Rolda de prensa dos socialistas en Burela
A responsable de Política Municipal da Executiva Nacional do PSdeG-PSOE, Mar Barcón, a deputada e voceira de asuntos medioambientais no Parlamento, Carmen Gallego, o alcalde de Burela, Alfredo Llano e membros da Executiva provincial do PSdeG-PSOE de Lugo mantiveron onte, en Burela, unha xuntanza cos representantes socialistas da zona da Mariña, para falar do Plan de Ordenación Litoral (POL).
Os socialistas denuncian que
“o Partido Popular segue rexendo as súas políticas mediante ‘decretazos’, con imposicións e sen contar nin co resto dos Grupos Parlamentarios, e moito menos coa cidadanía”. Juan José Díaz Valiño explica que
“para cando Feijóo chegou á Xunta, o goberno de Touriño deixara redactado e en marcha o Plan de Ordenación do Litoral, a Axencia Galega de Protección da Legalidade Urbanística, así como tamén quedou funcionando a protección dos 500metros de costa; todos eles instrumentos e directrices de ordenación, -di-, medidas que pretenden, en todo caso, protexer e conservar o litoral galego e, máis importante, evitar a destrución e a devastación das que son exemplo Levante e Murcia, gobernadas polo Partido Popular”. O secretario de Política Municipal da Executiva provincial do PSdeG-PSOE de Lugo asegura que son totalmente compatibles a protección do litoral, máis a súa ordenación, coas actividade económicas que nel se realizan.
“O POL establece onde colocar vivendas, industrias e clasifica os diferentes usos do solo. Nembargante o PP decide que este Plan non vai a pasar a debate no Parlamento. Á súa vez, Feijóo decidiu, tamén, que os concellos terían tan só 2 meses para presentar alegacións a este Plan. Os populares fan todo así: ás presas, -critica-. Redactan planes con urxencia e neste caso evitan que se poida ver enriquecido e mellorado polas aportacións parlamentarias. O socialista explica que o Grupo Parlamentario do PSdeG-PSOE conseguiu prolongar as alegacións ata a primeira semana de abril, a través dunha iniciativa e co apoio da FEGAMP, xa que “creemos que dada a complexidade do POL os municipios necesitan máis tempo pa estudalo”. Juan José Díaz Valiño detalla, por outra banda, que o 17 de maio remata o prazo de moratoria da protección dos 500metros de litoral e que
“o actual goberno galego non ten solucións para o problema que se lle vai vir encima”, de aí que o secretario de Política Municipal cuestione se
“será que esta urxencia, por aprobar o POL, sen ser debatido no Parlamento, obedece a que o goberno da Xunta pretende levantar o veto de construcións no litoral?. Feijóo está tomando decisións á lixeira, -advirte-; decisións que levantarán moitos problemas urbanísticos nas costas galegas, e na provincia de Lugo na Mariña”, incide.
Valiño lembra ademais que o PP da ao Plan de Ordenación do Litoral o rango de plan sectorial, namentres que os socialistas suxiren que se lle de un rango normativo superior,
“xa que é un instrumento de ordenación dos usos do solo”. Así mesmo piden que estableza prohibicións. “Este Plan, que non pasará polo Parlamento, creará inseguridades xurídicas en todos os concellos da Costa galega, senón establece o que non se pode facer tamén”. Dentro do Plan de Ordenación do Litoral hai 7 áreas definidas, a Mariña pertence á zona Norte xunto con parte de Ortegal.