miércoles, 16 de marzo de 2011

CONVENIO COA ASOCIACIÓN DIGNIDAD DE LUGO


O alcalde de Burela, Alfredo Llano, e o responsable da asociación Dignidad de Lugo, Fernando Pérez Lozano, asinaron esta mañá un convenio para establecer un marco de colaboración e actuación co fin de favorecer, entre outras cousas, a integración de persoas con problemas de drogadicción. Llano explicou que “este colectivo traballa con persoas que sofren pobreza, marxinación, enfermidades ou discapacidades e con aqueles que teñen problemas coas drogas. O obxectivo do convenio é establecer un marco de colaboración entre o Concello e Dignidad para o desenvolvemento de actuacións que fomenten a integración dos menores, adolescentes con risco de conflicto social e que favorezcan a promoción da saúde e de hábitos saudables”.

O rexedor sinalou que “na Unidade de Drogodependencias estamos a ver que está a aumentar o consumo de drogas, sobre todo en menores a partires de 17 anos. É unha problemática que preocupa non só ao Concello e á UAD senón que hai máis asociacións que tamén están con nós nesto. Todo o que sexa reforzarse e axudarse mutuamente será importante e terá repercusións positivas na nosa sociedade”. Llano engadiu que “este convenio está asinado con xente que está moi metida nesta problemática e en todo o que se deriva dela, queremos traballar con rapaces e con programas en materia de prevención” e anunciou que “queremos que Dignidad forme parte dunha comisión que se creará en Burela con todos os alcaldes da Mariña para abordar esta cuestión que tanto preocupa á sociedade. Queremos que nos asesoren e así entre todos buscar solucións que merezcan a pena e poder atallar o aumento detectado no consumo de drogas”.

No hay comentarios: