jueves, 31 de marzo de 2011

PROGRAMA "INNOVA-TE"


Os veciños de 12 municipios de Lugo teñen a posibilidade de realizar trámites administrativos a través de Internet co programa Innova-TE, impulsado pola Deputación e cofinanciado pola Unión Europea para implantar a Administración Electrónica na provincia. Os procedementos que están de momento dispoñibles son 57 -dos 79 que serán posibles ó finalizar o proxecto no mes de xullo-, entre eles, solicitudes de alta no subministro de auga potable e rede de sumidoiros, dun posto no mercado, certificado de empadroamento, subvencións para asociacións e colectivos, licenza de vao e de ocupación de vía pública, inscrición en bolsas de traballo, en escolas deportivas, talleres e cursos, garderías ou reserva de voda civil.

Os Concellos que xa arrancaron este novo servizo á cidadanía son: Burela, Foz, Mondoñedo, Portomarín, Sarria, Palas de Rei, Chantada, Taboada, a Pobra do Brollón, Sober, Carballedo e Guitiriz. Nos próximos días farao A Pastoriza.

O programa Innova-TE é totalmente gratuíto para os 50 concellos adheridos, e a través del tamén reciben equipamento tecnolóxico para consolidar o despregue da e-Administración. A distribución comezou a semana pasada en Portomarín e Viveiro e a día de hoxe son 19 os concellos que teñen xa o material. O reparto continúa este xoves en Cervo e Burela, concellos nos que fixo entrega do material a Vicepresidenta Segunda da Deputación, Lara Mández, e no Incio, Samos e A Fonsagrada. Quedará completado o próximo día 11 de abril.

Coa financiación dun 70% aportada pola UE, a Deputación mercou exactamente aqueles equipos que, segundo unha auditoría previa, eran estritamente necesarios nos Concellos para garantir a implantación total e eficaz da tramitación on line. O material é o seguinte: 136 ordenadores, 102 portátiles, 42 impresoras, 33 servidores e 50 pantallas multimedia de información. A súa compra, distribución e instalación ten un presuposto de 1,4 millóns de euros.

Portais renovados

As entidades locais sumadas ó Innova-TE tamén poden renovar a súa páxina web, con máis accesibilidade e mellor navegación. Nun primeiro momento solicitaron esta opción 32 concellos, pero, tras arrancar os 7 primeiros e ver os bos resultados, outros 6 (Carballedo, O Incio, Pol, Foz, Muras e Triacastela) decidiron beneficiarse desta posibilidade. Deste xeito, a día de hoxe, son 38 os que queren renovar o portal. Deles, 12 xa teñen os traballos concluídos e unha páxina web municipal modernizada.

A diferenza doutros proxectos de Administración Electrónica emprendidos por entidades como a Mancomunidade de Municipios da Mariña ou o Concello de Xove, o programa Innova-TE ofrece ós 50 concellos adheridos, sen que teñan que facer ningún tipo de achega económica, a implantación de 79 trámites on line, pero tamén inclúe un plan de formación dos traballadores municipais, de xeito personalizado e in situ, para adaptarse á e-Administración, e a posta en marcha dunha Intranet corporativa, con diversas ferramentas, así como a dotación de equipamento tecnolóxico e de Internet de banda longa ós consistorios e telecentros co fin de garantir o despregue eficaz e de calidade do servizo.

II CERTAME DE RELATO CURTO DO MAR


O alcalde de Burela, Alfredo Llano, e a concelleira do Mar, Remedios López, facían entregas esta mañá aos alumnos dos colexios da vila dos traballos gañadores do II Certame de Relato Curto do Mar. Os rapaces puideron ver impresos os seus traballos da última edición.

Ademais Alfredo Llano entregóulles as bases para o III Certame de Relato Curto do Mar, no que poderán participar nenos/as de Burela que estudian primaria e secundaria. Segundo explicaron LLano e López Villar “trátase de relatar mediante un escrito vivencias ou historias relacionadas co mundo do Mar, o tema para esta terceira edición será As vacacións, coa idea de que se abra un abano de suxerencias que o Concello estudará para publicitar no verán”.

