domingo, 26 de julio de 2009

XXV FESTA DO BONITO E VI FEIRA DE PRODUART


O alcalde de Burela, Alfredo Llano, invita a todos os veciños e visitantes da Mariña a disfrutar dos eventos que se celebrarán en Burela os últimos días do mes de xullo e os primeiros de agosto. A vila acollerá a vindeira fin de semana a XXV Festa do Bonito e a VI Feira de Produart.

Llano apuntou que “xa para o fin de semana que vén o que ofrecemos tanto para os veciños como para o público en xeral que está pola comarca, son dous acontecementos que creo que son moi importantes. Un deles é a Feira do Bonito, prevista para o 1 de agosto, un evento tradicional na nosa vila que este ano acada a edición número 25 e onde se vai ofrecer un dos nosos produtos estrela, o bonito. Grazas a esta feira o príncipe azul ten unha difusión enorme e convidamos a todo o mundo a probalo porque non vai desilusionar a ninguén. Por outro lado, simultaneamente á Feira do Bonito, a partires do 31 de xullo e ata o 2 de agosto vamos ter unha nova edición de Produart, a feira dos produtos artesáns e ecolóxicos, que aboga pola potenciación dunha produción mais ética, menos agresiva co medio e polo tanto un consumo máis sostible. En Produart sempre se presentan productos que teñen calidade e son especiais para a alimentación pola súa forma de ser producidos e comercializados”.
Alfredo Llano afirmou que “esta feira vai ser moi importante porque xa contamos cuns 70 expositores que van traer diferentes produtos e ó mesmo tempo vamos facer unhas xornadas técnicas onde se van impartir unha serie de conferencias sobre temas que teñen relación co medio ambiente e con todo o que ten que ver coa produción destes produtos. Ademais, vaise desenvolver por primeira vez na nave de redes onde xa se fixo Expomar, porque consideramos que é un evento relevante e que merece unha localización importante, desta maneira a feira vai medrar en grandeza e importancia. Tamén se vai facer neste mesmo recinto a Feira do Bonito e así os visitantes poderán participar en ambos eventos”.
Llano insistiu en que “todos aqueles que teñan interese en degustar o bonito ou en participar en feiras de produción ecolóxica están convidados e imos estar encantados de recibir a calqueira persoa que queira acercarse”.

viernes, 24 de julio de 2009

LIBRO DE FOTOGRAFIAS


A concelleira de Educación, Lucía Bouza, anunciou esta mañá que “dende a Delegación de Educación, con motivo do curso que se celebrou durante a semana pasada, Inmigración e Desenvolvemento Local realizado pola Universidade de Santiago de Compostela, decidimos adquirir unha serie de catálogos de fotografía que levan por título Revela. É un libro que se fixo xa no 2005 e que contén fotografías sobre a inmigración ao longo de todo o mundo. Está realizado por fotoreporteiros e conta con imaxes bastantes duras exceptuando un capítulo que reúne as imaxes máis amables do fenómeno da inmigración. Este apartado leva por título Afrogalegos con fotografías de Xulio Villarino e son todas de caboverdianos de Burela, por iso decidimos adquirir este libro”.

Lucía Bouza engadiu que “xa nos puxemos en contacto co colectivo de caboverdianos de Burela para que todos eles pasen a recoller un exemplar e queremos animar a todas as asociacións, ao resto de colectivos e particulares da vila de Burela que se acheguen ao concello posto que lles facilitaremos exemplares gratuitamente. Son fotografías ilustrativas da vida dos caboverdianos aquí en Burela e penso que pode ser un libro moi interesante para ter nas nosas casas”.
O Concello adquiriu un total de 500 exemplares do libro Revela.

miércoles, 15 de julio de 2009

SOLICITUDE DUN OBRADOIRO DE EMPREGO


O Concello de Burela ven de solicitar unha axuda económica á Consellería de Traballo para un obradoiro de emprego. A contía ronda os 600.000 euros. A delegada de Emprego, Formación e Sanidade, Sonia Fraga, explicou esta mañá que “na convocatoria deste ano da Consellería de Traballo para a solicitude dos obradoiros de emprego, o Concello de Burela dende a súa delegación, solicitou novamente, como en anos anteriores, un obradoiro que constaría de dous módulos, un deles de xardinería e o outro de pavimentador con lastros. Cada un deles contará coa participación de 15 alumnos”.
A concelleira socialista engadiu que “normalmente reclamamos este obradoiro como maneira de fomentar e axudar un pouco na inserción laboral da xente de Burela pero tamén como medida de formación de cara a un posto de traballo”.

sábado, 11 de julio de 2009

PROPOSTA DE TRAZADO DO CORREDOR


O alcalde de Burela, Alfredo Llano, acudiu a Lugo onde mantivo unha reunión co Enxeñeiro Xefe de Fomento, Narciso González, para amosarlle a proposta que o goberno municipal, os grupos políticos e os veciños queren presentar ante o proxecto do corredor Barreiros-San Cibrao.

O rexedor explicou que “a reunión consistiu en presentarlle a nosa idea unánime para que o corredor pase o máis ó sur posible e visto o plano con él alí e vendo a situación exacta por onde quere pasar e por onde quere transcurrir ese vial que nós propoñemos non lle pareceu mal. O enxeñeiro explicoume as condicións técnicas e que a causa principal do seu proxecto era darlle un servizo ó hospital. Entendeu a nosa postura, dado que agora mesmo estamos afectados pola Lei de Costas, a variante, por FEVE, e o máximo sería que estiveramos afectados tamén polo corredor”.

Llano sinalou que “o caso anímanos a seguir con este proxecto que eu lle comentei e que é unánime de todos os grupos e dos veciños de Burela e unha vez presentadas as alegacións iniciaremos un proceso de reunións para facer máis fincapé sobre a nosa postura. Houbo un claro entendemento e a recepción foi total e o que temos que facer nestes dous meses é presentar a alegación conxunta e despois seguir co proceso para que a nosa proposta sexa unha realidade. Queremos que o corredor lle afecte o menos posible ó noso concello”.

miércoles, 8 de julio de 2009

CURSO DE SURF


A concelleira de Mar de Burela, Remedios López Villar, fixo balance do curso de surf que a súa delegación organizou os pasados luns e martes. A edil mostrouse satisfeita cos resultados acadados e dixo que “o curso tivo unha alta participación chegando a un total de 100 nenos. Os rapaces tiveron que ser repartidos en tres grupos que aprenderon a facer surf nas praias burelesas de A Marosa e O Portelo. As xornadas estaban organizadas para realizarse na primeira delas pero a causa das grandes ondas os profesores decidiron cambialo para a de O Portelo co fin de evitar calquera perigo”.
A responsable de Mar engadiu que “aínda que o curso tivo que ser aprazado polas condicións meteorolóxicas hai uns días, finalmente causou gran sensación nos rapaces e incluso eles nos pediron que se organice outro de maior duración para non só iniciarse senón para aprender mellor a dominar as ondas”.

viernes, 3 de julio de 2009

O ALCALDE BUSCA SOLUCIONS AO TRAZADO DO CORREDOR


O alcalde de Burela, Alfredo Llano, mantivo varios encontros en Lugo en demanda de apoios para conseguir variar o trazado da autovía Barreiros-San Cibrao por este municipio. O rexedor contou que “estiven en Lugo facendo xestións, basicamente pensando no corredor que se nos propón desde Fomento e para evitar que teña o actual trazado, tentaremos por todos os medios pasalo o máis ao sur de Burela. Para que eso sexa unha realidade estiven entrevistándome con técnicos da Deputación para que aporten os documentos que poidan neste sentido. Tamén mantiven un encontro co subdelegado do Goberno, José Vázquez Portomeñe, que xa está facendo xestións co gabinete de José Blanco, ministro de Fomento, para que tamén estea ó tanto dos pasos que estamos a dar e para entrevistarnos en canto sexa posible con ese ministerio. Alí explicaremos que o que queremos é desviar o corredor hacia o sur do noso concello, canto máis mellor, para que non entorpeza a expansión de Burela”.

Llano engadiu que “tamén me entrevistei con responsables da empresa OTEA que é a que está a elaborar o plan xeral de Burela para que aporten a súa documentación…aí temos unha boa oportunidade porque eles están en condicións de facer unha boa xustificación das nosas ideas. E falei tamén co presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, o seu apoio é seguro, van ter un pleno onde van a traballar este tema e a dar a súa postura”. O rexedor burelés entende que “estas catro entrevistas servirán de moito para que se nos teñan en conta as alegacións finais que presentemos desde Burela. Por certo o prazo estaba previsto nun mes, pero son 30 días hábiles, en principio temos ata o 29 de xullo, pero casi, casi que está garantido outro mes para presentar alegacións, polo tanto teremos agosto con todas as posibilidades. Apuraremos o máximo posible a súa elaboración para levalas a pleno ordinario o 24 ou 25 deste mes, e si fixera falta habería unha sesión extraordinaria”.

jueves, 2 de julio de 2009

ENTREGA DE DIPLOMAS POR CONDUCION EFICIENTE


A responsable da Delegación de Medio Ambiente e Educación do Concello de Burela, Lucía Bouza, anunciou que mañá ás 13.30 da tarde terá lugar no salón de plenos a entrega de diplomas do curso de condución eficiente que se levou a cabo hai uns meses coa colaboración de Sotavento.

Lucía Bouza explicou que se entregarán un total de 61 diplomas e amósase satisfeita porque “isto significa que hai unhas 61 persoas en Burela que saben conducir de maneira eficiente, ó que se engade unha redución de combustible e de emisións de CO2 á atmosfera”. A edil socialista engadiu que “dado o éxito destes cursos gratuítos e a satisfacción da xente polo aprendido, intentaremos realizar máis convocatorias ó longo do ano”.

Por outra banda, Lucía Bouza, como responsable de Educación, sinalou que mañá rematará o seminario de vento da Escola de Música que tivo lugar durante toda a semana cun concerto no que participarán os 25 alumnos. Será na Praza da Mariña ás 12.30 horas. A concelleira sinalou que “a participación foi moi alta, a pesares de que os rapaces acababan de rematar o curso escolar e decidiron seguir”.

REMATE DO CURSO DE SOCORRISTA ACUATICO


En Burela rematou o curso de socorrismo acuático, que se veu celebrando nos últimos días, co cen por cen de aprobados. A edil de Mar, Remedios López Villar, lembra que “para acceder ó curso de socorrismo acuático de 80 horas de duración foi preciso ter a titulación de primeiros auxilios e pasar unha proba que se lles fixo na piscina municipal de San Ciprián, onde tiveron que demostrar uns coñecementos mínimos de natación e mergullo. Esta proba só a superaron 10 participantes dos 18 que se presentaron”.
A concelleira socialista engade que “durante estas dúas semanas todos puidemos disfrutar das probas que se lles facían ós alumnos do curso nas praias de Portelo e A Marosa… probas de salvamento desde a praia ou desde a lancha, probas de respiración, de reanimación… probas que se combinaron con horas de piscina e de teoría”.Remedios López asegura que “éstas dez persoas que conseguiron un título homologado para traballar de socorrista están preparadas para realizar estas labores e agardo que na época estival se lles abra un abanico de posibilidades e se vexan recompensados cunha fonte de ingresos”.O curso tivo un custe de 250 euros por persoa, pero a Delegación de Mar subvencionou ós empadroados en Burela “que só tiveron que pagar 50 euros”.