jueves, 12 de febrero de 2009

DESBLOQUEO DO ACCESO AO PORTO


O presidente de Portos de Galicia, Jacinto Parga, anunciou esta mañá en Burela que a Consellería de Política Territorial retomará a vindeira semana as obras de construción da vía de acceso ao porto. A reanudación dos traballos prodúcese logo de que un auto xudicial levantara a suspensión cautelar dos mesmos que decretara nun primeiro momento a raíz dunha denuncia veciñal.

Polo tanto, a partires da próxima semana a CPTOPT continuará coas obras para ofrecer un servizo de calidade e axeitado para un dos portos de maior volume de operacións dos 122 adscritos á Comunidade Autónoma. Esta nova estrada de acceso ás instalacións portuarias, de algo máis dun quilómetro de lonxitude, suporá un investimento de 6,4 millóns de euros que financian a partes iguais Política Territorial e Portos de Galicia. A infraestrutura partirá da Avenida da Mariña, á altura da nova lonxa, onde se construirá unha glorieta. Dende alí discorrerá entre o cantil e a liña de Feve, cruzará por debaixo as vías e rematará noutra glorieta na Avenida Arcadio Pardiñas. A estrada contará con dous carrís de 3,5 metros e dúas beiravías dun metro, así como cun paseo peonil pola beira do mar ao longo de todo o percorrido. Ademais, cumprindo os compromisos da CPTOPT en materia de seguridade viaria, a estrada incorporará os sistemas de protección para motociclistas.

Esta nova infraestrutura suporá unha considerable mellora tanto dende o punto de vista da mobilidade como da seguridade viaria para todos os cidadáns de Burela, xa que aglutinará o tráfico pesado cara o porto que agora ten que atravesar o centro urbano da localidade. Precisamente este tráfico pesado viuse incrementado nos últimos anos debido a que o porto de Burela foi obxecto de diferentes ampliacións nas súas liñas de atraque e conta cunha gran lonxa para o tratamento e comercialización da pesca. Unha vez que entre en servizo, a nova vía configurarase como un eixo básico de comunicacións para os usuarios do porto.

Ampliación do peirao comercial
Doutra banda, o presidente de Portos, Jacinto Parga, visitou diversas actuacións que o seu departamento está a realizar nas instalacións portuarias de Galicia. Cómpre salientar que Portos de Galicia continúa cos traballos de ampliación do peirao comercial de Burela, que conta cun investimento de 8,4 millóns de euros. O obxectivo desta actuación é ampliar as instalacións portuarias e compatibilizar os usos pesqueiros e comerciais. Na actualidade, sobre todo durante a campaña da pesca do bonito, estas instalacións están ao límite da súa capacidade, especialmente cando coincide en porto a flota boniteira cos mercantes que cargan no peirao. A ampliación que se acomete permitirá compaxinar os usos pesqueiro e comercial e adecuar as instalacións para que poidan ser empregadas por buques mercantes de 5.000 Toneladas de Peso Morto (TPM).

Segundo dixo Jacinto Parga, as obras de ampliación do peirao rematarán despois do verán. Así mesmo, o presidente de Portos de Galicia informou dun novo proxecto -dotado con 865.000 euros- para acometer obras de ampliación do vial interior do porto.

No hay comentarios: