martes, 31 de marzo de 2009

TALLERES DE ALIMENTACIÓN INFANTIL





A delegación de Sanidade do Concello de Burela vén de por en marcha unha nova iniciativa para tratar de inculcar hábitos saudables aos burelenses, nesta ocasión a través das xeracións máis novas. Á distribución de iogures entre os centros de primaria co obxectivo de incrementar o consumo de lácteos nas idades máis pequenas e, dirixido á poboación adulta, o ciclo de charlas de prevención de saúde que se reanudarán trala Semana Santa, o vindeiro 24 de abril, hai que engadir agora unha nova campaña da concellaría que leva Sonia Fraga. Esta organiza varios talleres de nutrición entre os escolares, comezando polos dos centros de primaria e coa idea de amplialos en próximos cursos aos institutos, co fin de «previr posibles problemas de alimentación nos nenos en idade escolar», sinala.
-Hai moito que mellorar aínda na nutrición día a día, ¿non si?
-Con estes talleres tentaremos evitar que os nenos sufran trastornos ou malos hábitos na alimentación diaria.
-¿En que consistirán ditos talleres de nutrición?
-Constan dunha parte teórica, onde lles inculcaremos información sobre alimentación sá, baseada nas cinco comidas ao día. Tanto aos nenos como aos papás lles daremos material didáctico. Preparamos dossieres, por exemplo, con todas as froitas, nos que os nenos poden pintar. Para os máis grandes o material é máis didáctico, falámoslles das proteínas, hidratos de carbono, etcétera. Outro dossier será para os papás. Na parte práctica, os rapaces poderán degustar froitas e zumes para que vexan a importancia que teñen na súa alimentación e no seu crecemento. Queremos que sexan conscientes dos beneficios que lles reportará para a súa saúde e para o benestar ter unha alimentación axeitada e equilibrada(...) Os máis pequenos tomarán a froita picada e en batidos para que a súa inxesta sexa máis doada.
-A través dos pequenos tamén se pode chegar ás familias, pois nalgúns casos poderiamos dicir que os pais non son a veces o mellor exemplo de nutrición para os fillos, pois tamén comenten erros na alimentación, ¿non?
-Esperamos que cando o neno chegue á casa pida froita e anime a seus pais a consumir máis froita e verdura, claro.
-¿De onde partiu a idea e con que obxectivo?
-Queriamos facer algo para o tema dos descansos na xornada escolar. Hai pais que si lles mandan para o recreo de media mañá froita, un sándwich, un Actimel ou un bocata... Queriamos reforzar iso e potencialo.
Os talleres de nutrición serán impartidos por unha auxiliar de clínica do Concello, durarán tres días por curso e comezarán o vindeiro un de abril, ata o 21 dese mes, nos ciclos de primaria do colexio Vista Alegre de Burela. En maio tocaralles aos de infantil e despois os talleres chegarán ao colexio burelense Vista Alegre.

lunes, 30 de marzo de 2009

ENSEÑAR A COMER AOS NENOS

A Delegación de Sanidade do Concello de Burela organiza varios talleres de nutrición “para previr posibles problemas de alimentación nos nenos en idade escolar”, segundo explica a responsable deste departamento, Sonia Fraga.

A edil socialista sinala que “con estes talleres tentaremos evitar que os nenos sufran trastornos ou malos hábitos na alimentación diaria”. Os talleres, que serán impartidos por unha auxiliar de clínica do Concello, terán unha duración de tres días por curso e constan dunha parte teórica e doutra práctica “nas que os rapaces poderán degustar froitas e zumes para que vexan a importancia que teñen na súa alimentación e no seu crecemento. Queremos que sexan conscientes dos beneficios que lles reportará para a saúde e para o benestar ter unha alimentación axeitada e equilibrada”.

Ditos talleres de nutrición serán do 1 ao 21 de abril nos ciclos de primaria do colexio Vista Alegre de Burela, en maio será a quenda para os alumnos de infantil e despois os talleres chegarán ao colexio Virxe do Carme. Sonia Fraga di que no caso dos máis pequenos “tomarán a froita picada e en batidos para que a súa inxesta sexa máis doada”.

sábado, 28 de marzo de 2009


O Concello de Burela obsequiou a hostaleiros que participaron nas Xornadas de Desgustación de Ourizo durante un acto no ao que asistiron o alcalde, Alfredo Llano, e a concelleira de Mar, Remedios López Villar. Ós hosteleiros que non puideron acudir a este acto o Concello enviarálles o obsequio. Remedios López Villar asegurou que "xa estamos a traballar nas vindeiras xornadas de degustación que teremos nos vindeiros meses en Burela".

PREMIO "TI PODES DAR VIDA ,AFORRA AUGA"


O alcalde de Burela, Alfredo Llano, e a concelleira de Medio Ambiente, Lucía Bouza, entregaron hoxe o premio do segundo programa de acción “Ti podes dar vida, aforra auga”. A edil socialista amosóuse satisfeita e felicitou “aos veciños de Burela pola súa participación e á familia gañadora que foi a que máis reduciu o seu consumo de auga”.
Lucía Bouza destacou que “no 2008 en Burela acadamos un dato positivo que foi que chegamos a reducir nun 14 por cen o consumo de auga de uso doméstico por habitante e día. Esto significa que ano pasado cada habitante de Burela consumiu 127 litros de auga ao día, mentras que no 2007 consumían 148 litros. É unha reducción moi importante e gustaríanos que seguise así a xente de concienciada e que consumise a auga de xeito racional ao igual que o fixo a familia gañadora”. A concelleira de Medio Ambiente explicou que “a familia de Mª José Ramil Díaz conseguiu ao longo do ano 2008 reducir o seu consumo de auga nun 32’22 por cen, é un dato moi importante que significa que cada persoa desta familia consume 83 litros de auga ao día, fronte aos 127 de media que consumen o resto dos cidadáns de Burela. Penso que este dato tamén nos debe levar á reflexión posto que si esta familia con 83 litros diarios por persoa consigue satisfacer as súas necesidades en canto ao consumo de auga, eso significa que os demáis tamén poderíamos facelo utilizando menos auga ou reducindo o seu consumo”.
En total no 2008 os veciños de Burela reduciron o consumo de auga de uso doméstico en 70.488 metros cúbicos. A reducción acadada equivale ao consumo realizado nos fogares bureleses durante dous meses do ano 2008.
Lucía Bouza tamén suliñou que “co resultado deste programa quedamos moi satisfeitos porque a participación foi oito veces superior á do ano 2007 polo que podemos ver que a xente cada vez está máis implicada e máis preocupada en consumir a auga dun xeito sostible e responsable. O 90 por cen destas familias que participaron no programa conseguiron reducir en máis dun 15 por cen do consumo”.
A concelleira socialista agradeceu “a participación de Viajes Terramar posto que é a entidade que se fai cargo do premio, e porque se implican sempre nesta iniciativa tan importante para o coidar o noso medio ambiente”. A familia de Mª José Ramil Díaz foi galardoada cunha viaxe aos Picos de Europa.

viernes, 27 de marzo de 2009

O CONCELLO TEN BOA SAUDE ECONÓMICA

O alcalde de Burela, Alfredo Llano, asegura que o Concello goza de boa saúde económica. Así alude o rexedor á liquidación das contas de 2008 que onte foron a pleno. Llano di que “o PP estivo lanzando octavillas decindo que o Concello está mal, que casi están en bancarrota cando resulta que é todo o contrario. Para poñer un exemplo, no 2007 liquidamos o presuposto cun superávit de 3.400.000 euros e no 2008 tivemos un déficit de 1.300.000 euros, pero o que hai que ver é o remanente que queda a finais de ano e que é claramente positivo, aínda temos unha cifra moi importante coa que nos respaldamos que é dun millón de euros”.
O alcalde engade que “eso quere decir que o Concello de Burela está perfectamente saneado, estamos contendo moito o gasto e a finais de ano vai quedar un resultado moi positivo. Uns anos hai superávit e outros algo de déficit, pero non que decir para nada que existan problemas gordos”. Alfredo Llano explica que “tivemos este déficit no 2008 pensando nas licencias de obras que estaban valoradas de xeito excesivo, é decir creíamos que ía haber máis das que houbo e de aí derivou o déficit do que estamos a falar. Para nada estamos en bancarrota como algún propón, temos un remanente de 1.000.000 euros”.
O rexedor sinala que “si facemos caso ó informe de Intervención e á valoración que fai xa está. Di que a situación económica do Concello de Burela é boa e eso é o que importa e o que lles debe importar ós habitantes do noso concello, pode estar tranquilos porque estamos xestionando os seus cartos con moita seriedade e eficacia. Queremos facer o máximo de cousas empregando o mínimo de recursos. Podemos polo tanto decir que o Concello de Burela goza de boa saúde”.
Consello Escolar
No pleno de onte aprobóuse por unanimidade a constitución do Consello Escolar Municipal. Llano manifestou que “todos os grupos consideramos que é unha fórmula, que é un bó métido de intervención, de participación, de inclusión na comunidade educativa… que contará cunha ampla representación de pais, nais, alumnos, da CEL. Queremos meter xente representativa de todos os sectores que poida aportar algo á comunidade educativa nos ciclos formativos, nos bacharelatos, na ESO e no ensino primario. Xa digo é boa no seu conxunto para que a calidade do ensino e a formación e todo o que deriva dela sexa o mellor posible para todos os usuarios”.
Polígono de O Perdouro
O alcalde de Burela, Alfredo Llano, manterá un encontro o vindeiro xoves 2 de abril ás 19:00 horas no salón de plenos do Concello, cos propietarios de terreos do polígono industrial de O Perdouro e con aqueles empresarios que poidan estar interesados en instalarse nesa zona para explicarlles os plans do Concello.

jueves, 26 de marzo de 2009

CURSO DE INFORMÁTICA ON-LINE

Un total de 32 persoas participan en Burela nun curso de informática organizado polo Concello en colaboración con Academia Postal. O curso on-line de 30 horas de duración está dirixido a traballadores en activo e está financiado polo Ministerio de Educación e o Fondo Social Europeo.

A edil de Emprego, Sonia Fraga, sinala que “os mércores e venres hai dúas titorías cun monitor presencial no Centro de Formación para que estes 32 alumnos poidan asistir a solventar todos os problemas que lles poidan xurdir ao longo da semana. As titorías son de 20:00 a 22:00 horas”.
A concelleira socialista amósase satisfeita “pola alta participación neste curso que comezou onte e no que se abordan cuestións e conceptos coma Word, excell, Access, power point…”.

miércoles, 25 de marzo de 2009

PREMIO "AFORRA AUGA"

A sala de prensa do Concello de Burela será escenario o vindeiro venres 27 de marzo da entrega do premio á familia gañadora da segunda edición do programa Aforra auga, ti podes dar vida. O acto terá lugar ás 10:00 da mañá.

A concelleira de Medio Ambiente, Lucía Bouza, sinala que “estamos realmente satisfeitos este ano porque a participación foi moitísimo maior que a da anterior edición. Multiplicóuse por oito dita participación e debemos felicitarnos por elo porque vemos que hai unha certa sensibilidade na xente e vemos que lles preocupa o aforro da auga e por eso queremos felicitar aos veciños de Burela, pero sobre todo aos que se decidiron a participar neste programa”.
A edil socialista agradece a participación “de Viaxes Terramar coma patrocinador desta segunda edición. Gracias á súa colaboración a familia gañadora recibirá unha viaxe dunha fin de semana a un parque natural e desde aquí queremos agradecerllo”.

