viernes, 27 de febrero de 2009

PLENO ORDINARIO

O vindeiro 5 de marzo haberá pleno ordinario en Burela, que segundo explica o alcalde, Alfredo Llano, “aínda que tocaba o xoves dia 26 quedou posposto para ese día debido á campaña electoral que se leva a cabo polas eleccións autonómicas galegas”.

No pleno someterase a aprobación definitiva o prego de condicións polos que se rexerá a concesión do abastecemento de auga e do saneamento a Burela “para que sexa xa efectivo desde o vindeiro mes de abril”. Na mesma sesión presentarase e someterase tamén a aprobación a nova ordenanza de contaminación acústica que elaborou o equipo de goberno. Alfredo Llano sinala que “nos preocupa moito esa problemática de aí que sacamos unha nova regulamentación máis adaptada á nova lei que aprobou hai meses a Xunta e que é máis competente e máis definidora en moitos aspectos. O que se pretende é facer compatible o ocio dos nosos locais co descanso dos nosos veciños e que estes sufran os menores problemas e inconvenientes posibles”.

Obras rematadas

Alfredo Llano asegura que “en Burela estes días estamos dinamizando moitas obras para rematalas o antes posible e que non sexan moi molestas para os veciños. Xa se asfaltaron Súafonte e Celso Emilio Ferreiro e agora estamos asfaltando Arcadio Pardiñas… aquí estamos cos últimos retoques”. O rexedor engade que “tamén se está culminando esa importante obra que foi extraordinariamente complexa e complicada, pero que terá unha repercusión en positivo e moi grande para Burela debido ás tubaxes enormes que se colocaron para separar as augas pluviais e as residuais. Eso significará que aquela tremenda desfeita que se produciu o 29 de agosto de 2007 cando se inundaron moitos baixos e rúas, cando saltaron as tapas das alcantarillas e a EDAR quedou moi afectada… iso significará (como dicía) que esa situación non se repetirá e que esta obra beneficiará ao conxunto de Burela”.

CAMPAÑA DE REVISION OCULAR

A Delegación de Sanidade inicia o luns 2 de marzo unha campaña de revisión ocular entre os alumnos de primaria do concello. Segundo explica a edil, Sonia Fraga, dita campaña “dará comenzo no Colexio Vista Alegre e seguirá na semana do 9 de marzo polo centro Virxe do Carme. Os alumnos obxecto desta revisión serán desde 1º a 6º de primaria. Con esta campaña o que pretendemos é que se detecten posibles problemas de visión nos nenos e así erradicar cuestións coma o baixo rendimento escolar que poidan ter algúns rapaces por problemas de visión”.
As actividades que organiza a Delegación de Sanidade seguirán a partires de mediados de marzo e tamén durante o mes de abril cuns talleres de nutrición “para intentar inculcar tanto nos colexios de infantil coma nos de primaria a necesidade de levar unha alimentación axeitada”, engade Sonia Fraga. Haberá tres talleres dunha hora de duración cada un. Os dous primeiros serán teóricos e un experto “explicaralles aos nenos a importancia de comer sano e de consumir froitas na nosa dieta. E a terceira hora será un taller práctico para degustar froitas e zumos variados co fin de que os rapaces experimenten cos sabores e así potenciar o consumo de froitas tan importante a día de hoxe na nosa alimentación”.
Estas campañas que realiza o Concello de Burela, a través da súa Delegación de Sanidade, comenzaron hai semanas co reparto nos colexios de iogures para potenciar o consumo de lácteos entre os nenos e co reparto de culotorios para incidir na importancia dunha boa hixiene bucal.

1ª XORNADAS DO OURIZO


O venres dia 27 dan comenzo en Burela as I Xornadas gastronómicas do ourizo que organiza a Delegación de Mar do Concello e que se prolongarán ata o vindeiro domingo. Os que acudan poderán degustar este exquisito producto de temporada ao prezo de 4 euros e preparado de xeito tradicional, pero tamén en pratos moi elaborados coma “espárragos recheos de caviar de ourizo, ourizo con bogavante, fabas con ourizo, revuelto de ourizo ou pizza de ouriza”, segundo explica a concelleira, Remedios López Villar.

