viernes, 26 de marzo de 2010

DIA MUNDIAL DA SAUDE


Burela celebrará o día mundial da saúde o 7 de abril con bailes deportivos e batuka. Será de 17 a 19 horas na praza do Concello “se o tempo o permite, senón trasladaríase á praza de abastos”, segundo ven de anunciar a concelleira de Sanidade, Sonia Fraga. A edil socialista anima á xente a que participe nesta segunda celebración do día mundial da saúde e engade que “ao rematar faremos unha merenda para repoñer forzas”.Na organización da actividade, que foi presentada esta mañá polo alcalde, Alfredo Llano e por Sonia Fraga, colabora o ximnasio Hawk de Burela.

miércoles, 24 de marzo de 2010

LIMPEZA DE PRAIAS


Segundo explica Pascual Doménech “ante a sucesión de temporais de choiva, vento e precipitacións constantes padecidos na tempada de inverno intensificáronse os traballos de limpeza. A adversa climatoloxía padecida dende o mes de novembro, está obrigando á realización de traballos intensivos para a retirada de lixo e restos arroxados ou desenterrados polas mareas e a oleaxe nas praias de O Portelo, A Marosa e Ril”. O edil socialista suliña que “aparte dos restos habituais como plásticos, madeira, neumáticos, caixas de peixe ou redes de pesca, estanse a atopar verquidos de escombros e restos de obra, polo que dende o Concello se fai un chamamento ao comportamento cívico para manter as nosas praias en condicións óptimas e dignas e para que o seu valor siga medrando de cara a renovar o distintivo de bandeira azul e conseguir a certificación de xestión medioambiental. En definitiva, debemos tomar conciencia da contaminación que pode afectar á nosa costa e sensibilizarnos na protección do noso litoral, no cal todos os bureleses temos un papel que xogar”. Ao longo desta semana tamén se está a proceder en Burela ao lavado de contenedores de rsu. O concelleiro de Obras e Servizos manifesta que “a recollida de residuos sólidos urbáns complementase co lavado de contenedores que garantice a aplicación de tratamentos de limpeza periódicos, de tal modo que o contenedor ubicado na vía pública non sexa un foco de suciedade e de malos olores”. Pascual Doménech conta que “o sistema que se emplea na actualidade é o lavado interior do contenedor mediante a combinación de caudal, temperatura e presión de aplicación de auga. Acompañando ao vehículo de recollida de residuos vai o lavacontenedores, para así atopalos vacíos e para que o ciclo de lavado sexa eficaz. Para proceder ao seu lavado exterior, e logo de contactos con outros concellos, atopámonos co hándicap do alto custe que conleva e a baixa productividade obtida, máis o Concello de Burela mantén conversas e negociacións con Celta Prix para atopar un sistema eficaz que nos permita manter un parque de contenedores de recollida de residuos en perfecto estado”.

CURSO DE SOCORRISMO ACUATICO



O vindeiro venres 26 de marzo ás 20 horas terá lugar unha xuntanza cos interesados en facer o novo curso de socorrismo acuático que organizan o Concello de Burela e a Cruz Vermella. O encontro que terá lugar no salón de plenos pretende “concretar horarios ao gusto de todos e explicar o funcionamento do curso”, segunda apunta a concelleira de Mar.

Remedios López explica que o curso consta de tres módulos, “o primeiro é o de primeiros auxilios, ten unha duración de 20 horas e é imprescindible pasalo para facer o seguinte. O segundo módulo DESA será de 8 horas e servirá para saber utilizar o desfibrilador, é obrigatorio. E o terceiro módulo é o de socorrismo acuático, terá unha duración de 80 horas.Unha vez aprobados os outros dous, farase una proba de acceso para este módulo, esixindo uns coñecementos básicos de natación”.O primeiro e terceiro módulo faranse pola Concellería de Mar que dirixe Remedios López o segundo módulo (DESA) será a través da Concellería de Formación de Sonia Fraga.

López Villar sinala que “o custe total destes cursos será de 260€ por persoa, o Concello subvenciona con 200€ aos empadroados en Burela. Os que xa teñan feito o curso de socorrismo doutros anos poderán facer de forma gratuíta o 2º módulo (DESA) que será obrigatorio para as probas de selección de persoal socorrista para praias”.
A concelleira de Mar manifesta que “un ano mais inténtase formar á poboación en mar e socorrismo, dándolles a oportunidade de traballar durante catro meses estivais á nova mocidade. Nos plans de cooperación, polos que se intenta subvencionar estes postos, esíxese que sexan desempregados e non teñan mais de nove meses traballados acollidos a esta subvención, iso crea estar renovando continuamente o persoal e fomentando o emprego”.

martes, 16 de marzo de 2010

REUNION DO ALCALDE CO DIRECTOR XERAL DE SOSTIBILIDADE SOBRE O POL

O alcalde de Burela, Alfredo Llano, técnicos do Concello e de OTEA (a empresa redactora do PXOM) entrevistaránse o vindeiro martes 16 de marzo ás 10 da mañá en Santiago co director xeral de Sostibilidade e Paisaxe, Manuel Borobio, para analizar as incidencias que o Plan de Ordenación do Litoral ten en Burela.

O rexedor sinalou que “as nosas alegacións están directamente relacionadas co PXOM e queremos que ambos plans sexan o máis compatibles posibles e son as máis indicadas para que o noso concello non perda as ventaxas que debe ter cara o seu desenvolvemento social e económico”. Llano quere “expoñerlle o noso punto de vista ao director xeral e agardamos chegar a unha conclusión final que sexa ventaxosa para o noso concello e si houbera algo máis que alegar ainda podemos facelo xa que hai un mes máis de prazo para os Concellos, segundo ven de anunciar a Xunta”.

APROBACION DO FEESL

O goberno do Estado déulle o visto bó á rehabilitación e enlace das rúas Arcadio Pardiñas e Celso Emilio Ferreiro. Trátase dun dos 11 proxectos presentados polo Concello dentro do plan E de 2010, os outros dez xa contaban co beneplácito da Administración central. O alcalde de Burela amósase satisfeito por esta confirmación.
Alfredo Llano explicou que “acabamos de recibir a última notificación coa que se confirman a totalidade das nosas propostas para o plan E de 2010. Deste xeito temos completado o que corresponde a cerca dun millón de euros, unha parte destinada a obras, medio ambiente e novas tecnoloxías e outra, uns 200.000 euros, a gastos sociais”.O rexedor sinalou que “dentro desas obras xa está confirmado o proxecto para a rehabilitación e enlace das rúas Arcadio Pardiñas e Celso Emilio Ferreiro, unha obra moi demandada polos veciños e que se vai acometer o antes posible. En políticas sociais, os proxectos aprobados son: o programa complementario de estudios musicais na Escola de Burela, o programa de atención aos alumnos de educación primaria fora do horario lectivo (desprazamento, comedor escolar, piscinas…), o programa de cuidado a persoas dependentes e atención a colectivos de persoas en risco de exclusión social e o programa de atención ás familias”.Llano asegurou que “todo esto ven confirmar todo o que temos solicitado. Estamos en contacto con empresas, publicitando as obras que queremos que dean comenzo o antes posible. Tentaremos que moitas se inicien no vindeiro mes de abril para estaren rematadas en xuño, antes de que entre en vigor a nova aplicación do IVA, ainda que algunha quedará para máis tarde debido á súa dificultade técnica”.

ACTO DOS SOCIALISTAS DE GALICIA EN BURELA

Rolda de prensa dos socialistas en Burela


A responsable de Política Municipal da Executiva Nacional do PSdeG-PSOE, Mar Barcón, a deputada e voceira de asuntos medioambientais no Parlamento, Carmen Gallego, o alcalde de Burela, Alfredo Llano e membros da Executiva provincial do PSdeG-PSOE de Lugo mantiveron onte, en Burela, unha xuntanza cos representantes socialistas da zona da Mariña, para falar do Plan de Ordenación Litoral (POL).


Os socialistas denuncian que “o Partido Popular segue rexendo as súas políticas mediante ‘decretazos’, con imposicións e sen contar nin co resto dos Grupos Parlamentarios, e moito menos coa cidadanía”. Juan José Díaz Valiño explica que “para cando Feijóo chegou á Xunta, o goberno de Touriño deixara redactado e en marcha o Plan de Ordenación do Litoral, a Axencia Galega de Protección da Legalidade Urbanística, así como tamén quedou funcionando a protección dos 500metros de costa; todos eles instrumentos e directrices de ordenación, -di-, medidas que pretenden, en todo caso, protexer e conservar o litoral galego e, máis importante, evitar a destrución e a devastación das que son exemplo Levante e Murcia, gobernadas polo Partido Popular”.