Remedios López subliñou que “haberá tres premios, un para o 3º ciclo de Educación Primaria e dous para a ESO, este ano o agasallo para os gañadores serán traxes de neopreno para facer deportes acuáticos. Todos os participantes terán un agasallo, só por participar. E entre todos os inscritos e participantes no acto de entrega sortearase unha Playstation3”.

A concelleira do Mar dixo que “o ano pasado este certame tivo moito éxito xa que se implicaron todos os colexios de Burela, os cales mandarán un representante para o xurado. Espérase igualar a participación ou incluso superala xa que todos os bureleses son coñecedores de historias mariñeiras”.

O prazo para entregar os traballos na biblioteca municipal estará aberto desde o 1 ata 16 abril. A entrega de premios farase no salón de plenos do Concello o 20 de Abril ás 12 horas. Alcalde e concelleira do Mar convidaron a todos os alumnos entre 10 e 16 anos a participar nesta nova edición.

viernes, 25 de marzo de 2011

OBRAS NO PERDOURO E NO CAMPON

A vindeira semana rematarán as obras de construcción do novo vial que unirá a rúa dos institutos co parque do Campón, segundo ven de anunciar o alcalde de Burela, Alfredo Llano.

O rexedor dixo que “para a vindeira semana será unha realidade o novo vial que unirá a rúa dos institutos co parque do Campón. É algo demandado polos veciños e do que se trata é de facer unha mellora substancial para favorecer o tránsito do peóns, aínda que tamén haberá paso para os garaxes e para o aparcadoiro dos coches dos profesores ou dos alumnos do instituto”.

Llano asegurou que “a obra estará rematada para a vindeira semana, martes ou mércores. É unha obra rápida, quedará moi ben e penso que vai contentar aos veciños daquela zona. Complementaráse coa mellora das canalizacións de pluviais daquelas casas adxacentes a esa rúa e colocaráse algún punto de luz para que todo no seu conxunto quede integrado nesa área e darlle servizo a todos os veciños, tal e como viñan demandando desde hai tempo

Quedou aberta ao tráfico a antiga estrada N-642 á altura da ponte do Perdouro. O alcalde, Alfredo Llano, subliñou que “a maior parte dos traballos xa remataron e os semáforos que regulaban alí a circulación xa foron retirados, polo que xa se pode transitar con normalidad”. Só queda pendente o asfaltado da zona, que se realizarán nos vindeiros días.

O rexedor manifestou que “as obras fixéronse moi rápido, xa que comezaron hai máis ou menos un mes e o que tentamos foi molestar o menos posible”. Os traballos de arranxo da ponte do Perdouro foron realizados pola Deputación Provincial de Lugo e supuxeron un investimento de 74.000 euros.

O CAMIÑO DA FOLGUEIROSA

O concelleiro de Obras e Servizos, Pascual Doménech critica o retraso co que se iniciou a construcción da escolleira de contención no camiño da Folgueirosa, uns traballos polos que en Burela levan agardando preto dun ano. O edil socialista lembra que a Xunta cualificou a obra de emerxencia no seu momento, cando se produciron as intensas choivas e riadas de xuño do ano pasado.

Pascual Doménech sinala que “por fin deron comenzo as obras da construcción da escolleira de contención no camiño da Folgueirosa. O retraso foi repetidamente denunciado polo Concello nos últimos meses, xa que este continuo aprazamento supuxo un perxuizo e un trato discriminatorio para Burela. A lentitude con que a Administración Autonómica acomete esta construción obrigou a manter a estrada pechada durante nove meses, debido a que non se atopaba nas debidas condicións de soportar o tráfico rodado”. O edil socialista engade que “o retraso veu motivado polos recortes presupostarios que se produciron na Consellería de Medio Rural, e acometer a obra por medio da SPI, co cal teñen máis fácil establecer prioridades solo nos concellos nos que goberna o PP, sen importarlle para nada os cidadáns gobernados por outra opción política que non é a súa”.

O concelleiro de Obras lembra que “esta obra, cualificada polo goberno galego como obra de emerxencia, motivo polo que supoñemos só tardan case un ano en acometela, foi asumida pola Xunta, xunto con outras actuacións en seis camiños de Burela, debido ás intensas choivas e riadas acaecidas no mes de xuño de 2010. Este compromiso de reparación existe dende o mes de agosto do ano pasado, leva un gran retraso na súa execución, que motivou as críticas de moitos concellos pola súa lentitude en asumir as responsabilidades que lle competen á Xunta, xestión, por certo, tan desastrosa e exenta de axilidade, que tivo que ser a Deputación de Lugo quen asumira os custes da reparación da ponte do Perdouro

SORTEO DAS XORNADAS DO OURIZO


Xavier Anidos de Ferrol, que pasou a ponte de San Xosé en Burela desfrutando das terceiras xornadas gastronómicas do ourizo, organizadas pola Concellaría do Mar, gañou unha fin de semana nun spa para dúas persoas. O afortunado degustou o ourizo na Parrillada de Jandro.

CELEBRACION DO DIA DA ARBORE


A Delegación de Medio Ambiente celebrou o dia da árbore. Segundo explican desde este departamento do Concello “éste e o segundo ano consecutivo que se organiza un xogo de pistas denominado ¿Qúe árbore é?. As monitoras do Centro de educación Medioambiental Gaia presentaron o xogo nos dous centros de ensino de Burela, clase por clase, explicando aos alumnos as bases para concursar. Neste xogo de pistas participaron os alumnos de 2º ata 6º. As monitoras colocaron uns taboleiros á entrada de cada centro onde cada día durante 6 xornadas colocaron unha pista con algunha característica da árbore para que os rapaces e rapazas adivinasen de que árbore se trataba. Cada clase emitiu un só voto, que se meteu nunha urna. (no Ceip Virxe do Carme era unha camelia e no Ceip Vista Alegre era un abeto).

No Ceip Virxe do Carme empataron dúas clases e no Ceip Vista Alegre gañou 6º. Esta mañá acompañados da edil de Medio Ambiente, Lucia Bouza, do alcalde, Alfredo Llano, e das monitoras do Centro de Educacion Medioambiental Gaia prantaron unha árbore, un loureiro no Ceip Virxe do Carme e un almendro no Ceip Vist Alegre. Os actos tiveron lugar nos seus propios centros hoxe as 11:30 e 12:00 horas respectivamente. As monitoras de Gaia, a través desta actividade, sensibilizan aos alumnos “da importancia e conservación dos nosos bosques, non só unha vez o ano, senón todos e cada un dos días deberíamos respectala natureza que nos rodea”.

Día da auga

O día 22 de marzo, as monitoras celebraron o Dia Mundial da Auga. Os alumnos de 5º e 6º dos dous centros de ensino de Burela viron un video para conciencialos sobre a necesidade de aforrar auga. Gaia repartirá entre o alumnado perlizadores e reductores de caudal para as cisternas do baño e explicarálles medidas de aforro de agua.

REMATAN AS OBRAS NO ACCESO AO CANTIÑO

O alcalde de Burela, Alfredo Llano, confirmou que xa remataron as obras de arranxo do paseo do Cantiño, que resultou danado polos temporais do ano pasado. O rexedor quere que os paseos e as praias estean listos para uso e disfrute de veciños e visitantes na vindeira semana santa.

Llano dixo que “é unha constante preocupación no Concello de Burela ter todo preparado para a vindeira semana santa, queremos ter todo listo por si ven bó tempo para favorecer que a xente se achegue aos nosos areais e poida disfrutar deles. Desde o Concello traballamos conxuntamente con Costas para rematar o antes posible todo o que quedou afectado polas riadas do ano pasado, e incluso por esa oleaxe impresionante que houbo en novembro e que levou por diante bastantes tramos do paseo marítimo desde Burela ata A Marosa e tamén na zona do Cantiño”.

Sobre O Cantiño, o alcalde de Burela explicou que “na baixada de acceso á praia producíuse un derrube total do muro, que facilitaba a chegada das persoas a ese areal. Agora xa está completamente arranxado, construíuse un novo muro con barandillas para permitir que a xente que baixe a esa praia o faga con total seguridade”.

Alfredo Llano engadiu que “no resto do paseo entre Burela e A Marosa hai algunhas pedras que desapareceron, pero xa foron encargadas e vánse colocar o antes posible para devolver este paseo ao seu estado inicial. Na Marosa están culminando as obras de acceso, para que en semana santa poida estar tamén lista esa praia”.

miércoles, 16 de marzo de 2011

CONVENIO COA ASOCIACIÓN DIGNIDAD DE LUGO


O alcalde de Burela, Alfredo Llano, e o responsable da asociación Dignidad de Lugo, Fernando Pérez Lozano, asinaron esta mañá un convenio para establecer un marco de colaboración e actuación co fin de favorecer, entre outras cousas, a integración de persoas con problemas de drogadicción. Llano explicou que “este colectivo traballa con persoas que sofren pobreza, marxinación, enfermidades ou discapacidades e con aqueles que teñen problemas coas drogas. O obxectivo do convenio é establecer un marco de colaboración entre o Concello e Dignidad para o desenvolvemento de actuacións que fomenten a integración dos menores, adolescentes con risco de conflicto social e que favorezcan a promoción da saúde e de hábitos saudables”.

O rexedor sinalou que “na Unidade de Drogodependencias estamos a ver que está a aumentar o consumo de drogas, sobre todo en menores a partires de 17 anos. É unha problemática que preocupa non só ao Concello e á UAD senón que hai máis asociacións que tamén están con nós nesto. Todo o que sexa reforzarse e axudarse mutuamente será importante e terá repercusións positivas na nosa sociedade”. Llano engadiu que “este convenio está asinado con xente que está moi metida nesta problemática e en todo o que se deriva dela, queremos traballar con rapaces e con programas en materia de prevención” e anunciou que “queremos que Dignidad forme parte dunha comisión que se creará en Burela con todos os alcaldes da Mariña para abordar esta cuestión que tanto preocupa á sociedade. Queremos que nos asesoren e así entre todos buscar solucións que merezcan a pena e poder atallar o aumento detectado no consumo de drogas”.

INVESTIMENTO DE 180.000 € NA PRAIA DE A MAROSA

O alcalde, Alfredo Llano, agarda que as obras de arranxo do espigón da Marosa estean listas no mes de maio. Os traballos que comezaron esta semana suporán un investimento de 180.000 euros.

O rexedor dixo que “é o momento de pensar en ir arranxando ben as praias para telas en debidas condicións de cara á semana santa. Estamos preocupados polo areal da Marosa, hai que lembrar que o espigón resultou danado polos últimos temporais que sofrimos ao longo do ano pasado. Ese espigón perdeu moítimas pedras das que formaban esa parede e hai que voltar a colocalas”. Llano confirmou que “o luns comezaron as obras de arranxo do espigón e si o tempo acompaña en mes e medio ou dous meses estarán listas, eso quere decir que para o verán a praia estará en perfecto estado”.

Alfredo Llano subliña que “a obra do espigón é moi necesaria porque protexe o areal e garantiza que non cheguen olas que poidan danar aos bañistas. Tamén servirá para evitar que se poida perder unha cantidade considerable de area. Suporá unha mellora da praia no seu conxunto. As obras teñen un presuposto de 180.000 euros e vai levantarse dous metros máis da altura que tiña a día de hoxe. O proxecto levao Costas directamente e calculamos que estea lista a execución en dous meses, como tamén estarán listos para a época estival os accesos á praia, adaptados para todo tipo de persoas e de necesidades, incluso para que poida utilizalo algún vehículo que teña que baixar a facer traballos na area

XORNADAS DE OURIZO DE MAR


O alcalde de Burela, Alfredo Llano, e a concelleira do Mar, Remedios López, presentaban hoxe as terceiras xornadas do ourizo de mar, que se celebrarán a vindeira fin de semana os días 18,19 e 20 de marzo. Nesta ocasión participan 20 hostaleiros que ofrecerán ourizo cocido ou crú a 4 euros e ademais cada restaurante ofrecerá as súas especialidades. Así será posible degustar:

MESÓN DO POETA, revolto de ourizo con gambas

RESTAURANTE PALACIO DE CRISTAL, pementos de piquillo recheos de caviar de ourizo e marisco

MESÓN CARLOS, tortilla de ourizo

MESÓN HAMILTON, tarteleta de ourizo

RESTAURANTE OS REMOS, ourizos a vinagreta e revolto de ourizo

PARRILLADA A MARQUESA, espárragos recheos de caviar de ourizo

RESTAURANTE O SARGO, paté de ourizo e pementos recheos de ourizo

BAR TRISQUEL, revolto de ourizo

CERVECERÍA A BODEGUILLA, ourizo cocido

BAR PENA ORXAL, delicias de orizo con algas nori

PARRILLADA DE JANDRO, tosta de ovo de codorniz con caviar de ourizo de mar

A FAZENDA, torrada de ourizo

CERVECERÍA KIKO , ourizo cocido

CASA MIRANDA – PORTO DE BURELA, ourizo con vieira

HOTEL NORDÉS, ourizos gratinados

RESTAURANTE O PORTELO, pescada á cazola en salsa de ourizo

BAR DA COSTA, salsa de ourizo con ovos escalfados

CHURRASQUERÍA ABRENTE, fabas con ourizos

MESÓN DA PEDRA, pastel de ourizo

LA SARTÉN DE CARMEN, espárragos recheos de ourizo

Remedios López lembra que “as primeiras 1000 tapas que se vendan entran no sorteo dunha fin de semana para dúas persoas no spa Termas de Vilalba, neste premio entra aloxamento para dúas persoas, almorzo tipo buffet e acceso ilimitado ao club termal do spa nos tres días. Tamén unha sesión de tratamento relax que inclúe envolvemento corporal hidratante ou aplicación de parafangos e masaxe relax ao aceite esencial. O gañador deste sorteo saberase o martes da semana entrante nun acto aberto e custodiado polo secretario do concello de Burela”.

A edil socialista manifestou que “ourizo é un produto de temporada, considerado como o caviar e que o Concello de Burela quere promocionalo e dalo a coñecer xa que é un dos produtos que se comercializan no noso peirao. Éste é un bó momento para acercarse a Burela a degustalo e probalo nas distintas formas que elabora a nosa hostalería”.

NOVO MEDICO NA UAD

Un médico traballará desde esta semana na Unidade Asistencial de Drogodependencias de Burela, segundo ven de anunciar o alcalde, Alfredo Llano. A praza levaba vacante un tempo.

O rexedor dixo que “puidemos seleccionar un médico para a Unidade Asistencial de Drogodependencias, un posto que era moi necesario porque estivemos un tempo sen facultativo xa que a titular da praza marchou a Asturias”. Alfredo Llano manifestou que “debido ao traballo e á importancia da labor que desenvolve facíasenos moi necesario contar cun médico. Non foi nada doado conseguir que acudiran médicos á selección para ocupar esta praza. Agora xa temos un que formará parte da plantilla a partires de mañá ou de pasado mañá”.

O alcalde de Burela engadiu que “o facultativo terá que atender ben, como debe ser, aos pacentes que acuden todos os días a esta unidade e despois axudaranos a analizar na xuntanza que imos manter dentro duns días cos alcaldes da Mariña e cos responsables da UAD a evolución do consumo de drogas na comarca. Hai preocupación pola idade temprana á que a xente nova comeza a meterse neste mundo dos estupefacentes, polo que entre todos temos que tentar buscar solucións para evitar que esto vaia a máis”. Llano considera que o encontro cos alcaldes podería ter lugar na última semana de marzo ou na primeira de abril.

DIA DA ARBORE

A Delegación de Medio Ambiente organiza varias actividades para conmemorar o día da árbore, que se celebra o vindeiro 21 de marzo.

Segundo explican desde este departamento do Concello “éste e o segundo ano consecutivo que se organiza un xogo de pistas denominado ¿Qúe árbore é?. As monitoras do Centro de educación Medioambiental Gaia presentaron o xogo nos dous centros de ensino de Burela, clase por clase, explicando aos alumnos as bases para concursar. Neste xogo de pistas participan os alumnos de 2º ata 6º. As monitoras colocaron uns taboleiros á entrada de cada centro donde cada día durante 6 xornadas colocan unha pista con algunha característica da árbore para que os rapaces e rapazas adiviñen de que árbore se trata. Cada clase emitirá un solo voto que se meterá nunha urna”.

Desde a Delegación de Medio Ambiente de Burela engaden que “os alumnos que resulten gañadores de cada colexio acompañados da edil de Medio Ambiente, Lucia Bouza, e das monitoras do Centro de Educacion Medioambiental Gaia plantarán unha árbore o 21 de marzo (luns) no seu propio centro. Será elexida polo profesorado e entregada pola Delegación de Medio Ambiente”.

As monitoras de Gaia, a través desta actividade, sensibilizan aos alumnos “da importancia e conservación dos nosos bosques, non só unha vez o ano, senón todos e cada un dos días deberíamos respectala natureza que nos rodea”, din.

RESPOSTA AO ALCALDE DE CERVO

O alcalde de Burela tilda de disculpas infantiles as dadas polo rexedor de Cervo para explicar que Alfredo Llano non intervise no acto de inauguración da depuradora da Senra, que tivo lugar o pasado venres e que contou coa presencia do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo. Llano fala de falla de respecto institucional.

O alcalde de Burela sinala que “a miña intervención nese acto sería unha oportunidade de quedar todos ben, dado que esto non é un servizo supramunicipal coma unha Capitanía Marítima ou un hospital, esto é un servizo compartido. O Concello de Burela está no consorcio ao 50% ao igual que Cervo, a representación, a xestión e a explotación depende do consorcio e eu estou a representar a Burela neste ente e considero que debería ter a oportunidade de falar”. O rexedor burelés manifesta que “sería bó porque o acto quedaría máis completo e sería valorado positivamente por todos, dado que había veciños dos dous concellos. Agora andan sacando disculpas infantiles que nin van nin veñen, todo eso non serve para nada”. Alfredo Llano pensa que “foi unha oportunidade de amosar educación e respecto institucional, pero non se fixo así”.

Ourizo

Sobre a polémica desencadeada coa celebración das xornadas gastronómicas do ourizo previstas para a vindeira fin de semana en Burela, o alcalde di que “nós sempre somos respectuosos coa festa do ourizo de Cervo, a importancia que ten a de Cervo non lla vai sacar a de Burela nin moito menos”. Alfredo Llano explica que “en Burela viñémola facendo nas mesmas datas, coincidindo co 18 e 19 de marzo, os únicos que variaron as fechas este ano foron eles, non é que nós non os queiramos respectar, xa nos coñecen e nós non imos facer nada para perxudicar a ningún concello e menos á festa do ourizo de Cervo. O único que ocorre é que si agardamos moito máis despois da súa data non teremos ourizos para facer a promoción deste produto en Burela”. O rexedor insiste en que “os que cambiaron a data de celebración foron os de Cervo e hai que ter en conta que o produto ten unha caducidade e en abril xa non estaríamos en condicións de facer estas xornadas”.

Auga

Alfredo Llano aludiu ao abastecemento de auga a Cervo e a Burela e subliñou que “é unha obra moi boa, que nos beneficiará aos dous concellos. No noso caso era necesario substituir a vella traída por esta nova, algo que garantizará que contemos cun abastecemento durante moito tempo sen avarías. Esta estación de tratamento axudará a eliminar unha serie de residuos que antes era moi difícil, agora será moi complicado que a auga saia achocolatada. Gañaremos tamén en calidade e eso significa que as poboacións de Cervo e Burela poden seguir medrando porque o abastecemento chegará a todas as casas sen problema”.

O rexedor de Burela abogou unha vez máis por “proceder á limpeza do encoro de Rúa, porque hai 22.000 metros cúbicos de lodos, que están a ocupar o sitio da auga pura e cristalina. Agora tiraremos dous concellos do mesmo abastecemento, aínda que temos bombas en Ríocobo habería que bombear o mesmo posible porque eso encarecería moito o servizo”. Llano comentou que “no consorcio estamos a traballar para axilizar que a xestión se poña en funcionamento o antes posible, calculamos que será dentro duns catro meses e medio e namentras encargaráse de todo Augas de Galicia. O que faremos tamén neste tempo será facer unha boa labor buscando e contratando unha empresa explotadora do servizo”.

jueves, 10 de marzo de 2011

VISITA DO PRESIDENTE DA DEPUTACION


O alcalde de Burela, Alfredo Llano, acompaña ao presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, na visita que éste cursa hoxe a Burela.

O rexedor supervisa xunto ao presidente da Deputación varias zonas da vila, sobre todo aquelas nas que se realizarán obras con cargo ao millón de euros que a institución provincial investirá en Burela ao longo dos vindeiros meses. Antes de iniciarse a visita Alfredo Llano explicaba que “básicamente voulle explicar onde se vai gastar ese millón de euros que se investirá en 18 proxectos aquí na nosa vila”. O alcalde de Burela contou que “ademáis hoxe concretamente imos comezar visitando as obras de ponte do Perdouro, que xa se iniciaron o mes pasado e que van bastante avanzadas. Agardamos que se cumpran as expectativas e que estea lista a finais do vindeiro mes de abril, eu considero que incluso se podería rematar antes. Despois desprazarémonos á rúa Arcadio Pardiñas, alí remataremos o alumeado xa iniciado hai meses para lograr un aforro enerxético considerable e tamén faremos unha serie de melloras nos seus xardíns para que esta rúa estea acorde coa categoría do noso concello e que chame a atención nos aspectos estético e funcional”.

Llano engadiu que “despois pasaremos pola igrexa de Burela, porque o noso propósito é adecentar o seu patio, darlle un contido propio. Queremos ver cómo podemos mellorar todo o entorno da igrexa, porque consideramos que ao ser un dos poucos monumentos que temos aquí en Burela temos que adecéntalo e a ver si pouco a pouco podemos ir mellorando tamén o exterior da igrexa. E logo remataremos na zona da Casilla-A Marosa para efectuar alí dúas obras, a canalización e construcción dunha estación de bombeo de residuais e a mellora de beirarrúas e alumeado, sobre todo de cara o verán, porque é unha zona moi frecuentada”.

ADECENTAMENTO DE ZONAS VERDES E PRESENTACION DE LIBRO

O Concello adecentará os camiños da vila e axardinará as zonas que o precisen. Será co traballo que realizarán os xardineiros municipais e os contratados a través do programa Lugo Emprega .
O alcalde, Alfredo Llano, dixo que “unha das consecuencias que terá Burela debido á incorporación de 22 traballadores para o noso concello é que vai mellorar substancialmente en moitos aspectos. Hai que ter en conta que unha das partes que nós contratamos son catro xardineiras, que unidas ás que xa hai, van desenvolver un traballo que se vai notar. De feito, xa está notando cómo están a mellorar as zonas axardinadas, as zonas que hai que segar”.
O rexedor anunciou que “dentro duns días imos facerlles frente a todos os camiños e a todas os lugares onde se precise a presencia destes traballadores para adecentar, colocar e axardinar, de tal xeito que a presentación cara os veciños e cara quen nos visite sexa o máis bonita posible. Tanto a presencia dos xardineiros como o resto dos traballadores do Lugo Emprega será moi interesante para Burela

Historia das mulleres de Galicia
Llano asistiu onte en Santiago á presentación do libro Historia das mulleres de Galicia, da que é coautora a profesora de Burela Herminia Pernas. O alcalde contou que “onte desprazéime a Santiago para participar nun acto institucional ao que fun convidado e que estivo presidido polo titular da Xunta, Alberto Núñez Feijoo. Fun porque se presentaba o libro Historia das mulleres de Galicia, que ten varios tomos, cada un deles representando unha etapa da historia, da antigua, da moderna e da contemporánea, que lle toca a unha profesora de Burela, a Herminia Pernas”. O alcalde engadiu que “esta proxección é importante para o noso concello porque esta profesora está a traballar neste proxecto. Dentro duns días tentaremos facer tamén nós unha presentación oficial aquí en Burela”.

REUNION DE ALCALDES SOBRE NOITEBUS

Alfredo Llano lembrou que o vindeiro 10 de marzo manterá un encontro con outros nove alcaldes da Mariña “para falar da unidade de drogodependencias e da súa financiación. É un servizo compartido e polo tanto debemos compartir os gastos”. O rexedor aproveitará este encontro para falar do Noitebús, “un servizo que funcionou na Mariña, pero co que xa non contamos. Quero convencer aos alcalde para insistirlle á Xunta en que se faga cargo deste servizo tan importante para a nosa comarca, e en caso de que a Xunta non acceda a formalizar un contrato coas empresas que prestaban dito servizo poidan ser os concellos os que promovan e impulsen este Noitebús, moi beneficioso para garantir seguridade e ambiente en diferentes puntos da Mariña

ORZAMENTO DO 2011 DO CONCELLO

Os orzamentos de Burela para 2011 someteronse a aprobación inicial no pleno ordinario celebrado o pasado xoves ás oito da tarde. Os presupostos ascende a 6.200.000 euros e supoñen un incremento do 1’66% con respecto aos do ano pasado, segundo informaba o alcalde, Alfredo Llano.

O rexedor sinalou que “na sesión do xoves tamén aprobamos a constitución da mesa local de comercio, xa fixemos as xestións pertinentes, xa se procedeu á elección do membro do sector comercial que formará parte como vocal e tamén haberá outro representantes da asociación de amas de casa e consumidores”. Sobre os orzamentos de 2011 dixo que “se repetirán máis ou menos as cifras do ano pasado. No 2010 os presupostos foron de 6.112.000 euros e neste 2011 chegamos aos 6.200.000, o que supón unha suba do 1,66%”. Alfredo Llano manifestou que “a merma de aportacións de impostos directos e indirectos é posible que se produza, polo tanto hai que axustar os presupostos á realidade de Burela e tentar de mellorar servizos aforrando capital. Do que se trata é de facer uns orzamentos que sexan garantía de que o Concello funcione, pero ao mesmo tempo tendo moito coidado no montante total”.

O alcalde de Burela déulles a coñecer estes datos á mesa de negociación do Concello, “expliquéilles como fixemos os orzamentos e díxenlles que están garantizados todos os gastos de carácter social, os anticipos de persoal, o plan de pensións e todos os aspectos que se regulan no convenio. En definitiva tratamos de garantir todos os servizos fundamentais para o noso concello e de non mermar os servizos sociais que se aplican ao noso persoal”.