno, chalecos salvavidas, cinco monitores profesionais e “todo o material necesario para desenrolar as actividades. Ademáis desde o Concello aportamos dous monitores da área de Deportes”, conta Remedios López Villar. A concelleira socialista suliña que “todas as probas foron un éxito, as condicións metereolóxicas estiveron ao noso favor e a xente volcóuse en participar, polo que desde a Concellaría de Mar comprometémonos a organizar outro Día do mar o ano que ven”.

martes, 18 de agosto de 2009

DIA DO MAR EN BURELA


Burela celebrará o vindeiro 22 de agosto o Día do mar. A praia de O Portelo será o escenario de diversas actividades gratuítas como esquí acuático, surf ou xogos de auga.

A concelleira de Mar, Remedios López explicou que “en colaboración coa empresa Hola!Ola realizaranse actividades acuáticas gratuítas na praia de O Portelo para fomentar estes deportes pouco usuais nas nosas praias, aínda que estas sexan aptas para eles”.
Remedios López explicou que “as actividades serán en horario de 12.00 horas a 14.00 horas pola mañá e de 16.00 horas a 19.00 horas pola tarde e constan de esquí acuático, inchables, donus acuáticos, padel, surf e outros xogos como pode ser o baloncesto. Dicir que os participantes teñen que ser maiores de 6 anos e sen límite de idade, e que o único requisito que esiximos é que se saiba nadar. Con todo isto o que pretendemos é fomentar un turismo de calidade que utilice o mar como ocio e goce das súas vacacións”.

viernes, 14 de agosto de 2009

II SEMINARIO DE MUSICA CLASICA


A vindeira semana Burela acollerá o II Seminario de Música Clásica organizado pola Escola Municipal de Música. O curso está dirixido a músicos de corda e vento e ten como principal obxectivo promover o desenvolvemento musical dos instrumentistas para formar un grupo orquestral.

A delegada de Educación, Lucía Bouza, explicou que “a partires do vindeiro luns día 17 ata o venres 21 de agosto vaise celebrar na nosa vila o II Seminario de Música Clásica que está organizado pola Escola de Música Municipal de Burela. Este curso de verán desenvolveuse por primeira vez xa o ano pasado e debido ó éxito que tivo vamos a repetir a experiencia”.
Bouza sinalou que “o seminario está destinado a todos aqueles instrumentistas de corda e de vento e ten entre os seus obxectivos promover o desenvolvemento musical e a capacitación dos músicos para formar un grupo orquestral. Tamén se pretende levar a un nivel técnico máis alto ós músicos e que estes aprendan a apreciar a que ven sendo tradicionalmente denominada como música clásica dentro dun parámetro formal, para que os alumnos non a vexan como unha música aburrida, senón como unha música coa que son capaces de gozar”.

A responsable de Educación engadiu que “o seminario se pechará cun concerto que terá lugar o vindeiro venres, día 21, a partires das 20:00 da tarde no auditorio da Casa da Cultura”.

CURSO DE SOCORRISMO ACUATICO


O curso de socorrismo acuático e primeiros auxilios, organizado pola Concellaría de Mar e impartido pola Cruz Vermella de Burela, foi clausurado nas últimas horas no Concello coa entrega dos títulos correspondentes. O acto estivo presidido por Remedios López Villar, responsable de Mar.

A edil socialista destacou que “estes cursos de formación están tendo moi boa acollida. Na Semana Santa, organizamos o curso do titulín e cubríronse tódalas prazas co 100% de aprobados; en xuño, con este curso de socorrismo acuático e primeiros auxilios lograron obter o título 10 socorristas e 18 persoas o de primeiros auxilios. Agora, estamos a traballar para facer o PER, abriremos unha lista para que se matriculen os que estean interesados e se logramos facer un grupo o Concello subvencionará unha parte”.

jueves, 6 de agosto de 2009

CAMPIONATO GALEGO DE MOTOS ACUATICAS EN BURELA


Burela acollerá a terceira proba do Campionato Galego de Motos Acuáticas que se celebrará o vindeiro sábado 8 de agosto na praia do Portelo.

Remedios López , edil de Mar, lembra que “éste é o segundo ano consecutivo que se organiza a proba que tivo unha gran expectación e aceptación na edición anterior. Cerrarase a praia ao público por motivos de seguridade e durante todo o día haberá probas e exhibicións”.
Segundo explica o comisario da proba, Silvio Pérez, “o campionato comezará as 17 horas e rematará ás 19 horas con varias mangas na modalidade motos de auga Maxi e motos de auga Jet SKI nas que participarán de 25 a 30 deportistas”. O presidente da Federación de Motonáutica, Antonio Iglesias, asegura que “a xornada combinará perfectamente a práctica dun atractivo deporte coa beleza dunha vila como Burela e coa súa gastronomía”.

A concelleira socialista de Mar convida “a todo o mundo a que se acerque ata a praia do Portelo para disfrutar deste espectáculo gratuito”.

martes, 4 de agosto de 2009

ACTIVIDADES PARA NENOS


O Centro de Educación Ambiental Gaia do Concello de Burela continúa coas actividades para nenos programadas para este verán durante todo o mes de agosto, así o anunciou a concelleira de Medio Ambiente, Lucía Bouza.

A edil socialista explicou que “agora que comezamos o mes de agosto quero facer un recordatorio das actividades que se veñen desenvolvendo dende o 15 de xullo co Centro de Educación Ambiental Gaia. Estas actividades van durar todo o mes de agosto ata o día 31. En primeiro lugar, os luns, martes e mércores, as dúas monitoras realizan obradoiros nos que están a participar 75 nenos e nenas de idades comprendidas entre os 3 e os 12 anos. Nestas clases desenvolven actividades moi variadas: animación á lectura, talleres creativos, globoflexia, obradoiros de barro, traballos con materiais de refugallo, xogos de animación ao aire libre e unha actividade que leva por título O vento e as cometas”.

Lucía Bouza sinalou que “os xoves, por outra banda, en horario de 10.00 a 13.30, para nenos e nenas de 4º,5º e 6º de primaria, realízanse actividades ao aire libre como xogos de auga, xogos de animación, talleres de escaiola e de reciclaxe e roteiros medioambientais polo noso concello: a ruta das fontes, a ruta dos castiñeiros, o roteiro costeiro e o roteiro natural. Por exemplo, o xoves día 23 de xullo realizaron unha visita ao barco museo boniteiro Reina del Carmen e á lancha de salvamento marítimo con base no peirao de Burela e o xoves 30, visitaron antigos castiñeiros centenarios da Vila do Medio. Esta semana, o vindeiro xoves 6 de agosto, farán unha actividade de limpeza na praia da Marosa coa axuda do material do equipo de limpeza e visitarán a biblioteca ao aire libre instalada nas inmediacións da praia”.
Bouza engadiu que “os venres tamén están adicados a actividades ao aire libre, en horario de 10.00 a 13.30, para nenos e nenas de entre 3 e 12 anos. Para participar, os menores de 10 anos deben ir acompañados dun adulto ou titor. Un exemplo desta actividades é a que se desenvolveu o pasado venres día 31, consistente nun roteiro para coñecer as diversas fontes de Burela e tamén para concienciar da importancia que ten o aforro de auga. Por último, quero recordar que estas actividades se van desenvolver durante todo o mes de agosto e animo a todo aquel que queira ter mais información a que se dirixa ó Concello de Burela”.

CAMPIONATO GALEGO DE MOTOS ACUATICAS EN BURELA


O Concello de Burela, a través da Delegación de Mar, está a organizar a terceira proba do Campionato Galego de Motos Acuáticas que se celebrará o vindeiro sábado 8 de agosto na praia do Portelo.

Remedios López , edil de Mar, lembra que “éste é o segundo ano consecutivo que se organiza a proba que tivo unha gran expectación e aceptación na edición anterior. Cerrarase a praia ao público por motivos de seguridade e durante todo o día haberá probas e exhibicións”.
O campionato comezará as 17 horas con varias mangas na modalidade motos de auga Maxi e motos de auga Jet SKI nas que participarán de 25 a 30 deportistas. A concelleira socialista convida “a todo o mundo a que se acerque ata a praia do Portelo para gozar deste espectáculo gratuíto, deste importante evento deportivo”.

domingo, 26 de julio de 2009

XXV FESTA DO BONITO E VI FEIRA DE PRODUART


O alcalde de Burela, Alfredo Llano, invita a todos os veciños e visitantes da Mariña a disfrutar dos eventos que se celebrarán en Burela os últimos días do mes de xullo e os primeiros de agosto. A vila acollerá a vindeira fin de semana a XXV Festa do Bonito e a VI Feira de Produart.

Llano apuntou que “xa para o fin de semana que vén o que ofrecemos tanto para os veciños como para o público en xeral que está pola comarca, son dous acontecementos que creo que son moi importantes. Un deles é a Feira do Bonito, prevista para o 1 de agosto, un evento tradicional na nosa vila que este ano acada a edición número 25 e onde se vai ofrecer un dos nosos produtos estrela, o bonito. Grazas a esta feira o príncipe azul ten unha difusión enorme e convidamos a todo o mundo a probalo porque non vai desilusionar a ninguén. Por outro lado, simultaneamente á Feira do Bonito, a partires do 31 de xullo e ata o 2 de agosto vamos ter unha nova edición de Produart, a feira dos produtos artesáns e ecolóxicos, que aboga pola potenciación dunha produción mais ética, menos agresiva co medio e polo tanto un consumo máis sostible. En Produart sempre se presentan productos que teñen calidade e son especiais para a alimentación pola súa forma de ser producidos e comercializados”.
Alfredo Llano afirmou que “esta feira vai ser moi importante porque xa contamos cuns 70 expositores que van traer diferentes produtos e ó mesmo tempo vamos facer unhas xornadas técnicas onde se van impartir unha serie de conferencias sobre temas que teñen relación co medio ambiente e con todo o que ten que ver coa produción destes produtos. Ademais, vaise desenvolver por primeira vez na nave de redes onde xa se fixo Expomar, porque consideramos que é un evento relevante e que merece unha localización importante, desta maneira a feira vai medrar en grandeza e importancia. Tamén se vai facer neste mesmo recinto a Feira do Bonito e así os visitantes poderán participar en ambos eventos”.
Llano insistiu en que “todos aqueles que teñan interese en degustar o bonito ou en participar en feiras de produción ecolóxica están convidados e imos estar encantados de recibir a calqueira persoa que queira acercarse”.

viernes, 24 de julio de 2009

LIBRO DE FOTOGRAFIAS


A concelleira de Educación, Lucía Bouza, anunciou esta mañá que “dende a Delegación de Educación, con motivo do curso que se celebrou durante a semana pasada, Inmigración e Desenvolvemento Local realizado pola Universidade de Santiago de Compostela, decidimos adquirir unha serie de catálogos de fotografía que levan por título Revela. É un libro que se fixo xa no 2005 e que contén fotografías sobre a inmigración ao longo de todo o mundo. Está realizado por fotoreporteiros e conta con imaxes bastantes duras exceptuando un capítulo que reúne as imaxes máis amables do fenómeno da inmigración. Este apartado leva por título Afrogalegos con fotografías de Xulio Villarino e son todas de caboverdianos de Burela, por iso decidimos adquirir este libro”.

Lucía Bouza engadiu que “xa nos puxemos en contacto co colectivo de caboverdianos de Burela para que todos eles pasen a recoller un exemplar e queremos animar a todas as asociacións, ao resto de colectivos e particulares da vila de Burela que se acheguen ao concello posto que lles facilitaremos exemplares gratuitamente. Son fotografías ilustrativas da vida dos caboverdianos aquí en Burela e penso que pode ser un libro moi interesante para ter nas nosas casas”.
O Concello adquiriu un total de 500 exemplares do libro Revela.

miércoles, 15 de julio de 2009

SOLICITUDE DUN OBRADOIRO DE EMPREGO


O Concello de Burela ven de solicitar unha axuda económica á Consellería de Traballo para un obradoiro de emprego. A contía ronda os 600.000 euros. A delegada de Emprego, Formación e Sanidade, Sonia Fraga, explicou esta mañá que “na convocatoria deste ano da Consellería de Traballo para a solicitude dos obradoiros de emprego, o Concello de Burela dende a súa delegación, solicitou novamente, como en anos anteriores, un obradoiro que constaría de dous módulos, un deles de xardinería e o outro de pavimentador con lastros. Cada un deles contará coa participación de 15 alumnos”.
A concelleira socialista engadiu que “normalmente reclamamos este obradoiro como maneira de fomentar e axudar un pouco na inserción laboral da xente de Burela pero tamén como medida de formación de cara a un posto de traballo”.

sábado, 11 de julio de 2009

PROPOSTA DE TRAZADO DO CORREDOR


O alcalde de Burela, Alfredo Llano, acudiu a Lugo onde mantivo unha reunión co Enxeñeiro Xefe de Fomento, Narciso González, para amosarlle a proposta que o goberno municipal, os grupos políticos e os veciños queren presentar ante o proxecto do corredor Barreiros-San Cibrao.

O rexedor explicou que “a reunión consistiu en presentarlle a nosa idea unánime para que o corredor pase o máis ó sur posible e visto o plano con él alí e vendo a situación exacta por onde quere pasar e por onde quere transcurrir ese vial que nós propoñemos non lle pareceu mal. O enxeñeiro explicoume as condicións técnicas e que a causa principal do seu proxecto era darlle un servizo ó hospital. Entendeu a nosa postura, dado que agora mesmo estamos afectados pola Lei de Costas, a variante, por FEVE, e o máximo sería que estiveramos afectados tamén polo corredor”.

Llano sinalou que “o caso anímanos a seguir con este proxecto que eu lle comentei e que é unánime de todos os grupos e dos veciños de Burela e unha vez presentadas as alegacións iniciaremos un proceso de reunións para facer máis fincapé sobre a nosa postura. Houbo un claro entendemento e a recepción foi total e o que temos que facer nestes dous meses é presentar a alegación conxunta e despois seguir co proceso para que a nosa proposta sexa unha realidade. Queremos que o corredor lle afecte o menos posible ó noso concello”.

miércoles, 8 de julio de 2009

CURSO DE SURF


A concelleira de Mar de Burela, Remedios López Villar, fixo balance do curso de surf que a súa delegación organizou os pasados luns e martes. A edil mostrouse satisfeita cos resultados acadados e dixo que “o curso tivo unha alta participación chegando a un total de 100 nenos. Os rapaces tiveron que ser repartidos en tres grupos que aprenderon a facer surf nas praias burelesas de A Marosa e O Portelo. As xornadas estaban organizadas para realizarse na primeira delas pero a causa das grandes ondas os profesores decidiron cambialo para a de O Portelo co fin de evitar calquera perigo”.
A responsable de Mar engadiu que “aínda que o curso tivo que ser aprazado polas condicións meteorolóxicas hai uns días, finalmente causou gran sensación nos rapaces e incluso eles nos pediron que se organice outro de maior duración para non só iniciarse senón para aprender mellor a dominar as ondas”.

viernes, 3 de julio de 2009

O ALCALDE BUSCA SOLUCIONS AO TRAZADO DO CORREDOR


O alcalde de Burela, Alfredo Llano, mantivo varios encontros en Lugo en demanda de apoios para conseguir variar o trazado da autovía Barreiros-San Cibrao por este municipio. O rexedor contou que “estiven en Lugo facendo xestións, basicamente pensando no corredor que se nos propón desde Fomento e para evitar que teña o actual trazado, tentaremos por todos os medios pasalo o máis ao sur de Burela. Para que eso sexa unha realidade estiven entrevistándome con técnicos da Deputación para que aporten os documentos que poidan neste sentido. Tamén mantiven un encontro co subdelegado do Goberno, José Vázquez Portomeñe, que xa está facendo xestións co gabinete de José Blanco, ministro de Fomento, para que tamén estea ó tanto dos pasos que estamos a dar e para entrevistarnos en canto sexa posible con ese ministerio. Alí explicaremos que o que queremos é desviar o corredor hacia o sur do noso concello, canto máis mellor, para que non entorpeza a expansión de Burela”.