O secretario de Política Municipal da Executiva provincial do PSdeG-PSOE de Lugo asegura que son totalmente compatibles a protección do litoral, máis a súa ordenación, coas actividade económicas que nel se realizan. “O POL establece onde colocar vivendas, industrias e clasifica os diferentes usos do solo. Nembargante o PP decide que este Plan non vai a pasar a debate no Parlamento. Á súa vez, Feijóo decidiu, tamén, que os concellos terían tan só 2 meses para presentar alegacións a este Plan. Os populares fan todo así: ás presas, -critica-. Redactan planes con urxencia e neste caso evitan que se poida ver enriquecido e mellorado polas aportacións parlamentarias. O socialista explica que o Grupo Parlamentario do PSdeG-PSOE conseguiu prolongar as alegacións ata a primeira semana de abril, a través dunha iniciativa e co apoio da FEGAMP, xa que “creemos que dada a complexidade do POL os municipios necesitan máis tempo pa estudalo”.

Juan José Díaz Valiño detalla, por outra banda, que o 17 de maio remata o prazo de moratoria da protección dos 500metros de litoral e que “o actual goberno galego non ten solucións para o problema que se lle vai vir encima”, de aí que o secretario de Política Municipal cuestione se “será que esta urxencia, por aprobar o POL, sen ser debatido no Parlamento, obedece a que o goberno da Xunta pretende levantar o veto de construcións no litoral?. Feijóo está tomando decisións á lixeira, -advirte-; decisións que levantarán moitos problemas urbanísticos nas costas galegas, e na provincia de Lugo na Mariña”, incide.


Valiño lembra ademais que o PP da ao Plan de Ordenación do Litoral o rango de plan sectorial, namentres que os socialistas suxiren que se lle de un rango normativo superior, “xa que é un instrumento de ordenación dos usos do solo”. Así mesmo piden que estableza prohibicións. “Este Plan, que non pasará polo Parlamento, creará inseguridades xurídicas en todos os concellos da Costa galega, senón establece o que non se pode facer tamén”.


Dentro do Plan de Ordenación do Litoral hai 7 áreas definidas, a Mariña pertence á zona Norte xunto con parte de Ortegal.

martes, 9 de marzo de 2010

CORREDOR BARREIROS-FERROL

O alcalde de Burela, Alfredo Llano, considera fundamental para o desenvolvemento económico da comarca a posta en marcha do corredor que unirá Barreiros con Ferrol. Ademáis rexeita as críticas verquidas desde o PP nas que o acusan de falla de interés hacia esta infraestructura.

O rexedor lembra que “o outro día tivemos unha xuntanza da Mancomunidade de Municipios de A Mariña aquí no noso Concello, houbo unha participación maioritaria de alcaldes e como xa contei entón decidimos enviar sendas peticións, unha ao goberno central e outra á Xunta instando ás dúas administracións a que nos marquen rápidamente do xeito máis preciso cando se procederá á construcción deste vial que unirá Barreiros con Ferrol”.

Llano asegurou que “interés hai moito tanto desde o Concello de Burela como desde a Mancomunidade para que esta infraestructura sexa unha realidade, tanto no tramo que vai desde Barreiros a San Cibrao, como no que irá desde San Cibrao a Ferrol. Esta corredor é fundamental para o desenvolvemento social e económico da nosa comarca”.
O alcalde de Burela reitera que “o ministro de Fomento está informado puntualmente de todo esto, xa lle comentei a nosa preocupación pola liña que poida seguir este corredor polo noso concello, presentamos as nosas alegacións que foron consesuadas coas asociacións de veciños e con outros colectivos e estánse a ter en conta para ver como se determina todo esto”. Alfredo Llano dixo que “falei hai pouco con Angel del Río na Demarcación de Estradas do Estado en Galicia para enterarme un pouco de cómo vai o proxecto entre Barreiros e San Cibrao, están estudiando as alegacións plantexadas na zona de San Martiño, as nosas entrarán en breve para seren informadas por Medio Ambiente e en canto se teña esa información é posible que nos reunamos na Coruña con técnicos de Fomento ou que nos vexamos con José Blanco, si hai ocasión nalgunha visita que faga a esta zona. Xa demostrou en moitas ocasións que sempre que se lle plantexou algo así ou que hai interés non ten problema en acudir ou reunirse con quen sexa para escoitarnos”.