As persoas que pasen por algúns dos 13 restaurantes participantes recibirán unha cartulina que lles irán selando e despois entrarán no sorteo dunha cea para unha parella en calquera deses establecementos. O restaurante que elabore o mellor prato de ourizo tamén será premiado. “Neste caso o xurado estará composto por membros da confraría de pescadores, de ABSA, da Moncloa e do propio Concello. O gañador que recibirá un agasallo simbólico será elixido coma mellor restaurador das I Xornadas gastronómicas do ourizo de mar”, segue a contar a edil socialista.

Remedios López engade que “cos pratos preparados a base de ourizo será elaborado un terceiro libro de receitas ao igual que xa se fixo coa pescada e co bonito”. A concelleira de Mar convida “a todos los bureleses e mariñanos a achegarse estes días a Burela a disfrutar deste exquisito producto de temporada”

jueves, 26 de febrero de 2009

CURSOS DE PRIMEIROS AUXILIOS E SOCORRISMO

A concellería do Mar que leva Remedios López en Burela ven de anunciar que está aberto o prazo de inscripción no segundo curso de primeiros auxilios e socorrismo acuático, tralo éxito do primeiro, no que tuvo que quedar xente fora. Está dirixido a maiores de idade. Os empadroados en Burela pagan 50 euros e 250 os que non estan empadroados neste Concello.
Tamén anunciou que está aberto o prazo para o curso de obtención do título federativo de patrón de embarcacions deportivas a motor.

MITIN EN BURELA


O secretario xeral dos socialistas galegos e candidato á presidencia da Xunta de Galicia do PSdeG-PSOE, Emilio Pérez Touriño participou pola tarde nun mitin en Burela (Lugo), ante mais de 500 persoas.


Alí pediu o voto “para aos que credes que a política se fai dende o encontro e o diálogo, e comprométome con vós a propoñer un acordo polo emprego, un acordo polo autogoberno, e un acordo pola lingua”.


Explicou o seu compromiso “pídovos o voto aos que credes que aínda hai que afondar na protección social e nos dereitos. Comprométome a que todos os traballadores que queden en paro reciban 200 euros ao mes para axudarlles a pagar o aluguer das súas vivendas. E faremos que todos os traballadores aos que lles remate a prestación por desemprego reciban un salario de reinserción laboral de 422 euros mensuais, para protexer dos dereitos básicos, o salario e a vivenda”.


Afirmou que a resposta ante a crise debe darse “dende a unión, a solidariedade e a cooperación”.


O Secretario Xeral dos Socialistas Galegos díxolle a Feijoo “que ten sacar a careta é dicir a verdade porque de avanzamos, nada”, en alusión ao slogan PP, “porque con el volvemos, a pagar as estradas, os libros de texto, a sanidade,,,,”. E incidiu en que a Galicia “non lle convén un Goberno do PP, porque é un partido roto e que se tambalea”. Tamén dixo de Feijoo que “parece que anda escapado, un home así non poder ser líder da oposición, só pretende a apatía e a desmobilización”.


Durante a súa intervención lembrou a proposta de que se revalida no seu cargo, a súa "primeira chamada" será para os empresarios, os sindicatos e as tres forzas políticas "para lograr un grande acordo nacional de unidade fronte á crise".


Tamén falou do idioma “deber ser un elemento para unir e non para dividir e confundir, estamos orgullosos das dúas linguas, do galego e do castelán, e as dúas son non nosas”, apuntou.


Anunciou ademais que esta estudando a posibilidade “de facer un PAC en Foz e da ampliación do Hospital de Burela”.


O candidato do PSdeG-PSOE repasou a súa labor ao fronte do Goberno. Argumentou que “nestes catro anos demos un paso moi grande no apoio á educación, en bolsas, en escolas infantís de 0 a 3 anos”. Sobre o investimento en educación explicou que “avanzamos moito nesa dirección. O cambio supuxo libros de texto gratuítos, extensión do servizo de comedores escolares, implantación da figura do acompañante escolar, bolsas para estudar idiomas no estranxeiro, introdución da sociedade dixital nas aulas”.


Por último pediu o voto para aqueles “que creen que Galicia merece a pena”. E subliñou que “votar ao PP seria retroceder en tódolos avances que levamos feito. Quero ser o Presidente de tódolos galegos para traballar xuntos e apostar por un pais polo que paga a pena apostar e vivir”.


O acto celebrouse na Casa da Cultura de Burela e presentouno o Alcalde da localidade Alfredo Llano quen definiu a Touriño “ como o mellor Presidente de Galicia”.


Rego: “Touriño é un home que cree firmemente en Galicia e nos galegos”


Tamén tomou a palabra Ismael Rego, portavoz parlamentario e candidato número 3 pola provincia de Lugo.


Rego lembrou recente visita de Touriño á Comarca por mor do temporal e dixo “mentres o Presidente de Galicia pisaba o terreo para coñecer de cerca os danos do temporal, Feijoo estaba sacando un billete para Madrid”. E incidiu nas súas criticas aos populares “fai pouco viñeron a nosa Comarca a maior concentración de espías”, en alusións as recentes visitas de lideres do PP. Ademais afirmou que “tódolos espías que hai no PP son fillos da política de Fraga , eles foron os que trouxeron a resignación e o abandono a Galicia”.

De Feijoo dixo “que vai polo mundo adiante de axente 009, porque parece que lle queda pequeno o de 007”.


Finalmente pediu o voto para Touriño e definiuno como o Presidente “dos dereitos dos cidadáns, da igualdade, da sanidade, da educación”, pero sobre incidiu “é un home que cree firmemente en Galicia e nos galegos”.

martes, 24 de febrero de 2009

CURSOS DE INFORMATICA


A delegación de Emprego e Formación de Burela oferta un curso de informática on-line no que se abordarán “conceptos e cuestións coma word, excell, access, power point. Terá 30 horas de duración e será a distancia. Vai haber unha plataforma virtual cun monitor todos os días para resolver calquera tipo de dúbida entre os que o realicen”, explica Sonia Fraga. A edil socialista engade que “a maiores os mércores e os venres haberá dúas titorías cun monitor presencial no Centro de Formación para que os interesados poidan asistir a estas citas e solventar todos os problemas que lles puideran xurdir ao longo da semana”.

Sonia Fraga sinala que “este curso de informática on-line está dirixido a traballadores en activo. Organizámolo en colaboración coa Academia Postal e está financiado polo Fondo Social Europeo. O que pretendemos é que a xente traballadora poida ir sumando máis cursos ao seu curriculum”.

O prazo de inscrición para participar neste curso que comezará en breve estará aberto ata o venres 27 de febreiro. Na actualidade, segundo a concelleira de Emprego e Formación, “hai 17 persoas apuntadas. Os que desexen anotarse poden facelo no Centro de Formación e deben levar sendas fotocopias do DNI e da última nómina”.

Banco de tempo

Por outra banda, o Concello de Burela, a través do banco de tempo, oferta entre as persoas que están dadas de alta neste servizo un curso de iniciación básica á informática que será impartido por un dos usuarios de dito banco. Sonia Fraga di que “é a primeira petición que se fixo. Sabemos que o banco de tempo é un servizo de pedir e servir, ou sexa que no momento no que ti demandas algo tamén podes ofertar algunha cousa. Empézase con esta actividade porque foi a máis demandada durante meses polos usuarios do banco de tempo”.

O curso desenvolverase todos os luns entre as 19:30 e as 20:30 horas no Centro de Formación. A persoa que o impartirá recibirá doutro dos usuarios do banco de tempo de Burela unhas clases de técnicas de masaxe “tal e como ambos acordaron”.

A responsable de Emprego e Formación anuncia que “este cursiño tamén se ofertou ás asociacións do Concello por si queren asistir e sobre todo para inculcar a existencia do banco de tempo e que poida seguir anotándose a xente que estea interesada”.

miércoles, 18 de febrero de 2009

ENTREGA DE LIBROS


O alcalde de Burela, Alfredo Llano, acompañado pola concelleira de Educación, Lucía Bouza, entregou varios lotes do libro "Aventura na Mariña", editado polas tres fundacións comarcais, aos colexios Virxe do Carme e Vista Alegre.

martes, 17 de febrero de 2009

ASFALTADO DE RÚAS


O alcalde de Burela, Alfredo Llano, ven de anunciar o comenzo dos traballos de asfaltado da Rúa Suafonte ; posteriormente continuarán por Celso Emilio Ferreiro e Rúa das Flores, hasta completar todolos viales afectados polas obras complementarias de Torrentes. Llano quere recordar que estes traballos non se puideron facer antes debido o mal tempo que facia imposible aplicar con garantias a capa de aglomerado.

sábado, 14 de febrero de 2009

XORNADAS DO OURIZO


As xornadas de degustación do ourizo que organiza a Concellaría de Mar coa colaboración dos bares e restaurantes da vila celebraranse os días 27 e 28 de febreiro e o 1 de marzo. O prato ou ración de ourizo que se ofrecerá preparado de diversas maneiras terá un prezo de 4 euros, segundo acordaron os organizadores no encontro que mantiveron onte á tarde no Concello de Burela.

As persoas que acudan a estas xornadas recibirán unha tarxeta para ir selando en todos os bares e restaurantes polos que pasen e despois entrarán no sorteo dunha cena para unha parella en calquera dos establecementos hostaleiros participantes nesta nova cita gastronómica.

Cos pratos preparados a base de ourizo será elaborado un terceiro libro de receitas ao igual que xa se fixo coa pescada e co bonito. Éste último receitario vai ser presentado en breve.

Á xuntanza preparatoria celebrada onte asistiron a edil de Mar, Remedios López Villar e o alcalde de Burela, Alfredo Llano.

viernes, 13 de febrero de 2009

O CONCELLO FOMENTA O CONSUMO DE LACTEOS


A Delegación de Sanidade do Concello de Burela organiza varias campañas para potenciar o consumo de lácteos nos rapaces e para conciencialos da importancia dunha hixiene bucal óptima.

A primeira campaña, segundo Sonia Fraga, “consistirá na entrega dun envase de yogurt líquido a cada neno/a que está a cursar infantil e primaria nos colexios de Burela. Eses rapaces deberán ter unha autorización dos pais para poder consumir estes iogures dous xoves ao mes sen ningún tipo de custe para eles”. A edil socialista sinala que “o que pretendemos deste xeito é potenciar o consumo de produtos lácteos entre os rapaces”.

E a segunda campaña que comezará o vindeiro luns 16 de febreiro “suporá a entrega a cada neno que se quede a xantar nos comedores escolares dun colutorio bucal dun só uso. Dito colutorio serálles entregado aos nenos de primaria polas coidadoras do comedor todos os días do que resta de febreiro e tamén durante o mes de marzo para conciencialos da importancia dunha hixiene bucal óptima”, segue a contar Sonia Fraga. A concelleira de sanidade insiste “na necesidade de cepillar os dentes despois de cada comida e de enxaugar polo menos unha vez ao día a boca con colutorios bucais para combater a caries ou outras enfermidades a corto e longo prazo”.

Estas dúas campañas foron dadas a coñecer por Sonia Fraga e polo alcalde, Alfredo Llano. A Delegación de Sanidade de Burela traballa xa na preparación de máis actividades para o resto do curso escolar.

jueves, 12 de febrero de 2009

DESBLOQUEO DO ACCESO AO PORTO


O presidente de Portos de Galicia, Jacinto Parga, anunciou esta mañá en Burela que a Consellería de Política Territorial retomará a vindeira semana as obras de construción da vía de acceso ao porto. A reanudación dos traballos prodúcese logo de que un auto xudicial levantara a suspensión cautelar dos mesmos que decretara nun primeiro momento a raíz dunha denuncia veciñal.

Polo tanto, a partires da próxima semana a CPTOPT continuará coas obras para ofrecer un servizo de calidade e axeitado para un dos portos de maior volume de operacións dos 122 adscritos á Comunidade Autónoma. Esta nova estrada de acceso ás instalacións portuarias, de algo máis dun quilómetro de lonxitude, suporá un investimento de 6,4 millóns de euros que financian a partes iguais Política Territorial e Portos de Galicia. A infraestrutura partirá da Avenida da Mariña, á altura da nova lonxa, onde se construirá unha glorieta. Dende alí discorrerá entre o cantil e a liña de Feve, cruzará por debaixo as vías e rematará noutra glorieta na Avenida Arcadio Pardiñas. A estrada contará con dous carrís de 3,5 metros e dúas beiravías dun metro, así como cun paseo peonil pola beira do mar ao longo de todo o percorrido. Ademais, cumprindo os compromisos da CPTOPT en materia de seguridade viaria, a estrada incorporará os sistemas de protección para motociclistas.

Esta nova infraestrutura suporá unha considerable mellora tanto dende o punto de vista da mobilidade como da seguridade viaria para todos os cidadáns de Burela, xa que aglutinará o tráfico pesado cara o porto que agora ten que atravesar o centro urbano da localidade. Precisamente este tráfico pesado viuse incrementado nos últimos anos debido a que o porto de Burela foi obxecto de diferentes ampliacións nas súas liñas de atraque e conta cunha gran lonxa para o tratamento e comercialización da pesca. Unha vez que entre en servizo, a nova vía configurarase como un eixo básico de comunicacións para os usuarios do porto.

Ampliación do peirao comercial
Doutra banda, o presidente de Portos, Jacinto Parga, visitou diversas actuacións que o seu departamento está a realizar nas instalacións portuarias de Galicia. Cómpre salientar que Portos de Galicia continúa cos traballos de ampliación do peirao comercial de Burela, que conta cun investimento de 8,4 millóns de euros. O obxectivo desta actuación é ampliar as instalacións portuarias e compatibilizar os usos pesqueiros e comerciais. Na actualidade, sobre todo durante a campaña da pesca do bonito, estas instalacións están ao límite da súa capacidade, especialmente cando coincide en porto a flota boniteira cos mercantes que cargan no peirao. A ampliación que se acomete permitirá compaxinar os usos pesqueiro e comercial e adecuar as instalacións para que poidan ser empregadas por buques mercantes de 5.000 Toneladas de Peso Morto (TPM).

Segundo dixo Jacinto Parga, as obras de ampliación do peirao rematarán despois do verán. Así mesmo, o presidente de Portos de Galicia informou dun novo proxecto -dotado con 865.000 euros- para acometer obras de ampliación do vial interior do porto.

OBRAS EN VILAR


O xoves dia 12 comezan as obras de saneamento, abastecemento e reposición de pavimento que o Concello de Burela realizará na rúa Vilar e no camiño dos Corvos e que suporán un investimento de 115.000 euros. A intención do Concello “é mellorar o núcleo rural do barrio de Vilar, dotándoo de servizos urbanísticos, dando continuidade á rede xeral existente na zona. As obras que se acometerán consisten na reposición dun tramo da rede de abastecemento actual, a dotación da rede de saneamento e abastecemento, a formación de cunetas, o saneo de blandóns e a reposición do pavimento”, segundo explica o concelleiro de Obras, Pascual Domenech.O prazo de execución das obras será de tres meses. O proxecto, segundo un informe do arquitecto técnico municipal “atense ás normativas técnicas urbanísticas e medio ambientais aplicables”. Doménech engade que “o bombeo de Foxo está xa en funcionamento despois de superar problemas de subministro eléctrico e mecánico, co que queda solucionada a recollida de augas residuais de Vilar”.

XORNADAS DE DEGUSTACION DO OURIZO


A Concellaría de Mar de Burela prepara unhas xornadas gastronómicas de degustación “dun produto de temporada” como é o ourizo. Segundo explica, Remedios López Villar “queremos seguir promocionando os produtos que se venden no noso peirao, tal e como xa fixemos coa pescada ou co polbo… agora queremos facer un tapeo polo pobo durante unha fin de semana”.

Para organizar esas xornadas, o prezo e os pratos a degustar, a Concellaría de Mar convoca a todos os bares e restaurantes de Burela a unha xuntanza que se celebrará mañá venres 13 de febreiro ás 19:00 horas no salón de plenos do Concello de Burela. Ao encontro asistirán Remedios López Villar e o alcalde de Burela, Alfredo Llano.

A edil socialista anuncia que “tal e como fixemos tamén coa pescada do pincho faremos tamén un libro recetario Sabores do noso mar cos pratos preparados con ourizo. O recetario da pescada tivo moi boa acollida en Burela, agora estamos ultimando o do bonito que sairá en breve e despois faremos o deste producto de temporada que queremos promocionar agora, o ourizo”.

lunes, 9 de febrero de 2009

EXPLICACIÓN DO PLAN " E " OS VECIÑOS


Este venres dia 6 , o Alcalde de Burela , Alfredo Llano xunto cos Concelleiros do grupo socialista mantiveron unha xuntanza cos veciños da zona dos Castros para explicar as obras que se van levar a cabo dentro do Plan Estatal de Investimento Local e que teñen moita repercusión nesa zona.
A presencia de veciños foi moi importante e amosaron moito interés polas obras que se farán con cargo a dito Plan , asemade tamén se preocuparon por outros temas municipáis que o Alcalde explicou perfectamente quedando todolos veciños moi contentos por esa iniciativa de explicar todas as obras que se farán asi como da contia que teñen de presuposto e data na que se levarán a cabo.