martes, 24 de marzo de 2009

MELLORA DA SINAL DA TDT EN BURELA


O alcalde de Burela, Alfredo Llano, está a realizar xestións para mellorar a recepción da sinal da TDT en Burela. O rexedor sinala que “no Concello de Burela estamos a preparar unha mellora na recepción da sinal da TDT para poder ofrecer os dous servizos analóxico e dixital que poden ser perfectamente compatibles cos aparatos que se mercan para as casas. Unha das desvantaxes que temos hoxe é que capturamos unha sinal moi débil da TDT procedente de Barreiros, e estamos a buscar un punto para ter unha recepción óptima ao 100% aí na zona próxima ao Monte Castelo para poder reemitila á nosa antena e desde aí distribuíla con todas garantías a todo o concello de Burela”.
Llano considera que “é unha boa cuestión porque agora mesmo non se recibe moi ben a sinal. A situación complicouse porque hai outros concellos que tamén están intentando mellorar a súa recepción e producen interferencias co que é moi difícil ter unha recepción limpa. Agardo que en poucos días teñamos xa unha recepción e unha amplificación que garanta que todos os veciños de Burela poidan ver perfectamente a televisión a través da TDT”.

1º CERTAME RELATO CURTO


O Concello de Burela, a través das súas delegacións de Educación e Mar, ven de editar 1.000 exemplares do folleto no que aparecen recollidos os catro traballos gañadores do I Certame de Relato Curto sobre o mar que se desenvolvou o ano pasado.

lunes, 23 de marzo de 2009

CURSO DE VERÁN DA UNIVERSIDADE DE SANTIAGO


Burela acollerá do 13 o 17 de xullo un curso de veran da Universidade de Santiago de Compostela (USC). O seu título é "Inmigración e desenvolvemento local: as claves educativas e sociais" e será dirixido por Miguel Ánxo Santos Rego, catedrático da USC.

Lucía Bouza sinala que “Burela é un lugar axeitado para abordar a temática da inmigración, de aí que se celebre aquí este curso de verán que está dirixido por Miguel Anxo Santos Rego, catedrático da USC”.
Durante unha semana vánse abordar aspectos como a inmigración e o mercado de traballo, o caso dos africanos e dos iberoamericanos en España; caboverdianos na Mariña, promovendo o desenvolvemento na orixe; inmigración e comunidade local: o caso de Burela; a xestión da inmigración na administración local; familias inmigrantes en Galicia: a escola coma eixo de participación e integración; impacto educativo da emigración na realidade local de Galicia e mulleres inmigrantes e desenvolvemento desde Galicia. O obxectivo pasa por estudiar as claves que definen, nas súas dimensións teóricas e prácticas, a importancia dos fluxo migratorios no actual panorama de globalización e a súa incidencia sobre as entidades e por analizar as repercusións da inmigración no eido local. O programa deste curso estructúrase arredor de conferencias, relatorios, mesas redondas e obradoiros que abordarán destacados especialistas de dentro e de fora de Galicia e representantes de Concellos significativos a este respecto.
Lucía Bouza considera que “a semana do 13 de xullo será de grande actividade formativa en Burela, porque este curso de verán vai coincidir coa segunda edición do seminario de jazz do Concello de Burela, que como xa anunciamos o ano pasado ao seu remate decidimos seguir apostando por este evento e ímolo facer de novo neste 2009. Esa semana vai ser de moita actividade cultura e de moita formación educativa en Burela”.

ACTIVIDADES NO DIA DA ÁRBORE



Máis de 15 nenos acompañados dos seus pais/ nais colaboraron na prantación das árbores e aproveitaron para facer actividades relacionadas coas nosas árbores autóctonas, coñecendo un pouco máis o mundo das prantas, como son as árbores do noso entorno, relacionaron as árbores co seu froito, qué animais se alimentan e teñen as súas casas nas árbores e outras moitas curiosidades que nos serven para coñecer a súa importancia.


Todos os nenos que participaron recibiron numerosos regalos: unha pranta de casteñeiro ou bidueiro en conmemoración da celebración do día da árbore, lápices, e incluso unha landra para que la pranten. As monitoras de Gaia, a través desta actividade, sensibilizan aos máis pequenos da importancia e conservación dos nosos bosques, non só unha vez ao ano, senón todos e cada un dos días “porque debemos respetar a natureza que nos rodea”.

Durante toda esta semana e dentro das actividades extraescolares (totalmente gratuitas) que as monitoras levan a cabo nos centros de ensino realizarán diversas actividades relacionadas co mundo das árbores (murales informativos con material didáctico, contos sobre as árbores, fichas…) nos dous centros de ensino. Así mesmo Gaia vai repartir varias especies de árbores nos centros para que os pranten ao longo da semana. Son: CEIP VISTA ALEGRE, CEIP VIRXE DO CARME, IES MONTE CASTELO, IES PERDOURO, GALOESCOLA, CENTRO DE ACOLLIDA e ASOCIACIÓNS (LEDICIA, CAMIÑA e FUNDACIÓN PARA A PROTECCIÓN DE DISCAPACITADOS PSÍQUICOS DE BURELA-A MARIÑA).

domingo, 22 de marzo de 2009

CONSELLO ESCOLAR MUNICIPAL

En resposta ás contínuas acusacións do grupo municipal do PP ao goberno burelés , a Concelleira socialista Lucia Bouza fai as seguintes puntualizacións:

– O PP afirma que o próximo pleno a celebrar o 26 de marzo deste ano non tén contido posto que o punto que figura na orde do día referido á creación do Consello Escolar Municipal parécelles de pouca importancia. Teño que dicir a isto que se a creación dun órgano de participación democrática tan trascendental para o mundo da educación lles parece algo pouco importante, iso xa dí bastante acerca do que o PP tén en conta a opinión das persoas.
– O grupo municipal do PP afirma tamén que este Consello xa existía e que nós non fomos capaces de convocalo no temo que levamos no goberno. Con respecto a isto teño que dicir que eu, como Concelleira de Educación, non puiden convocalo porque hai case dous anos que busco algún documento oficial que certifique que este Consello foi convocado e esa búsqueda foi totalmente inútil. Con isto quero dicirlle ao Partido Popular, que adoita presumir de moi traballador ao tempo que nos acusa a nós de vagos, que o traballo, aínda que leve máis tempo, hai que facelo ben, porque senón corremos o risco de que todo o que fagamos non serva para nada. É dicir, un Consello Escolar Municipal só tén un protocolo para a súa creación e funcionamento e este protocolo non foi seguido polo anterior equipo de goberno (PP), xa que non aparece ningún documento oficial (actas de reunións, certificado de creación, regulamento de funcionamento…) que acredite que se fixo tal traballo. Todo isto significa que nós tivemos que facer o traballo de novo, pero iso si, esta vez fixémolo ben, posto que, até o de agora seguimos todo o protocolo. E iso fixémolo asesorándonos con un asesor técnico do Consello Escolar de Galicia.

viernes, 20 de marzo de 2009

DIA DA ÁRBORE

Burela celebra mañá sábado o día da árbore con diversas actividades enfocadas aos nenos de 3 a 12 anos, segundo explica a edil de Medio Ambiente, Lucía Bouza. A cita será ás 12:00 do mediodía no Parque Tíjola “onde plantaremos unha árbore e despois as monitoras da Aula Medio Ambiental Gaia realizarán actividades didácticas cos nenos que asistan a esta celebración. Os rapaces van recibir material didáctico sobre o mundo da árbore”. Bouza anima aos nenos a participar neste día “tal e como fixeron noutras ocasións porque as actividades que imos desenvolver son de interese para todos eles”.

