martes, 22 de diciembre de 2009

ENTREGA DE BOLSAS PARA PODER RECICLAR


As Delegacións de Medio Ambiente e Obras do Concello de Burela desenvolverán durante o nadal unha campaña de concienciación para favorecer unha correcta xestión dos residuos nos fogares.
Segundo explica a edil socialista, Lucía Bouza, “esta campaña consistirá no reparto de tres bolsas reutilizables e que se acoplan entre si, para seleccionar os residuos nos nosos fogares e separar así correctamente o vidro, o papel-cartón e os envases. Este reparto completarase coa elaboración de enquisas sobre os nosos hábitos á hora de xestionar o lixo e tamén coa entrega de información sobre os puntos que hai no noso concello para recoller certos residuos como son os móbiles, cds e dvds, pilas, mobles, etc…”. A concelleira de Medio Ambiente engade que “a infomación que se dará nesta campaña tamén será relativa ao funcionamento do punto limpo”.
Para poder recoller estas bolsas, os cidadáns deberán ensinar o derradeiro recibo do lixo. O Concello instalará mesas informativas para facer o seu reparto en todos os supermercados da vila, entre as 11 da mañá e as 13 horas do mediodía. Lucía Bouza suliña que “o 23 estaremos no supermercado Froiz, o 28 de decembro no Gadis, o 29 no Día de Arcadio Pardiñas, o 30 no supermercado Claudio, o 4 de xaneiro no Eroski e o 5 no Cemar”.

lunes, 21 de diciembre de 2009

REMATE DAS OBRAS DE AMPLIACION DO PORTO


O alcalde de Burela, Alfredo Llano, amósase moi satisfeito polo remate das obras de ampliación do porto. O rexedor convida aos veciños a que se acheguen a visitar na zona na que hoxe está atracado un barco de Oslo, que está a cargar 8.000 toneladas de caolín.

Llano sinalou que “como consecuencia destas melloras que se realizaron no peirao, o que se fixo básicamente foi agrandar a posibilidade de calado, que pasou de 3.000 a 8.000 toneladas. Algo que xa se está aproveitar co barco que está alí atracado agora mesmo, ven de Oslo cargar 8.000 toneladas de caolín”.
O alcalde considera que “ésta é unha noticia importante para Burela porque ven certificar que o noso porto vai collendo unha personalidade extraordinaria pola diversidade de funcións ás que se vai adicar. Temos a comercial, que comenza agora con esta nova carga de caolín, temos a actividade pesqueira e agardemos que en pouco tempo a deportiva tamén sexa unha realidade no noso porto. Esto ven a engadir un valor moi importante para Burela, dado que si o peirao se explota ben traerá unhas consecuencias moi positivas para o noso concello”.

O rexedor suliñou que “xa prácticamente o porto funciona ás mil maravillas, quedou unha explanada enorme e que cheguen estes barcos tan grandes ven indicar que estamos gañando en importancia e en influencia no Cantábrico. Será unha referencia clara para a nosa economía, para a nosa sociedade e para o noso porto. Agardo que esto implique a chegada de cousas moi positivas para o noso concello”.

miércoles, 16 de diciembre de 2009

LIBRO DE RECEITAS DO OURIZO DE MAR


A Delegación do Mar de Burela ven de presentar o terceiro libro gastronómico de Os sabores do noso mar que está adicado ao ourizo de mar. A edil, Remedios López, asegura que “tentamos publicitar e dar a coñecer os produtos de gran calidade que se comercializan no noso peirao. Igual que se fixo co receitario da pescada do pincho ou co bonito de Burela estes receitarios repartiranse de forma gratuíta entre a hostalería e levarase por España ás distintas feiras nas que participe o Concello de Burela”.
A concelleira de Mar sinala que “nesta ocasión trátase dun receitario con 13 fotos a color e receitas preparadas polos restauradores máis importantes de Burela. Neste exemplar podemos encontrar pratos tan coñecidos como: revolto de ourizo, tosta de ovo de codorniz con caviar de ourizo de mar, ourizos de mar con fabas, ourizos a vinagreta, paté de ourizo, secreto de ourizo, pizza de ourizo, ourizo recheo de lubrigante, pementos do piquillo recheos de marisco, ourizo e boi de mar, parfait de ourizo de mar e algas, tortilla de ourizo, espárragos recheos de caviar de ourizo e delicias de ourizo con algas nori”.
López Villar engade que “fixéronse 1.000 exemplares que se repartirán nestas datas entre os restaurantes que participaron na xornada gastronómica que se fixo no mes de marzo. Cada restaurante levará 30 exemplares que poderá dar de forma gratuíta á súa clientela sempre e cando consuma algún produto que se comercialice no peirao do Burela. Con esta iniciativa invitamos aos comensais a vir a Burela a comer peixe ou marisco, ou facer a comida de empresa e veranse agraciados cun exemplar desta edición”.
A edil socialista anuncia que “estas xornadas, as máis rendibles para os nosos hostaleiros, volverán a repetirse nos anos vindeiros ata consolidarse igual que se fixo coas anteriores”. O departamento que dirixe Remedios López xa está a traballar na cuarta edición desta colección de libros adicado ao peixe espada.

OBRAS EN RIL


Costas aproba definitivamente o proxecto de dotación de servizos á praia de Ril, segundo ven de anunciar o alcalde de Burela.

Alfredo Llano asegurou que “acabamos de recibir de Costas un fax no que nos informan que quedou aprobado definitivamente o proxecto de dotación de servizos á praia de Ril. Unhas obras que contan cun orzamento de 128.000 euros”.

O rexedor sinalou que “o proxecto non tardará moito en ser licitado e agardamos que esta obra estea en servizo para o vindeiro verán. Implicará a mellora da zona de aparcamentos, xogos de ximnasia saudable para as persoas maiores, e váise colocar un área de esparcemento infantil e de xogos. Quedará moi ben dotada esta praia e esperamos que siga a ser unha das máis demandadas do noso concello”.

Llano considera que “se trata dunha boa nova para Burela e agardo que sexa executada o antes posible”.

viernes, 4 de diciembre de 2009

ACTIVIDADES MEDIOAMBIENTAIS


A Delegación de Educación e Medio Ambiente do Concello de Burela presentou as actividades que ten programadas para desenvolver ao longo do nadal 2009-2010.
A edil socialista, Lucía Bouza, anunciou que “as monitoras da Aula de Educación Medioambiental Gaia organizan un obradoiro de decoración de nadal baixo o lema Decora o nadal. Neste obradoiro poderán participar, de xeito totalmente gratuito todos os nenos e nenas escolarizados en educación infantil e primaria. Para iso, deberán completar a ficha de inscrición que se atopa na Biblioteca Pública Municipal até o 10 de decembro”. O obradoiro desenvolveráse os días 14, 16, 17 e 18 de decembro a partires das 18 horas nas dependencias da Casa da Cultura.
A Delegación de Educación e Medio Ambiente tamén convoca a terceira edición do certame de nadal Propostas para mellorar o Medio Ambiente, “que este ano ten como tema central a mobilidade sostible. Como xa é tradicional, o certame presenta de novo tres variantes: concurso de fotografía, de relato curto e de debuxo. Todos aqueles que desexen inscribirse poden facelo a partires do vindeiro mércores día 9 de decembro na Biblioteca Pública Municipal”. Lucía Bouza explicou que “ao igual que nas edicións anteriores, haberá cinco primeiros premios dotados con cámaras fotográficas e haberá tamén o sorteo dunha consola entre todos os participantes, que tamén serán agasallados con libros de lectura. A data límite para a aceptación dos traballos será o 9 de xaneiro de 2010.

martes, 1 de diciembre de 2009

SORTEO DUNHA CESTA DE PEIXE


A partires de mañá as persoas que merquen nas peixerías de Burela recibirán unha papeleta e entrarán no sorteo dunha cesta de peixe e marisco fresco do porto valorada en mil euros. A campaña, posta en marcha pola Concellaría de Mar “intenta promocionar e fomentar un ano mais o consumo dos produtos pesqueiros que se adquiran nas peixerías do municipio procedentes da lonxa de Burela”, segundo explica Remedios López Villar.

A edil socialista lembra que “esta iniciativa comezou o ano pasado por primeira vez e foi moi ben aceptada polas peixerías do municipio, coas que nunca noutra ocasión o Concello tiña traballado. En total participan 9 peixerías na campaña deste 2009 que son: Peixería PEPA, Peixería CARMIÑA, Peixería PEPE, Peixería PASTORIZA, Peixería RUBÉN, Supermercados CEMAR, Supermercados EROSKI, supermercados GADIS e a cetárea de mariscos do Palacio de Cristal”.
A concelleira de Mar manifesta que “as nove peixerías repartirán entre os clientes que merquen productos procedentes da lonxa de Burela durante o mes de decembro unha papeleta para entrar no sorteo dunha magnífica cesta de peixe e marisco fresco. Esta cesta será doada por ABSA, que sempre está interesada en apoiar as iniciativas que realiza o Concello para promocionar os seus produtos, e colabora así doando unha cesta valorada en 1000€. Levará os produtos mais representativos de todas as artes do noso peirao como merluza, rape, rodaballo, lubina, centolo, nécora…”.
Remedios López engade que “o Concello encárgase da organización e publicidade, repartindo entre as peixerías que participen 8000 papeletas que se poñerán a circular a partires de mañá 1 de decembro, 300 carteis que os exportadores repartirán por toda Galicia e farase publicidade en prensa, radio e televisión coa única intención de fomentar o consumo de produtos pesqueiros de Burela. O sorteo da cesta celebrarase o 30 de decembro ás 12 no salón de plenos do Concello de Burela, será un acto aberto ao público e transparente, invitando a todo o mundo que queira a participar. Alí sacaremos a papeleta gañadora que levará esa cesta para disfrutala na súa casa”.