O rexedor suliñou que “as alegacións están presentadas, en Fomento son coñecedores delas e reunirémonos en canto sexa necesario. Insisto en que hai moito interés non só no corredor desde Barreiros a San Cibrao, senón tamén no outro tramo no que discorrerá entre San Cibrao e Ferrol. Queremos que se pechen o antes posible os compromisos, que nos dean unhas datas concretas para a súa execución, como así o temos manifestado desde o Concello de Burela, desde a Mancomunidade de Municipios de A Mariña ou incluso desde a CEL, desde onde propuxemos como data de remate o 2015”.

ENCONTRO DO ALCALDE CO PRESIDENTE DA XUNTA


O alcalde de Burela, Alfredo Llano, convidou ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo, a visitar Burela. Fíxoo no encontro que ambos mantiveron onte en Santiago. O rexedor expúxolle dúas datas, “o domingo das festas patronais en xuño para que participe na procesión marítima ou en agosto na feira do bonito”.Alfredo Llano saíu satisfeito da xuntanza de onte e explicou que “lle deixei alí as miñas peticións por escrito…falamos de moitas cousas: do aumento do porto de Burela do plan director que xa está en marcha, do porto deportivo, dunha actuación moi importante para a vila que é o abastecemento de auga, do PXOM, do POL e das alegacións que estamos pensando en presentar”.

O rexedor sinalou que “tamén falamos do hospital… e ratificoume a xerencia única e dixo que se van facer xa obras este ano na cuberta e nalgún punto máis. Tamén me referín á crise e á posibilidade de que ampliasen os plan de cooperación para que os Concellos conten con máis prazas e así poder ofertar máis postos de traballo, tamén da formación e da importancia que teñen os obradoiros, algo que é moi demandado desde a poboación”.
As infraestruturas estiveron presentes na xuntanza de onte en Compostela. Llano contou que “lle pedin que as apuren ao máximo tal e como lle temos plantexado xa ao goberno central. Referinme aos polígonos industriais e ás incidencias que podería ter neles o famoso corredor. E faleille das chuvias que houbo a finais de xaneiro para que se axilicen as axudas de cara a corrixir canto antes os danos causados por ese temporal”.

CHARLAS DE EDUCACION AMBIENTAL


A Aula de Educación Medioambiental Gaia está a desenvolver unha serie de charlas no IES Perdouro de Burela, segundo informa a concelleira Lucía Bouza.

A edil socialista explica que “se trata dunha serie de charlas de educación ambiental cos estudantes de 3º de ESO no IES Perdouro, de Burela. Esta actividade realizarase tamén no IES Monte Castelo”. As primeiras conferencias celebráronse a pasada semana e seguen hoxe 8 de marzo e os días 11 e 15 tamén do presente mes de marzo e 8, 12, 15, 19 e 22 de abril.

A concelleira de Medio Ambiente sinala que “o ciclo abarca un total de cinco charlas sobre varios temas: xestión sostible da auga, xestión eficiente dos residuos, cambio climático, mobilidade sostible e consumo enerxético. Este tipo de actividade é moi útil, segundo nós consideramos, posto que colaboramos cos centros de estudo na educación en valores medioambientais. Ademais, a información que reciben os estudantes, en moitos casos é trasladada despois aos seus fogares, polo que, indirectamente estamos a educar tamén a persoas adultas no respecto e coidado do medio ambiente”.
Lucía Bouza agradece “aos centros de ensino secundario a boa acollida que sempre nos mostran e a súa boa dispoñibilidade cara este tipo de actividades”. O IES Monte Castelo podería acoller este ciclo de charlas no vindeiro mes de maio, aínda que as datas están por concretar.

miércoles, 3 de marzo de 2010

SEGUNDAS XORNADAS GASTRONÓMICAS DO OURIZO


Dezaséis bares e restaurantes participarán do 19 ao 21 de marzo na segunda xornada gastronómica do ourizo que organiza a Delegación de Mar.

Segundo explica a edil socialista, Remedios López Villar, “quixemos facer coincidir esta cita coa ponte de San Xosé. Os que se acheguen a Burela poderán probar este sabroso equinodermo preparado de diferentes formas: en paté, en croquetas, con fabas, en revolto e arroz, en pementos de piquillo e incluso en filloas”.
Os establecementos participantes son: A Bodeguilla, Palacio de Cristal, Os Remos, Sargo, Mesón Don Jamón, Mesón Carlos, O Poeta, A Facenda, Orxal, Botafumeiro, Trisquel, Mesón Hamilton, Cervexería Kiko, Parrillada A Marquesa, Parrillada de Jandro e Casa Miranda.
A concelleira de Mar asegura que “estamos a traballar favorecendo o comercio e dando a coñecer os nosos productos, todo de xeito gratuito para os interesados nestas xornadas. Repetíndoas ano tras ano tentamos consolidalas e incrementar o número de participantes”. Remedios López salienta “a boa disposición dos hostaleiros con estas xornadas, de feito neste caso contamos con tres máis que o ano pasado. A idea é que todos se impliquen e participen nestas citas gastronómicas coa idea de mellorar e potenciar o evento”.

NOTA DA CONCELLEIRA DE MAR


A concelleira de Mar rexeita as críticas verquidas desde o PP nas que acusaban ao seu departamento de despilfarro. Remedios López asegura que o PP minte, falsea e extorsiona a información coa intención de desprestixiar aos concelleiros do goberno municipal.

A edil socialista sinala que “como non teñen razóns obxectivas para criticar os orzamentos municipais do 2010, arremeten contra o gasto feito no 2009, ano que aínda ten pendente a aprobación da Conta Xeral no pleno de xuño do 2010. Con todo iso, a día de hoxe podo asegurar que a Concellaría do Mar comezou o exercizo de 2009 cun presuposto inicial de 66.408,68,€, e que a metade de ano sufriu unha modificación de crédito de importe de 10.852,19€, grazas a unha subvención conseguida para a contratación dun peón guía para o barco museo. Así quedaba un presuposto executable de 77.260,87€. A finais do 2009 as obrigas recoñecidas (gastos feitos) ascenderon a 68.517,02€, co que cunha simple resta (non creemos que sexa moi difícil para un mestre) veremos que queda dispoñible ou pendente de gastar un total de 8.753,85€”.
López Villar aludiu tamén aos gastos diversos e dixo que “a principios de ano había unha consignación inicial de 15.000€. Ao longo da execución presupostaria produciuse unha redistribución do presuposto con crédito sobrante da partida de persoal quedando unha consignación definitiva de 26.700,00€. Durante todo o ano traballei organizando actividades que axudasen a desenvolver o comercio en Burela, a promocionar os produtos que se comercializan no noso peirao ou formar á poboación para conseguir un posto de traballo en época estival”.
A concelleira de Mar lembrou que “se realizaron cursos de socorrismo, o título de manexo de embarcacións deportivas e surf, xornadas gastronómicas da pescada, polbo, ourizo e peixe espada. Estanse a realizar uns recetarios Os sabores do noso mar en colaboración cos hostaleiros para promocionar Burela en toda España distribuíndoos nas máis importantes feiras turísticas. Séguese colaborando na feira do bonito, levouse adiante Expomar, o encontro empresarial e as xornadas técnicas, trouxéronse varias exposicións do mundo do mar e fíxose unha campaña no nadal para que se consumira o peixe descargado no noso porto incluindo spots na televisión”.
Remedios López considera que “unha vez mais o portavoz do GMPP minte, falsea e extorsiona a información, e dende o equipo de goberno non podemos mais que rexeitar e reprobar a irresponsable actitude que ten, e que está levando ao grupo do GMPP a unha falla de credibilidade total do pobo hacia eles pola demagoxia e contradición na que incorren, debido á súa baixeza partidista, anticuada e obsoleta. Eu podo dicir que teño as mans limpas e a conciencia ben tranquila. O portavoz do GMPP ¿pode dicir o mesmo?. É moi fácil levantarse polas mañás e como non ten nada que facer, dedicarse a elaborar notas de prensa para desprestixiar aos concelleiros do goberno municipal coa cara máis rastreira e sucia da política. A estas alturas xa todos sabemos quen traballa polo futuro do noso pobo, e quen aínda non asimilou que pasou ao grupo da oposición como fracasado e perdedor e debería sentirse mísero e ridículo. E sobre todo, e máis importante, recordarlle que Burela segue a medrar mellor e máis que con vostedes”.