jueves, 28 de mayo de 2009

BANDEIRA AZUL NAS NOSAS PRAIAS


Valoración positiva do Concello de Burela tras os distintivos que recibiron os seus areais. As praias de Portelo, A Marosa e Ril lucirán de novo este verán a bandeira azul que concede de xeito anual ADEAC. Tamén recibiron este recoñecemento o Barco Museo Boniteiro Reina del Carmen e a Aula de Educación Medioambiental Gaia. A edil de Medio Ambiente, Lucía Bouza, sinalou que “esta é sen dúbida unha boa nova para o noso Concello, posto que o distintivo bandeira azul é a garantía de que unha praia cumpre determinados criterios de legalidade, accesibilidade, sanidade, limpeza e seguridade, así como con unha xestión ambiental adecuada”.

A edil socialista lembrou que “o mantemento e xestión das praias é unha das prioridades do Concello de Burela e, por iso, recentemente foi aprobada en pleno a constitución do Comité de Xestión de Praias, un órgano de participación que sen dúbida algunha mellorará o estado e a calidade das nosas praias”.

O concelleiro de Obras e Servizos, Pascual Doménech e Lucía Bouza, tamén informaron dalgunhas melloras que afectarán ás praias durante este ano. “Unha delas e a colocación de 15 novas sombrillas que se repartirán entre as praias de Portelo e A Marosa. Ademais a praia de Portelo contará tamén cunha pasarela peonil que conectará un cambiador co paseo marítimo. Tamén queremos informar de que na actualidade estanse a manter conversas desde o Concello de Burela co Ministerio de Medio Ambiente, Medio Rural e Mariño para, nun futuro próximo, dotar ás praias de Portelo e de Ril de locais estables para salvamento e socorrismo e tamén con servizos públicos”, explicaron Bouza e Doménech.

Os concelleiros tamén subliñaron outro servizo do que se poderá gozar a partires deste verán nas praias de A Marosa e Portelo, “será o de biblioteca de lectura. Estas dúas praias contarán durante os meses de xullo e agosto con sendas carpas onde poderemos atopar un total de 200 libros de temática variada para todos os públicos. Esta é unha medida coa que pretendemos achegar á xente este tipo de servizo ao tempo que fomentamos un hábito tan saudable como é o da lectura”.

martes, 26 de mayo de 2009

DESPREZO DA CONSELLEIRA DE MAR AO CONCELLO DE BURELA

O alcalde de Burela, Alfredo Llano, critica o que considera “unha falla de respecto institucional por parte da conselleira do Mar que onte estivo en Burela”. O rexedor explicou que “onte tivemos aquí en Burela a visita da conselleira do Mar, Rosa Quintana, que entre outras cousas veu dar un mitín como é lexítimo e normal e mantivo un encontro con representantes de ABSA e da confraría e foi tamén á Moncloa como tamén era interesante que o fixera”. Llano di non entender “como alcalde de Burela, a falla de respecto institucional que houbo neste caso, porque xa que se presentou a ABSA e a confraría creo que tamén podía recibir os representantes do Concello de Burela porque somos dos poucos que temos unha Delegación do Mar e loxicamente temos responsabilidades neste ámbito e sempre colaboramos co sector e ímolo seguir facendo para resolver os problemas que poidan ter”.
Llano lembra que “tamén traballamos con Portos co que mantemos unha boa relación institucional, de aí que non entendamos esta actitude de Rosa Quintana, porque perdeu unha oportunidade moi valiosa de presentarse diante de nós. Quedou de vir á inauguración de Expomar, deu razóns triviais e non veu e aparece agora para dar un mitín e preséntase por aí deixando ao Concello de lado completamente”.

O alcalde considera que “isto ven contradicir un pouco ese espírito do que tanto presumían de que ían facilitar a fluidez entre institucións, que ían favorecer ós concellos e que ían traballar para todos. E resulta que á primeira ocasión que teñen xa se ve o que lles interesa que é o partido e catro cousas por aí sin ter en conta as institucións e é algo que nos preocupa”.

lunes, 25 de mayo de 2009

VALORACION POSITIVA DE EXPOMAR


O alcalde de Burela e presidente da Fundación Expomar, Alfredo Llano, valora de xeito moi positivo a XIII Feira Monográfica Naútico-Pesqueira Expomar que pechou as súas portas con grande afluencia de público na xornada de onte. Llano destacou que esta edición se celebrou na nova nave de redes “que foi unha referencia clarísima para determinar un crecemento grande de Expomar na importancia e na categoría desta feira, porque ó ter unha estructura sólida e estable beneficiou moito as instalacións dos expositores e todo o mundo quedou contento”. O rexedor e presidente da Fundación Expomar suliñou tamén que “a xente que loitou por esa nave de redes fíxolle un grande favor a Burela e tamén a esta feira exposición, porque por un lado serve para acoller este tipo de eventos, pero por outro con ela tamén se dignifica a labor e o oficio das redeiras”.Alfredo Llano sinalou que “Burela conta cunha das feiras monográficas náutico-pesqueiras máis importantes do Estado español. Un evento que ten unha capacidade increíble de convocatoria, o sábado foi espectacular a cantidade de xente que se achegou a Burela, moitos curiosos, pero sobre todo moitos profesionais chegados desde Valencia, Cantabria ou o País Vasco que viñeron a interesarte pola exposición e que incluso fixeron contratos e transacións económicas importantes. Eso é o positivo e o importante, porque quere decir que a nosa feira está consolidada”.O rexedor tamén apuntou “á grande participación nas xornadas técnicas e no encontro empresarial, onde se tratou de aclarar un pouco a problemática do mundo do mar. Quedamos moi contentos porque os expositores que encheron o recinto da nave de redes marcharon satisfeitos pola súa presencia nesta feira e dixeron que lles gustou moito este novo recinto e que esto é motivador para traballar en defensa do sector náutico-pesqueiro que está en crise, pero o que se espera é que vaia mellorando pouco a pouco”.Llano tamén agarda que “dentro de dous anos cando se volte a facer Expomar mellore o sector pesqueiro e poidamos decir que está recuperado e que está sendo unhas das claves básicas da nosa economía, da nosa sociedade”.

DIA MUNDIAL DO MEDIO AMBIENTE


A Delegación de Educación e Medio Ambiente de Burela organiza actividades para conmemorar o 5 de xuño o día mundial do medio ambiente. Segundo explica a edil, Lucía Bouza, “haberá unha campaña de intercambio de xoguetes, unha iniciativa que consiste nun intercambio de xoguetes usados que os nenos poderán realizar o próximo día 4 de xuño. As responsables do Centro de Educación Gaia pretenden con ésta campaña ilusionar aos nenos a través do intercambio de xoguetes para que poidan ser reutilizados”.
Os que desexen participar nesta iniciativa deben entregar os xoguetes a partires do 26 de maio e ata o 29 do mesmo mes. A entrega efectuarase en horario de 10:00 -13:00 e de 18:00-20:00 horas na casa da Cultura. Lucía Bouza aclara que “no obstante será o día 4 de xuño cando se procederá a realizar o intercambio en horario de 17:00 a 19:00 horas na Praza do Concello. A actividade está dirixida a nenos de entre 0-12 años e os menores de 6 anos deberán ir acompañados dos seus pais”.
Para conmemorar o día mundial do medio ambiente, as Delegacións que dirixe Lucía Bouza, organizan un xogo denominado pegadas-verdes. “Trátase dun xogo ao aire libre realizado en lona de 3X3 no que os participantes serán as súas propias fichas. Colocaranse enrima do taboleiro de lona estirado no chan e irán avanzando segundo o dado indique. O xogo ten 40 casillas, nas que se pode avanzar, retroceder e incluso contestar a unha pregunta. Os participantes recibirán un agasallo pola súa participación e serán invitados a unha merenda”.

sábado, 23 de mayo de 2009

XORNADAS GASTRONOMICAS DA MERLUZA DO PINCHO


Remedios López Villar dirixe a concellería do Mar de Burela e é unha das impulsoras das xornadas gastronómicas da Merluza do Pincho.
-¿Que buscan con esta iniciativa?
-Intentamos inculcar na cidadanía o hábito tan saudable de consumir peixe e, ao mesmo tempo, promocionar Burela. Intentamos implicar a todos os sectores burelenses, desde os armadores ata aos veciños, para que entre todos promocionemos a nosa vila e un dos seus motores motores principais, o porto pesqueiro.
-¿Ademais das xornadas da merluza, apostarán por outras variedades?
-Si, queremos promocionar todos os productos que se comercialicen no peirao de Burela. Xa o fixemos co ourizo na Semana Santa, agora estamos coa merluza, a comezos de verán será o turno do polbo, en agosto tocaralle ao bonito e moi probablemente, a finais de ano apostemos polo peixe espada. A maiores, imos sacar libros sobre todas estas festas de degustación

sábado, 16 de mayo de 2009

CONVENIO COA COFRARIA


O alcalde de Burela, Alfredo Llano, asinou un convenio co presidente da cofraría de pescadores, Basilio Otero, “para a realización de Expomar na nave de redes, porque a titularidade é da propia cofraría. Alí pensamos en facer Produart e algún outro evento que organice a Fundación Expomar”.

viernes, 15 de mayo de 2009

A DIPUTACION APORTA 24.000 EUROS PARA OBRAS EN BURELA


Burela recibe 24.000 euros da Deputación Provincial de Lugo, a través do Plan de Cooperación coas Comunidades Veciñais, para o arranxo do camiño das Ribeiras e para o acondicionamento do camiño dos Matos. Segundo explica o alcalde, Alfredo Llano, “son 12.000 euros para cada obra. No caso do camiño das Ribeiras trátase de preparalo para facer sendeirismo dado que xa é unha ruta bastante destiñada a este fin. E o camiño dos Matos mellorará con esta inversión”.
O rexedor burelés amósase satisfeito “pola concesión destas partidas económicas que foron solicitadas pola asociación de veciños O Vencello de acordo co Concello de Burela”.
Convenio coa cofraría

Por outra banda, o alcalde de Burela, Alfredo Llano, asinou esta tarde un convenio co presidente da cofraría de pescadores, Basilio Otero, “para a realización de Expomar na nave de redes, porque a titularidade é da propia cofraría. Alí pensamos en facer Produart e algún outro evento que organice a Fundación Expomar”.

jueves, 14 de mayo de 2009

XORNADAS GASTRONOMICAS DA MERLUZA DO PINCHO


A concelleira de Mar, Remedios López, e o alcalde de Burela , Alfredo Llano, presentaron as segundas xornadas gastronómicas da merluza do pincho que se celebrarán dentro duns días en Burela. Dende a Concellaría de Mar “inténtase dar a coñecer todos os productos de gran calidade que se vendan no noso peirao. Nesta ocasión a protagonista é a princesa do mar, a merluza do pincho fresca de Burela como se promocionou no seu momento, e fixéronse etiquetaxes especiais para diferenciala nos mercados nacionais onde entra moito produto foráneo e de inferior calidade”, explica Remedios López Villar.

As xornadas gastronómicas da merluza do pincho de Burela realizaranse os días 22, 23 e 24 de Maio, coincidindo coa feira monográfica Expomar. O prezo da ración será de 6€ e colaborarán 15 hosteleiros de Burela: Mesón Botafumeiro, Parrillada de Jandro, Mesón Carlos, Casa Miranda, Mesón Don Jamón, Mesón Hamilton, restaurante Os Remos, restaurante Palacio de Cristal, Pizzería Puzzbur, restaurante Luzern, Bar Orxal, Cervecería Bodeguilla, Mesón do Poeta, Parrillada A Marquesa e restaurante O Sargo.

A edil socialista sinalou que “dende ABSA, ven moi positiva esta iniciativa de promocionar os seus produtos, e van agasallar cunha merluza do pincho a cada restaurante que participe nesta festa gastronómica”.

miércoles, 13 de mayo de 2009

CORO DA ESCOLA MUNICIPAL DE MUSICA DE BURELA


O venres 22 de maio terá lugar a presentación oficial do coro da Escola Municipal de Música de Burela. Será nun concerto ás 20:30 no auditorio da Casa de Cultura.

A concelleira de Educación, Lucía Bouza, asegura que “desde o Concello estamos moi satisfeitos co traballo que se está a realizar na Escola de Música posto que van xurdindo cada ano novas agrupacións dentro da escola. O ano pasado asistimos á aparición da Burela Blues Band, este ano temos a presentación deste coro e debo dicir que teño un grande agradecemento para o equipo de profesores e para o director da Escola de Música, xa que eles mesmos teñen unha grande iniciativa e que se formen este tipo de agrupacións en grande medida débese a eles, polo que é de xustiza agradecerlles o traballo que están a realizar”.
Bouza convida “a asistir a este concerto a todo o mundo. Está representada unha grande variedade de xente neste coro, hai xente adulta, hai nenos, hai un pouco de todas as idades. Está dirixido por Xulia Nogueira que é profesora na Escola de Música. Pensamos que será moi interesante e agardamos que asista moita xente”.

A edil socialista sinala que “tamén temos que dicir que o Concello segue a apostar polo bó funcionamento da Escola de Música e decidimos mercar os traxes para a Banda de Música que estaba moi necesitada deles posto que se se incorporou moita xente nova. O ano pasado por exemplo a Banda non puido tocar nas festas de Burela porque estaba case formándose cunha grande cantidade de novos músicos e aínda estaban en fase de preparación, pero este ano si que estamos moi ben preparados para tocar e por iso imos comprar os traxes e vanse estrear nas festas de Burela”.

viernes, 8 de mayo de 2009

NOVA ZONA INFANTIL NA MAROSA


O Concello de Burela conta cunha nova zona infantil nas inmediacións da praia de A Marosa. O concelleiro de Obras, Pascual Doménech, explica que “a idea do proxecto xestouse a partir dunha petición por parte do goberno local diante da Dirección Xeral de Sostebilidade da Costa e do Mar para cubrir unha demanda social, e logo da necesidade que contemplou o Concello de dotar ao noso pobo de instalacións axeitadas para ocio infantil complementario á época estival”.
O edil socialista engade que “a situación elixeuse en base ao aproveitamento dun espazo orixinal, atractivo e agradable, incluido nun entorno excepcional e de excelente calidade que nos ofrece a praia de A Marosa”. Doménech sinala que “todos os xogos están relacionados co medio onde están instalados e conteñen cores vivos e limpos e formas suaves e redondeadas, todos eles adaptados á normativa europea sobre espazos infantís e revestimento de solos. Dende o Concello esperamos que se respecte ao máximo posible o mobiliario de xogo, así como o cumprimento das normas e consellos do panel informativo alí instalado”.

miércoles, 6 de mayo de 2009

PINTADO DE RUAS EN BURELA


Esta semana deron comenzo en Burela as obras de pintado de pasos de peóns, aparcamentos e marcas viais e a sinalización vertical nas rúas máis transitadas. Segundo o concelleiro de Obras, Pascual Doménech, “a execución destas obras, ademais de mellorar o entorno urbano, ofrece ao cidadán maior seguridade vial, facendo máis visibles os pasos de peóns, mediante a aplicación de pintura reflexiva e a colocación de sinalización vertical. Ditas obras xustifícanse xa que hai rúas nas que a señalización carece de nitidez dado o seu desgaste pola alta densidade poblacional, dificultando a visibilidade tanto a peóns como a conductores, aparte de non existir nos indicados pasos sinalización vertical”.O edil socialista anuncia que esta mesma semana comenzará o escarificado e asfaltado en diversas rúas “onde debido a alta densidade de tráfico que soportan diariamente e ao desgaste propio do seu uso é necesaria unha actuación máis profunda que un rebacheo que se fai habitualmente. Extenderase unha capa de aglomerado e posteriormente procederase á súa sinalización habitual con pintura reflexiva”.
A Delegación de Obras e Servizos pide “disculpas e comprensión polas molestias que se están a causar, máis a nosa intención é poder levar a cabo as melloras necesarias a fin de conseguir entornos agradables e seguros para os cidadáns, e en concordancia cos criterios municipais de potenciación e mellora dos ámbitos urbanos”.

martes, 5 de mayo de 2009

CURSOS DE FORMACION


O Concello de Burela organiza diversos cursos formativos para os funcionarios municipais. O alcalde, Alfredo Llano, sinala que “ditos cursos están pensados para mellorar as condicións profesionais dos empregados municipais e para que despois presten un servizo óptimo ós veciños do noso concello”.
Os cursos que se ofertan “teñen carácter xeral nalgún caso como o de prevención de riscos laborais e informática, e outros son máis específicos coma o de medicións acústicas, lexislación municipal, extranxeiría ou xardinería”, segue a relatar o rexedor de Burela. Llano insiste en que “no Concello de Burela dámoslle moita importancia á formación, de feito xa no convenio colectivo se recolle que os traballadores terán dereito a 40 horas anuais de formación. O que imos facer é tentar dar eses cursos aquí no Concello para que sexa posible compatibilizar o seu traballo diario coa formación. Decir tamén que tentaremos que sexan impartidos por persoal propio, aínda que nalgún caso máis específico teremos que recurrir a algunha empresa”.O alcalde de Burela di que “algún curso xa se está a impartir coma o de xardinería, e outros farémolos neste mes de maio e tamén ó longo das vindeiras semanas”.

sábado, 2 de mayo de 2009

EXPOMAR


A concelleira de Mar de Burela e presidenta da décimo terceira edición de Expomar, Remedios López Villar, asegura que “dita feira é a máis importante de toda España e considerada dende o ano 1998 de interese náutico pesqueiro. Para a súa inauguración o día 21 de maio convidamos ó presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, e para o acto de clausura o 24 de maio ó presidente da Deputación Provincial, José Ramón Gómez Besteiro”.
López Villar engade que “a principal novidade será que a feira farase no recinto portuario de Burela nas instalacións da nave de redes, recentemente inaugurada pola Consellería de Pesca e Asuntos Mariños cedida á Fundación Expomar durante o tempo que dure a montaxe e celebración do evento. O resto do ano a nave dedicarase á reparación e almacenamento de redes e aparellos de pesca.
A segunda novidade da feira será contar con novos expositores relacionados cos envases e técnicas de envasado, ademais da maquinaria para levar a diante esta actividade, expositores con material de distribución de tratamento de residuos e tamén sobre o aforro enerxético e as novas tecnoloxías”.

A edil de Mar lembra que “paralelamente á feira celebraranse as Xornadas Técnicas de Pesca nas que abordarán cuestións coma as novas tecnoloxías e innovación na cadea de comercialización, o relevo xeracional no sector pesqueiro e as axudas do FEP ata o no 2013. E tamén teremos o X Encontro Empresarial de Organizacións Profesionais de Armadores”.
Remedios López Villar, concelleira do Mar e presidenta da XIII Feira Monográfica Náutico Pesqueira EXPOMAR 2009, comparecerá na rolda de prensa xunto co presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, e o alcalde de Burela, Alfredo Llano, nun acto que se celebrará na sede da Deputación Provincial de Lugo o vindeiro mércores 6 de maio ás 11:30 horas, para presentar dita feira.

viernes, 1 de mayo de 2009

NOVA RAMPA NO PAVILLON MONTE CASTELO


A Delegación de Obras e Servizos do Concello de Burela ven de reformar a rampa lateral do pavillón Monte Castelo que enlaza a rúa Torques co pavillón Vista Alegre e dotou de máis iluminación o entorno de ditas instalacións.

O concelleiro de Obras, Pascual Doménech, sinala que o “Concello creu necesaria a reforma debido ao mal estado do acceso, de terra e intransitable na época de choivas e á deficiente iluminación que daba lugar a focos incontrolados de botellón na fin de semana”.
O edil socialista considera que “esta actuación supón dar solución a unha vella demanda da comunidade educativa e tamén da solución aos problemas derivados de actos de gran afluencia de público nos que este acceso estaba en condicións lamentables. Trátase dunhas instalacións que asiduamente son utilizadas por aficionados e practicantes de deportes que se desenvolven nos dous pavillóns. Orientouse tamén esta reforma para dar comodidade e seguridade aos alumnos dos colexios e institutos que usan os pavillóns en horario lectivo”.