viernes, 28 de agosto de 2009

CURSO DE INICIACION A ELECTRICIDADE


O Centro de Formación de Burela acollerá durante o mes de setembro un curso de iniciación á electricidade. A concelleira de Formación e Traballo, Sonia Fraga, anunciou que as prazas serán limitadas para 15 alumnos e que o prazo de matrícula está aberto dende hoxe.

Sonia Fraga explicou que “dende a Delegación de Formación e Traballo do Concello de Burela vamos pór en marcha un curso de iniciación á electricidade. Este curso consta de 60 horas e dentro do programa hai detallados sete temas. O primeiro deles tratará de conceptos básicos de electricidade; o segundo, sobre aparatos de medida; o terceiro, materiais eléctricos; o cuarto, instalacións eléctricas na vivenda; o quinto, instalacións de alumeado; o sexto, electrodomésticos e o sete, seguridade nas instalacións eléctricas. Quixemos facer este curso de iniciación para así abordar todo o relativo ao concepto da electricidade”.
A edil socialista engadiu que “é un curso que se desenvolverá dende o 8 de setembro ao 5 de outubro e que terá lugar en horario de 10.00 a 13.00 horas no Centro de Formación Ocupacional. As prazas son limitadas para 15 persoas e a xente que estea interesada en participar neste curso de formación pode matricularse a partires de hoxe venres 28 de agosto”

II SARDIÑADA POPULAR EN BURELA


Burela acollerá o vindeiro sábado, día 5 de setembro, a II Sardiñada Popular. Neste evento, organizado polo Concello de Burela en colaboración coa Asociación Os Centolos de A Mariña, repartiranse gratuitamente uns 500 quilos de sardiñas.
A concelleira de Mar, Remedios López explicou que “dende a Concellería de Mar de Burela organízase para o sábado 5 de setembro a II Sardiñada Popular. Terá lugar a partires das19.00 horas da tarde no peirao”.Remedios López engadiu que “a Asociación Os Centolos de A Mariña colaborará nos traballos de asado e distribución e temos previsto repartir 500 quilos de sardiña e 150 quilos de pan gratuitamente a todo o público en xeral. Convido a toda a xente de Burela que se anime a baixar ao porto a degustar un día máis un producto típico como é neste caso a sardiña”.

miércoles, 26 de agosto de 2009

BARREIRAS DE SEGURIDADE PARA MOTORISTAS


O Concello de Burela comezou nas últimas horas a instalación de barreiras de seguridade para os motoristas nos gardarraís na estrada municipal que vai desde A Casilla ata o límite co concello de Cervo. Segundo explica o edil de Obras, Pascual Doménech, “esta actuación responde a unha petición do Motoclube Os Centolos, de dotar tanto a este tramo como á estrada de A Marosa das correspondentes proteccións que minimicen no máximo posible os riscos das caídas de moto. As medidas estanse acometendo no tramo considerado máis perigoso, logo das probas realizadas con integrantes do citado Motoclube”.

O concelleiro socialista engade que “este método de protección debe instalarse en carreteras interurbanas con limitación de velocidade superior aos 60 km/h cando existan obstáculos ou desniveis próximos ao borde da calzada, ou tamén, e éste é o caso deste tramo municipal, cando se xustifique a súa perigosidade e susceptible siniestralidade, con velocidade inferior a 60 km/h. A instalación percorre un tramo de 300 metros, acoplada sobre soportes metálicos xa existentes, co que aumentará a seguridade dos condutores”.
Pascual Doménech asegura que “tamén se están a facer as xestións oportunas ante a Deputación de Lugo para a súa instalación na estrada de A Marosa (no tramo que discorre entre a Avenida da Mariña e a praia de A Marosa), co que o Concello dará un cambio radical nas circunstancias que había en canto á seguridade dos condutores destes vehículos. A redución e diminución do número de accidentes, é labor de todos, do Concello como administración, así como da prudencia á hora de conducir tanto dos motoristas como dos condutores”.
O concelleiro de Obras e Servizos suliña que “esta actuación pretende dar resposta a unha reivindicación dos usuarios deste medio de transporte ante as diferentes administracións. Con esta decisión, e co apoio da Deputación de estender os protectores a todos os gardarraís no termo municipal, Burela confirma a súa aposta para que a moto sexa un medio de transporte seguro e eficaz para moverse polo Concello. Estamos convencidos de que a moto constitúe unha opción de mobilidade, pois permite o máximo aproveitamento do espazo público e ten un reducido impacto sobre o medio ambiente”.

lunes, 24 de agosto de 2009

CELEBRACION DO DIA DO MAR EN BURELA


Máis de 200 persoas participaron no Día do mar celebrado o pasado sábado en Burela. Segundo a edil, Remedios López Villar, “pola mañá acudiron nenos menores de 14 anos e xa pola tarde uníronse de todas as idades, incluso pais e nais. As actividades que tiveron máis éxito foron o donus acuático e a moto de auga, onde os asistentes puideron dar paseos durante todo o día”. A concelleira de Mar segue a relatar que “os máis difíciles foron o esquí acuático e o body board, xa que poucos lograron poñerse de pé, ainda que foron moitos os que o intentaron”.
A empresa Hola!Ola de Ribadeo acudiu con 100 traxes de neopreno, chalecos salvavidas, cinco monitores profesionais e “todo o material necesario para desenrolar as actividades. Ademáis desde o Concello aportamos dous monitores da área de Deportes”, conta Remedios López Villar. A concelleira socialista suliña que “todas as probas foron un éxito, as condicións metereolóxicas estiveron ao noso favor e a xente volcóuse en participar, polo que desde a Concellaría de Mar comprometémonos a organizar outro Día do mar o ano que ven”.

martes, 18 de agosto de 2009

DIA DO MAR EN BURELA


Burela celebrará o vindeiro 22 de agosto o Día do mar. A praia de O Portelo será o escenario de diversas actividades gratuítas como esquí acuático, surf ou xogos de auga.

A concelleira de Mar, Remedios López explicou que “en colaboración coa empresa Hola!Ola realizaranse actividades acuáticas gratuítas na praia de O Portelo para fomentar estes deportes pouco usuais nas nosas praias, aínda que estas sexan aptas para eles”.
Remedios López explicou que “as actividades serán en horario de 12.00 horas a 14.00 horas pola mañá e de 16.00 horas a 19.00 horas pola tarde e constan de esquí acuático, inchables, donus acuáticos, padel, surf e outros xogos como pode ser o baloncesto. Dicir que os participantes teñen que ser maiores de 6 anos e sen límite de idade, e que o único requisito que esiximos é que se saiba nadar. Con todo isto o que pretendemos é fomentar un turismo de calidade que utilice o mar como ocio e goce das súas vacacións”.

viernes, 14 de agosto de 2009

II SEMINARIO DE MUSICA CLASICA


A vindeira semana Burela acollerá o II Seminario de Música Clásica organizado pola Escola Municipal de Música. O curso está dirixido a músicos de corda e vento e ten como principal obxectivo promover o desenvolvemento musical dos instrumentistas para formar un grupo orquestral.

A delegada de Educación, Lucía Bouza, explicou que “a partires do vindeiro luns día 17 ata o venres 21 de agosto vaise celebrar na nosa vila o II Seminario de Música Clásica que está organizado pola Escola de Música Municipal de Burela. Este curso de verán desenvolveuse por primeira vez xa o ano pasado e debido ó éxito que tivo vamos a repetir a experiencia”.
Bouza sinalou que “o seminario está destinado a todos aqueles instrumentistas de corda e de vento e ten entre os seus obxectivos promover o desenvolvemento musical e a capacitación dos músicos para formar un grupo orquestral. Tamén se pretende levar a un nivel técnico máis alto ós músicos e que estes aprendan a apreciar a que ven sendo tradicionalmente denominada como música clásica dentro dun parámetro formal, para que os alumnos non a vexan como unha música aburrida, senón como unha música coa que son capaces de gozar”.

A responsable de Educación engadiu que “o seminario se pechará cun concerto que terá lugar o vindeiro venres, día 21, a partires das 20:00 da tarde no auditorio da Casa da Cultura”.

CURSO DE SOCORRISMO ACUATICO


O curso de socorrismo acuático e primeiros auxilios, organizado pola Concellaría de Mar e impartido pola Cruz Vermella de Burela, foi clausurado nas últimas horas no Concello coa entrega dos títulos correspondentes. O acto estivo presidido por Remedios López Villar, responsable de Mar.

A edil socialista destacou que “estes cursos de formación están tendo moi boa acollida. Na Semana Santa, organizamos o curso do titulín e cubríronse tódalas prazas co 100% de aprobados; en xuño, con este curso de socorrismo acuático e primeiros auxilios lograron obter o título 10 socorristas e 18 persoas o de primeiros auxilios. Agora, estamos a traballar para facer o PER, abriremos unha lista para que se matriculen os que estean interesados e se logramos facer un grupo o Concello subvencionará unha parte”.

jueves, 6 de agosto de 2009

CAMPIONATO GALEGO DE MOTOS ACUATICAS EN BURELA


Burela acollerá a terceira proba do Campionato Galego de Motos Acuáticas que se celebrará o vindeiro sábado 8 de agosto na praia do Portelo.

Remedios López , edil de Mar, lembra que “éste é o segundo ano consecutivo que se organiza a proba que tivo unha gran expectación e aceptación na edición anterior. Cerrarase a praia ao público por motivos de seguridade e durante todo o día haberá probas e exhibicións”.
Segundo explica o comisario da proba, Silvio Pérez, “o campionato comezará as 17 horas e rematará ás 19 horas con varias mangas na modalidade motos de auga Maxi e motos de auga Jet SKI nas que participarán de 25 a 30 deportistas”. O presidente da Federación de Motonáutica, Antonio Iglesias, asegura que “a xornada combinará perfectamente a práctica dun atractivo deporte coa beleza dunha vila como Burela e coa súa gastronomía”.

A concelleira socialista de Mar convida “a todo o mundo a que se acerque ata a praia do Portelo para disfrutar deste espectáculo gratuito”.

martes, 4 de agosto de 2009

ACTIVIDADES PARA NENOS


O Centro de Educación Ambiental Gaia do Concello de Burela continúa coas actividades para nenos programadas para este verán durante todo o mes de agosto, así o anunciou a concelleira de Medio Ambiente, Lucía Bouza.

A edil socialista explicou que “agora que comezamos o mes de agosto quero facer un recordatorio das actividades que se veñen desenvolvendo dende o 15 de xullo co Centro de Educación Ambiental Gaia. Estas actividades van durar todo o mes de agosto ata o día 31. En primeiro lugar, os luns, martes e mércores, as dúas monitoras realizan obradoiros nos que están a participar 75 nenos e nenas de idades comprendidas entre os 3 e os 12 anos. Nestas clases desenvolven actividades moi variadas: animación á lectura, talleres creativos, globoflexia, obradoiros de barro, traballos con materiais de refugallo, xogos de animación ao aire libre e unha actividade que leva por título O vento e as cometas”.

Lucía Bouza sinalou que “os xoves, por outra banda, en horario de 10.00 a 13.30, para nenos e nenas de 4º,5º e 6º de primaria, realízanse actividades ao aire libre como xogos de auga, xogos de animación, talleres de escaiola e de reciclaxe e roteiros medioambientais polo noso concello: a ruta das fontes, a ruta dos castiñeiros, o roteiro costeiro e o roteiro natural. Por exemplo, o xoves día 23 de xullo realizaron unha visita ao barco museo boniteiro Reina del Carmen e á lancha de salvamento marítimo con base no peirao de Burela e o xoves 30, visitaron antigos castiñeiros centenarios da Vila do Medio. Esta semana, o vindeiro xoves 6 de agosto, farán unha actividade de limpeza na praia da Marosa coa axuda do material do equipo de limpeza e visitarán a biblioteca ao aire libre instalada nas inmediacións da praia”.
Bouza engadiu que “os venres tamén están adicados a actividades ao aire libre, en horario de 10.00 a 13.30, para nenos e nenas de entre 3 e 12 anos. Para participar, os menores de 10 anos deben ir acompañados dun adulto ou titor. Un exemplo desta actividades é a que se desenvolveu o pasado venres día 31, consistente nun roteiro para coñecer as diversas fontes de Burela e tamén para concienciar da importancia que ten o aforro de auga. Por último, quero recordar que estas actividades se van desenvolver durante todo o mes de agosto e animo a todo aquel que queira ter mais información a que se dirixa ó Concello de Burela”.

CAMPIONATO GALEGO DE MOTOS ACUATICAS EN BURELA


O Concello de Burela, a través da Delegación de Mar, está a organizar a terceira proba do Campionato Galego de Motos Acuáticas que se celebrará o vindeiro sábado 8 de agosto na praia do Portelo.

Remedios López , edil de Mar, lembra que “éste é o segundo ano consecutivo que se organiza a proba que tivo unha gran expectación e aceptación na edición anterior. Cerrarase a praia ao público por motivos de seguridade e durante todo o día haberá probas e exhibicións”.
O campionato comezará as 17 horas con varias mangas na modalidade motos de auga Maxi e motos de auga Jet SKI nas que participarán de 25 a 30 deportistas. A concelleira socialista convida “a todo o mundo a que se acerque ata a praia do Portelo para gozar deste espectáculo gratuíto, deste importante evento deportivo”.