Llano engadiu que “tamén me entrevistei con responsables da empresa OTEA que é a que está a elaborar o plan xeral de Burela para que aporten a súa documentación…aí temos unha boa oportunidade porque eles están en condicións de facer unha boa xustificación das nosas ideas. E falei tamén co presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, o seu apoio é seguro, van ter un pleno onde van a traballar este tema e a dar a súa postura”. O rexedor burelés entende que “estas catro entrevistas servirán de moito para que se nos teñan en conta as alegacións finais que presentemos desde Burela. Por certo o prazo estaba previsto nun mes, pero son 30 días hábiles, en principio temos ata o 29 de xullo, pero casi, casi que está garantido outro mes para presentar alegacións, polo tanto teremos agosto con todas as posibilidades. Apuraremos o máximo posible a súa elaboración para levalas a pleno ordinario o 24 ou 25 deste mes, e si fixera falta habería unha sesión extraordinaria”.

jueves, 2 de julio de 2009

ENTREGA DE DIPLOMAS POR CONDUCION EFICIENTE


A responsable da Delegación de Medio Ambiente e Educación do Concello de Burela, Lucía Bouza, anunciou que mañá ás 13.30 da tarde terá lugar no salón de plenos a entrega de diplomas do curso de condución eficiente que se levou a cabo hai uns meses coa colaboración de Sotavento.

Lucía Bouza explicou que se entregarán un total de 61 diplomas e amósase satisfeita porque “isto significa que hai unhas 61 persoas en Burela que saben conducir de maneira eficiente, ó que se engade unha redución de combustible e de emisións de CO2 á atmosfera”. A edil socialista engadiu que “dado o éxito destes cursos gratuítos e a satisfacción da xente polo aprendido, intentaremos realizar máis convocatorias ó longo do ano”.

Por outra banda, Lucía Bouza, como responsable de Educación, sinalou que mañá rematará o seminario de vento da Escola de Música que tivo lugar durante toda a semana cun concerto no que participarán os 25 alumnos. Será na Praza da Mariña ás 12.30 horas. A concelleira sinalou que “a participación foi moi alta, a pesares de que os rapaces acababan de rematar o curso escolar e decidiron seguir”.

REMATE DO CURSO DE SOCORRISTA ACUATICO


En Burela rematou o curso de socorrismo acuático, que se veu celebrando nos últimos días, co cen por cen de aprobados. A edil de Mar, Remedios López Villar, lembra que “para acceder ó curso de socorrismo acuático de 80 horas de duración foi preciso ter a titulación de primeiros auxilios e pasar unha proba que se lles fixo na piscina municipal de San Ciprián, onde tiveron que demostrar uns coñecementos mínimos de natación e mergullo. Esta proba só a superaron 10 participantes dos 18 que se presentaron”.
A concelleira socialista engade que “durante estas dúas semanas todos puidemos disfrutar das probas que se lles facían ós alumnos do curso nas praias de Portelo e A Marosa… probas de salvamento desde a praia ou desde a lancha, probas de respiración, de reanimación… probas que se combinaron con horas de piscina e de teoría”.Remedios López asegura que “éstas dez persoas que conseguiron un título homologado para traballar de socorrista están preparadas para realizar estas labores e agardo que na época estival se lles abra un abanico de posibilidades e se vexan recompensados cunha fonte de ingresos”.O curso tivo un custe de 250 euros por persoa, pero a Delegación de Mar subvencionou ós empadroados en Burela “que só tiveron que pagar 50 euros”.

lunes, 29 de junio de 2009

OS TRENS TURISTICOS PARARAN EN BURELA


O alcalde de Burela, Alfredo Llano, ven de anunciar que chegou a un acordo con FEVE “para que os seus trens turísticos fagan paradas na nosa vila os días 18 e 25 de xullo, 1, 15, 22 e 29 de agosto. Estes trens que traen unha media de cincuenta persoas imos telos aquí polas mañás desas xornadas e o que van facer é apreciar o noso pobo e todos os seus atractivos turísticos e culturais”.

Llano engade que “imos propoñerlles un percorrido que vamos consensualo coa guía que vai vir con eles, con FEVE, e así imos promocionar turísticamente o noso concello e axudar á xente que traballa cara este sector”. O alcalde considera que “é unha iniciativa moi importante e desde logo que é moi satisfactorio para nós que esta xente queira parar en Burela unhas dúas horas aproximadamente”.

CURSOS DE FORMACION


O Centro de Formación Ocupacional do Concello de Burela imparte fundamentalmente cursos dirixidos a facilitar a empregabilidade de persoas que se encontran en situación de desemprego, así como para mellorar a formación e competitividade das persoas empregadas.

Segundo explica a edil de Emprego e Formación, Sonia Fraga, “neste ámbito, a programación para o ano 2009, contempla a realización dos cursos de carpinteiro metálico e de pvc e de soldador de estructuras metálicas lixeiras, que na actualidade xa se están realizando. O de carpinteiro metálico e de pvc ten unha duración de 575 horas de duración e contempla a realización de operacións básicas de soldadura e corte, e nel tamén aprende a construír e instalar portas, xanelas e peches de galería de aluminio”.
A concelleira socialista engade que “o curso de soldador de estructuras metálicas lixeiras ten unha duración de 565 horas e contempla a realización de operacións de corte para construccións metálicas e o procedemento manual e automático de oxicorte e arco-plasma. Os alumnos tamén aprende a soldar por arco con electrodo revestido elementos metálicos de aceiros suaves. Estes cursos teñen un amplo período de formación práctica co que buscamos facilitar nun futuro próximo a adaptación da formación do noso alumnado, cos postos de traballo que van a desempeñar. É por eso que os nosos cursos teñen unha gran aceptación, estando na actualidade todas as prazas cubertas e con lista de espera de 10 alumnos para o curso de carpinteiro metálico e máis de 15 suplentes para o curso de soldador”.


Sonia Fraga engade que “ó mesmo tempo, o centro de formación ocupacional de Viveiro organizou un curso do Plan FIP de ebanista para Burela. Ten uhna duración de 825 horas, comenzou o día 17/03/2009 e ten o seu remate o día 12/11/2009. Neste curso participan 12 persoas alumnos/as de Burela”. A concelleira de Emprego e Formación anuncia que “neste 2009 tamén esta previsto a realización de cursos preparatorios para a obtención do certificado de língua galega (CELGA) niveis 2 e 3. Serán en setembro. E igualmente estamos traballando na programación dun curso de electricidad básico, que permita a calquera persoa realizar operacións sinxelas de electricidade no ámbito persoal e doméstico. Pensamos que este curso é de gran axuda para todas as economías familiares nestes tempos de crise nos que vivimos

sábado, 20 de junio de 2009

II SEMINARIO DE JAZZ E MUSICA MODERNA


Hoxe presentouse no Concello de Burela o II Seminario de Jazz e Música Moderna que organizan a Delegación de Educación e a Escola Municipal de Música. O seminario celebrarase do 13 ao 17 de xullo.

Lucía Bouza sinalou que “o I Seminario de Jazz superou, en todos os sentidos, as expectativas agardadas. Aínda que era a primeira vez que se realizaba un curso destas características en Burela, houbo un importante número de matriculacións, non só de Burela, senón tamén doutros lugares da Mariña. Tamén colleitaron grande éxito os concertos de alumnos/as e profesores que se desenvolveron ao longo de toda a semana en varios bares da vila”. A edil socialista engadiu que “por estes motivos, aínda son maiores as expectativas postas na segunda edición deste Seminario, que incrementou o seu orzamento nun 50%. Isto verase reflectido no profesorado (se no 2008 contábamos con 2 profesores, este ano teremos 5, o que significa que incrementaremos o número de especialidades a impartir e tamén o número de grupos de traballo) e tamén nos concertos (este ano, ademais dos concertos de alumnos, haberá tamén varios grupos a maiores, como son Marosa Jazz Project e o grupo de saxos Estudio Escola)”.


Bouza subliñou que o II Seminario de Jazz e de Música Moderna “bríndanos o privilexio de poder ter en Burela a algúns dos mellores profesionais de Galicia e de España no mundo do jazz. Todos os profesores proceden da prestixiosa Estudio Escola de Música de Santiago de Compostela e son: Leo Giannetto (voz e guitarra), Quique Alvarado (baixo), Miguel Cabana (batería e percusión), José Nine (frauta e saxo) e Javier Constela (piano). Cos dous últimos xa tivemos a sorte de poder contar no 2008 e gustaríame aproveitar para agradecerlles a súa excelente disposición con este seminario e tamén o bó ambiente que conseguiron xenerar entre os asistentes ao curso”.

Por outra banda, os concertos que se celebrarán nos distintos bares da vila ás 22:00 horas ocuparán todas as noites da semana na que se celebra o seminario:

* Luns 13 de xullo: concerto de profesores na Cafetería Atrezzo
* Martes 14 de xullo: concerto de alumnos na Cervexaría O Raio
* Mércores 15 de xullo: concerto de Marosa Jazz Project no Aitana
* Xoves 16 de xullo: Grupo de saxos Estudio Escola na Cervexaría Kiko
* Venres 17 de xullo: concerto de alumnos na Praza da Mariña


A concelleira de Educación aproveitou “para agradecer o interese e a colaboración mostrada por todos estes bares, que axudan a crear un vivo e dinámico ambiente musical en Burela durante toda a semana. Non quero rematar sen agradecer aos coordinadores, Israel Arranz e Roberto Bouça, o seu traballo incansable neste Seminario, traballo que, sen dúbida, é xa unha garantía de éxito”.

viernes, 19 de junio de 2009

DOUS ANOS POSITIVOS PARA BURELA


O alcalde de Burela, Alfredo Llano, asegura que se levan feito moitas máis obras nestes dous anos do seu mandato que na etapa anterior o que fai que “os cidadáns estean orgullosos de vivir no noso pobo”. O rexedor di que “Burela non está paralizada e non hai máis que dar unha volta en coche ou andando para ver todas as obras que se están a facer e para ver o cambio que experimentou a vila tanto no eido cultural, como no educativo, no turístico, no social ou no medio ambiental. Estamos a ter unha vida municipal moi activa”.
Alfredo Llano di que no que resta de mandato “haberá que pensar no plan xeral co que hai que definir claramente o que queremos facer aquí; no capítulo de obras estamos mellorando todas as nosas praias e aí estamos creando unha grande área recreativa na Marosa; o noso porto é un referente no Cantábrico que combinará perfectamente tres actividades que son a pesqueira, a comercial e a recreativa… hai que lembrar que se construiu a nave de redes, que se está rematando o aumento do peirao e que está en obras o acceso ó porto. Imos ser un pobo punteiro nas actividades que teñen que ver co mar”. O alcalde lembra tamén que “desde que chegamos ó goberno municipal o abastecemento de auga está preto de rematar, de feito en xaneiro de 2010 estará en funcionamento e mellorou moito a calidade da limpeza en Burela gracias ó acordo asinado con Celta Prix…”.
O rexedor burelés considera que “hai proxecto para dous anos e para máis” e que “cando remate este mandato Burela estará extraordinariamente cambiada con respecto a cando chegamos ao Concello”.

Alfredo Llano sinala que “ese acordo de goberno foi pensado para ser revisado ano tras ano e o que aquí se pretende é facer todo o posible polo pobo de Burela. Aquí non se trata de ver quen destaca máis, si o PSOE ou o BNG na realización de cousas, senón que tratamos de concentrar todos os nosos esforzos en facer cousas para Burela. Ese é o único pacto que temos o Bloque e o PSOE, aquí non se trata de discutir cuestións políticas senón de arrimar o hombro para que Burela saia beneficiada. Ese é o único pacto que temos”.
Sobre a mancomunidade de municipios de A Mariña, Llano, apunta que “cando un se mete en algo debe preocuparse de que sexa eficaz. A mancomunidade, como membro que son dela, vou procurar que funcione e animar ós meus compañeiros a que teña sentido todo o que fagamos. Si antes non estaba nela non lle daba importancia, ainda que o histórico da mancomunidade é máis ben triste que alegre. Aí houbo xente que ó mellor non dinamizou o que tiña que dinamizar, pero agora que estamos un novo equipo e que hai unha nova directiva, considero que hai moitos servizos e moitas cuestións que se poden compartir, temos que analizar cales son os que nos interesan. E agora sí que agora é o momento de darlle sentido e por eso lle dou importancia”.