Viaxe da Banda

Lucía Bouza que tamén é a responsable da Delegación de Educación de Burela anunciou unha viaxe da Banda de Música á Coruña que será o vindeiro domingo 22 de marzo. A concelleira socialista sinala que “ten coma obxectivo que os nenos aprendan a ver outro tipo de concertos e de agrupacións musicais”. Na cidade herculina actúan ese día a Banda Oskorri (unha formación vasca que xa estivo en Burela hai dous anos) e a Banda Municipal da Coruña. Bouza sinala que “como o concerto é ás 12:00 horas partiremos de Burela ás 9 da mañá e despois aproveitando que estamos na Coruña cursaremos pola tarde unha visita á Casa das Ciencias. Temos previsto o retorno a Burela entre as oito e as nove da noite”.

martes, 17 de marzo de 2009

POLIGONO INDUSTRIAL DO PERDOURO

A comisión de urbanismo de Burela analizará o proxecto de normalización e ordenación do polígono industrial do Perdouro que o Concello lle encargou á empresa Urbalia. O alcalde, Alfredo Llano, explica que “o venres pasado recibimos aquí no Concello o traballo realizado pola empresa Urbalia, encargado por nós e subvencionado pola Deputación Provincial, sobre a mellora que queremos consolidar no polígono industrial de O Perdouro. É un documento previo á aprobación inicial e nel ven reflectido unha serie de planimetrías, de levantamentos topográficos, de planificacións e ordenacións… todo o que trae consigo un ordenamento global de toda esta zona que queremos potenciar coma polígono industrial comercial”. O rexedor burelés engade que “do que se trata é de facer unha ordenación que leve consigo un aproveitamento óptimo do solo que queda por construir alí que veñen sendo de 19 a 24.000 metros cadrados. Hai que facer moitas dotacións, vánse incrementar moito os aparcamentos, haberá equipamentos comerciais e sociais, zonas de parque forestal… leva unha serie de dotacións que agardamos que sexan moi boas e que este espacio gane moito con esta ordenación”.

Llano sinala que “na comisión de urbanismo na que están presentes todos os grupos políticos que teñen representación no Concello falaremos mañá deste proxecto e xa a vindeira semana (si é posible) quero reunirme cos propietarios de suelo daquela zona para explicarlles un pouco como será o desenvolvemento deste novo proxecto. Xa digo que se trata de optimizar, normalizar e ordenar aquela zona para uso comercial e industrial e agardo que con esta actuación ese polígono gane moitísimo tanto en dotacións, como en servizos, melloras ou valores económicos. É un proxecto que se vai potenciar a partires de agora e agardo que sexa unha realidade en pouco tempo”.

lunes, 16 de marzo de 2009

EXPOMAR


O alcalde de Burela e presidente da Fundación Expomar, Alfredo Llano, asegura que “estes días estamos cos preparativos de Expomar 2009, nesta nova edición haberá exposición ademáis de xornadas técnicas e encontros empresariais. Será por primeira vez na nave de redes que ten 3.000 metros cadrados útiles e cremos que imos enchelos de expositores, aínda que haberá incerteza case ata o final porque debido á crise é posible que algunha firma se poida dar de baixa. Pero en principio xa temos apalabrados eses tres mil metros e imos intentar diversificar e traer as novidades máis destacadas para o sector de tal xeito que sexa útil para eles e ao mesmo tempo que sexa alternativa para impulsar o máximo posible a economía”.

Llano engade que “Expomar será na penúltima semana do mes de maio. Estamos a preparar os encontros empresariais e as xornadas técnicas, xa temos moi avanzado o tema e estamos apalabrando os relatores. Isto vai favorecer que se divulgue e que se lle dea importancia a esta nova feira. Pasado mañá seguiremos a preparar a feira e tamén continuamos confirmando a presencia de firmas xa tradicionais e outras novedosas para que non falte nada en Expomar…. naves recreativas e cuestións de seguridade e embalaxe estarán presentes nesta cita”.

O alcalde de Burela e presidente da Fundación Expomar agarda que “sexa unha feira de referencia non só na Mariña senón tamén en toda Galicia”.

OBRAS DO PLAN POS

O alcalde de Burela, Alfredo Llano, ven de anunciar que no Concello “acabamos de recibir unha comunicación da Deputación Provincial de Lugo confirmando, o que nós xa dixemos no seu día, que a renovación da iluminación pública no parque Rosalía de Castro da nosa vila está incluída no plan adicional do POS”.

Llano sinala que “se pon de manifesto unha vez máis o compromiso da institución provincial con Burela e queda aclarado aínda máis que o que nós manifestamos hai semanas era certo, a pesares de que algúns insistiron en decir o contrario durante bastante tempo”.

jueves, 12 de marzo de 2009

LIMPEZA DE RIOS


A concelleira de Medio Ambiente, Lucía Bouza asegura que en breve rematarán os traballos de limpeza dos ríos que pasan por Burela. Bouza asegura que “estamos a efectuar a limpeza dos ríos que pasan polo noso concello, o río das Pasadiñas e o río da Vila, iste último é o que pasa por Pomeda e vai a desembocar á praia de Ril. Os traballos estánse a facer coa colaboración da Consellería de Medio Ambiente, a través da súa Delegación Provincial”.

A edil socialista considera que “son uns traballos que quedan bastante lucidos, posto que había moitos anos que non se limpaban, a xente que vive arredor deses ríos non se lembran da última vez que se limparon e por iso acumulaban unha grande cantidade de lixo entre as herbas e a maleza que había”. Lucía Bouza engade que “se trata dun traballo agradecido xa que está quedando unha paisaxe bastante curiosa especialmente na zona de Pomeda. Estamos xa a rematar cos traballos e convidamos á xente de Burela a que se achegue a aquela zona que é moi descoñecida e está quedando moi ben para o disfrute do que é o medio ambiente”.

martes, 10 de marzo de 2009

OBRAS IMPORTANTES


O alcalde de Burela, Alfredo Llano, entregará esta semana na Delegación Provincial de Medio Ambiente, o proxecto da primeira fase do separativo de pluviais e residuais que suporá un investimento de 600.000 euros para rematar canto antes cos trámites administrativos e así comenzar nos vindeiros meses cunhas obras que lle afectarán á zona centro da nosa vila”.

sábado, 7 de marzo de 2009

DIA DA MULLER - MANIFESTO DO PSdeG-PSOE


Un ano máis celebramos a conmemoración do 8 de Marzo, Día Internacional da Muller e, como cada ano, debemos seguir o inxente labor desenvolvido por miles e millóns de mulleres que contribuíron co seu traballo, esforzo e en moitos casos as súas vidas, á defensa do feminismo, da Igualdade e dos dereitos das mulleres.


Grazas a este gran esforzo colectivo das mulleres do pasado e do presente, conseguíronse grandes avances, pero debemos ser conscientes de que aínda queda un longo camiño por percorrer. Aínda que nos dotamos de instrumentos lexislativos fundamentais, a actual situación de crise económica, que prexudica tanto a homes como a mulleres, fai que os nosos esforzos deban ir unidos para, xuntas e xuntos, ombro con ombro, conseguir superar este delicado momento e lograr a cohesión e a xustiza social, para o ben do noso país e de toda a sociedade.


Xa que logo, debemos estar máis vixiantes, aínda se cabe, non só para non dar pasos para atrás nos dereitos adquiridos, senón para asentar os fundamentos dun novo e necesario modelo económico e social máis equitativo e máis igualitario: A transformación imprescindible que o noso país ten que incorporar necesariamente á experiencia, coñecementos e valores das mulleres: Non podemos permitirnos perder ese enorme potencial.


A actual situación de crise económica puxo en evidencia a insuficiencia dun sistema no que, ademais doutros problemas, tamén existen importantes brechas de xénero. É o momento de asentar un novo modelo económico e social centrado nas persoas e no seu benestar. Un novo modelo que parta do concepto de desenvolvemento sostible, da igualdade real e efectiva e da plena incorporación de homes e mulleres como elemento clave de produtividade e eficiencia ao favorecer a utilización da capacidade, o talento e a formación de toda a poboación. Unha sociedade moderna que se define como democrática non pode prescindir nin da capacidade nin do talento nin da formación da metade da súa poboación, as mulleres.


Por todo iso, o PSdeG-PSOE proponse manter e continuar potenciando, como tarefa ineludible da nosa sociedade, as accións positivas para o acceso e mantemento das mulleres no mercado laboral, en igualdade de condicións no que fai a salario e calidade no emprego; a promoción de políticas para o fomento da igualdade no acceso aos postos de responsabilidade nas empresas e a posta en marcha de campañas informativas e de sensibilización sobre corresponsabilidade e conciliación da vida laboral e persoal.


Só traballando sen descanso poderemos adiantar o futuro, achegando a homes e a mulleres á igualdade real.

XORNADAS DO OURIZO


Casa Miranda foi o gañador das primeiras xornadas gastronómicas do ourizo de mar que se celebraron a pasada fin de semana en Burela. O prato que elaborou foi salpicón de ourizo e lumbrigante. Segundo Remedios López Villar, “o xurado estivo formado por un membro de ABSA, dous do fogar do mariñeiro ou A Moncloa, tres edís e o alcalde, Alfredo Llano”.A agraciada coa comida para dúas persoas foi Rosa Fernández

jueves, 5 de marzo de 2009

CICLOS DE CINE


O Concello de Burela estudia participar, segundo a edil de Medio Ambiente, Lucía Bouza, en todos os ciclos de cine que organiza ao ano a Rede Galega de Concellos para a Sostibilidade (do que forma parte Burela) “porque nos parecen de moito interés para a poboación”.

O 1º ciclo que se poderá ver en Burela é o que comenza este sábado 7 de marzo ás 11:30 da mañá no Auditorio da Casa da Cultura coa proxección da película Wall-E. Batallón de limpeza. Trátase “dun filme de animación sobre os patróns de consumo e a súa repercusión no medio ambiente”. O venres 20 de marzo ás 18:30 horas será a segunda das proxeccións con Glup “unha aventura sen desperdicio que aborda o tema da reciclaxe e o verdadeiro valor das cousas”, segue a contar Lucía Bouza. E o 28 de marzo pecharáse este ciclo coa película El espíritu del bosque “que trata sobre a protección dos bosques fronte aos intereses económicos”.

Lucía Bouza sinala que as proxeccións son gratuitas e adicadas ao público en xeral “aínda que a primeira delas está máis encamiñada aos nenos. As dúas monitoras da Aula de Gaia acompañarán aos asistentes nos pases e despois daránlles explicacións dos aspectos analizados nas películas”.

O ciclo de cine Medio Ambiente Imaxinado é unha iniciativa da Rede Galega de Concellos para a Sostebilidade coa colaboración da FEGAMP, a Consellería de Medio Ambiente e a Fundación Caixa Galicia. Unha actividade que está incluida na programación de primavera que o Concello de Burela estrea mañá cunha obra de teatro.

REMATAN AS OBRAS EN VILAR


O alcalde de Burela, Alfredo Llano, amósase satisfeito coa finalización das obras que se viñeron realizando nas últimas semanas na zona de Vilar. Llano explica que “se realizaron traballos no abastecemento de auga, na canalización de residuais e no asfaltado e aproveitamos para canalizar e mellorar as cunetas para que queden ben preparadas de xeito definitivo. Penso que é unha boa obra e a xente estará contenta co que alí se fixo”. As obras que foron subvencionadas pola Consellería de Medio Rural ascenderon a preto de 120.000 euros.