martes, 12 de julio de 2011

E AGORA, A CULTURA. QUE XENTE!!

Asistimos estupefactos estes días á primeira medida “estrela” que toma o novo goberno municipal de Burela: a anulación do IV Seminario de Jazz e Música Moderna de Burela. E todo isto, sen dar explicación algunha e sen dar a cara, posto que non se atreven a comunicalo publicamente nin a explicarlle aos pais e nais do alumnado si se lles vai devolver, e cando, o diñeiro que pagaron en concepto de matrícula. Por certo, que os prezos de matrícula estaban aprobados en Xunta de Goberno. Tampouco se atreveron a comunicar nada disto ao profesorado do Seminario nin aos proveedores do mesmo, posto que, como é lóxico tendo en conta que se ía celebrar a mediados deste mes de xullo, todo estaba andando xa dende hai meses.

Por outra banda, tampouco explican a onde van ir os cartos que estaban aprobados no orzamento para este fin e só sabemos que, ao parecer, o encargado de xestionar ese diñeiro vai ser o Director da Escola de Música de Burela, é dicir, que vai ser un empregado do Concello o que decidirá a onde van ir os nosos impostos, xa que o goberno non se atreve a cumprir con unha das súas obrigas (xestionar os cartos que son de todos). Está claro que a este goberno, e en particular ao Sr. Alcalde e á Concelleira Mónica Pedre, fáltalles valentía. Cabe supoñer que os cartos se destinarán ao fin para o que se empregaban nos anteriores gobernos do PP, é dicir, a formar músicos para nutrir a Orquestra de Xove. E nós dicimos isto con valentía e sen tapuxos, posto que foi coñecido por todos este feito. E do mesmo xeito, pensamos que, tanto o Concello como a Dirección da Escola estan a esquecerse dunha sensibilidade importante que hai dentro da Escola. Falamos do gusto que hai nunha grande parte do alumnado polo estudo do jazz e da música moderna, xa que hai que recordar que o Seminario de Jazz tivo na última edición que se celebrou unha matrícula de 60 alumnos, dos que, como mínimo 40 estaban matriculados na Escola de Música. Nós cremos que, tendo en conta que a Escola conta con 100 matriculados, ninguén debería esquecerse desa sensibilidade que o anterior goberno si tivo en conta e si se encargou de potenciar, sabendo ademáis compaxinalo co estudo da música clásica, posto que nunca se deixaron de celebrar cursos de verán adicados a este tipo de música. Así, sempre fomos capaces de ter en conta ás distintas correntes que había dentro da Escola e que, o único que facían era que tiveramos unha Escola moito máis rica, culturalmente falando.

Hai outra cousa da que tamén se esquece a Sra Pedre, tamén concelleira de Cultura, e é do feito de que o Seminario de Jazz, era moito máis que un seminario e case podíamos consideralo un Festival, posto que había toda unha semana plagada de actividades paralelas, destacando especialmente os concertos nocturnos que enchían o pobo de xente interesada neste estilo musical. Veremos agora que oferta cultural nos propón a Sra. Pedre co mesmo diñeiro que gastábamos nós nun seminario que, ademáis de formación para 60 persoas, ofrecía concertos toda unha semana. Tampouco debemos esquecer que, grazas ao Seminario, Burela xa se convertira nun referente do jazz a nivel galego. Isto supoñemos que o conseguirá agora o novo goberno co estilo clásico….

En fin, por desgraza para todos nós, estamos a perder algo verdadeiramente importante, mais, especialmente por desgraza para os rapaces e rapazas que son os que realmente perden. De todos os xeitos, seguiremos a falar deste tema, porque nós, o grupo municipal do PSdeG-PSOE, non nos imos esquecer dunha das grandes medidas que tomamos na anterior lexislatura, e que, de seguro, voltaremos a tomar dentro de catro anos.

No hay comentarios: