sábado, 30 de enero de 2010

CAMPAÑA DA DELEGACIÓN DE SANIDADE


O vindeiro martes 2 de febreiro a Delegación de Sanidade iniciará nos colexios Virxe do Carme e Vista Alegre unha nova campaña para fomentar a inxesta de iogures líquidos entre os escolares.

Segundo explica a edil Sonia Fraga “os iogures entregaránse cada quince días nos dous colexios desde febreiro ata o mes de xuño e o que pretendemos coa campaña é favorecer o consumo de lácteos na poboación máis nova do noso concello”.
En total os iogures chegarán a 212 nenos e nenas do colexio Vista Alegre e a 340 do Virxe do Carme. As datas nas que se efecturará esta campaña serán: 2, 12 e 23 de febreiro, 9 e 23 de marzo, 6 y 20 de abril, 4 e 18 de maio e 1 e 15 de xuño.

A concelleira de Sanidade sinala que “ésta é unha das actividades que organiza a miña Delegación para mellorar a calidade de vida e sobre todo para conseguir unha boa alimentación nos cativos animándoos ao consumo diario de productos importantes na nosa dieta”

OBRAS EN BURELA CON CARGO O PLAN "E"


O Concello realizará ao longo dos vindeiros meses 11 proxectos con cargo aos fondos do plan E do 2010. Burela recibirá 991.000 euros dos que 184.000 irán destinados a políticas sociais e o resto a ditas obras.

A instalación fotovoltaica conectada á rede na cuberta do pavillón polideportivo e a colocación de placas solares para quentar de 1.000 a 1.500 litros de auga tanto no pavillón Vista Alegre como no campo de fútbol son algúns dos proxectos que se levarán adiante. O alcalde sinalou que “esas placas suporanlle uns aforros sustanciais ao Concello de Burela”. Con cargo ao plan E de 2010 está previsto cambiar a iluminación no parque Rosalía de Castro “alí colocaremos lámparas LED, están preparadas para dar unha luminosidade de 150 watios ainda que consumirán uns 48, o que suporá un aforro de máis do 50%. Tamén se cambiarán as luminarias da praza do Concello e colocaremos novas lámparas en Arcadio Pardiñas, que serán continuidade das xa instaladas o ano pasado”.
Burela destinará 83.000 euros á implantación da administración electrónica no Concello, segundo Alfredo Llano “trátase de algo moi necesario para que os veciños teñan mellores servizos”. O alcalde destacou “os 223.000 euros que se investirán no pozo de bombeo da EDAR, que é moi necesario para evitar contaminacións e para mellorar o noso respecto polo medio ambiente. Imos facer tamén durante este ano obras en varias rúas para mellorar a seguridade vial e acometeremos actuacións medio ambientais en Vilar, tras os problemas suscitados nos últimos días semanas polas intensas chuvias caídas”. O Concello de Burela acometerá a reposición da cuberta da Escola de Música e destina 100.000 euros á eliminación de barreiras arquitectónicas en toda a vila.

Alfredo Llano considera que “estes 11 proxectos que temos moi diversificados servirán para mellorar ainda máis Burela”.

miércoles, 27 de enero de 2010

ENTREGA DE CARNÉS PARA GOBERNO DE EMBARCACIONS


A concelleira do Mar en Burela, Remedios López entregará o próximo venres ás 18 horas no salón de plenos do Concello, os carnés de autorización federativa para o goberno de embarcacións de recreo ata 6 metros de eslora e 40 KW de potencia, o denominado titulín. O curso realizouse por segundo ano consecutivo en Semana Santa do 2009. A edil socialista sinala que “neste curso de grande aceptación na poboación os alumnos repasaron conceptos como as partes dun barco, sinalización, abordaxe, bengalas… todo elo nas aulas da fundación Expomar e tamén houbo unha clase práctica nunha embarcación que tivo lugar no porto de Burela”.

Remedios López convoca para o venres aos 24 alumnos que participaron no curso (catro alumnos mais das prazas ofertadas) e anuncia que xa está aberta a inscrición para o terceiro. A concelleira do Mar explica que “unha vez reunido un mínimo de 15 alumnos e un máximo de 20, poderase realizar o curso por orden preferente de inscrición. A data inicialmente prevista é a de Semana Santa deste 2010 e as condicións as mesmas que nos anos anteriores: poderán participar os maiores de 16 anos, o curso é gratuito para os empadroados en Burela e ten un custe de 200€ para o resto da poboación”.

A responsable da Concellaría do Mar engade que “tamén esta previsto para próximas datas un curso máis completo e específico sobre o PER, sempre e cando contemos con interesados en formarse; tamén quero recordar que se encontra aberta a inscrición para participar noutro curso de formación sobre socorrismo acuático que comezará a finais da primavera, una vez que se consiga cubrir cun mínimo de 15 alumnos. Para apuntarse a algún destes cursos deberán preguntar nas oficinas do Concello de Burela”.

lunes, 18 de enero de 2010

DELEGACION DE EMPREGO


A Delegación de Emprego ven de editar dous folletos informativos nos que explica a usuarios e empresas o traballo que realiza este departamento e a bolsa de emprego “como servizo de intermediación laboral”, segundo explica a edil Sonia Fraga.

A concelleira de Emprego sinala que “fixemos dous tipos de folletos nos que aclaramos moitas dúbidas, explicamos que este é un servizo gratuíto do Concello de Burela que ten coma obxectivo facilitar a inserción laboral dos veciños da comarca e que está dirixido a persoas en situación de desemprego que queren incorporarse ao mercado laboral ou a persoas que tendo traballo queren mellorar. Dicímoslles que podemos axudalos mediante un programa de orientación para a procura de emprego, a través da inscrición na bolsa de emprego e facilitando información e recursos para a formación e a procura de emprego”.
Na bolsa de emprego do Concello de Burela hai unha base de datos de 500 usuarios/as e máis de 50 empresas colaboradoras de toda a comarca. Sonia Fraga manifesta que “as firmas que queiran colaborar só teñen que cumprimentar unha ficha e terán prioridade na tramitación das ofertas de emprego, esas empresas empezarán a contar cos currículos dos demandantes nun prazo máximo de 24 horas e contarán con información de cursos, xornadas, eventos… relacionados co mundo empresarial”.
Os folletos foron presentados no día de hoxe no Concello de Burela.