
Os veciños de 12 municipios de Lugo teñen a posibilidade de realizar trámites administrativos a través de Internet co programa Innova-TE, impulsado pola Deputación e cofinanciado pola Unión Europea para implantar a Administración Electrónica na provincia. Os procedementos que están de momento dispoñibles son 57 -dos 79 que serán posibles ó finalizar o proxecto no mes de xullo-, entre eles, solicitudes de alta no subministro de auga potable e rede de sumidoiros, dun posto no mercado, certificado de empadroamento, subvencións para asociacións e colectivos, licenza de vao e de ocupación de vía pública, inscrición en bolsas de traballo, en escolas deportivas, talleres e cursos, garderías ou reserva de voda civil.
Os Concellos que xa arrancaron este novo servizo á cidadanía son: Burela, Foz, Mondoñedo, Portomarín, Sarria, Palas de Rei, Chantada, Taboada, a Pobra do Brollón, Sober, Carballedo e Guitiriz. Nos próximos días farao A Pastoriza.
O programa Innova-TE é totalmente gratuíto para os 50 concellos adheridos, e a través del tamén reciben equipamento tecnolóxico para consolidar o despregue da e-Administración. A distribución comezou a semana pasada en Portomarín e Viveiro e a día de hoxe son 19 os concellos que teñen xa o material. O reparto continúa este xoves en Cervo e Burela, concellos nos que fixo entrega do material a Vicepresidenta Segunda da Deputación, Lara Mández, e no Incio, Samos e A Fonsagrada. Quedará completado o próximo día 11 de abril.
Coa financiación dun 70% aportada pola UE, a Deputación mercou exactamente aqueles equipos que, segundo unha auditoría previa, eran estritamente necesarios nos Concellos para garantir a implantación total e eficaz da tramitación on line. O material é o seguinte: 136 ordenadores, 102 portátiles, 42 impresoras, 33 servidores e 50 pantallas multimedia de información. A súa compra, distribución e instalación ten un presuposto de 1,4 millóns de euros.
Portais renovados
As entidades locais sumadas ó Innova-TE tamén poden renovar a súa páxina web, con máis accesibilidade e mellor navegación. Nun primeiro momento solicitaron esta opción 32 concellos, pero, tras arrancar os 7 primeiros e ver os bos resultados, outros 6 (Carballedo, O Incio, Pol, Foz, Muras e Triacastela) decidiron beneficiarse desta posibilidade. Deste xeito, a día de hoxe, son 38 os que queren renovar o portal. Deles, 12 xa teñen os traballos concluídos e unha páxina web municipal modernizada.
A diferenza doutros proxectos de Administración Electrónica emprendidos por entidades como a Mancomunidade de Municipios da Mariña ou o Concello de Xove, o programa Innova-TE ofrece ós 50 concellos adheridos, sen que teñan que facer ningún tipo de achega económica, a implantación de 79 trámites on line, pero tamén inclúe un plan de formación dos traballadores municipais, de xeito personalizado e in situ, para adaptarse á e-Administración, e a posta en marcha dunha Intranet corporativa, con diversas ferramentas, así como a dotación de equipamento tecnolóxico e de Internet de banda longa ós consistorios e telecentros co fin de garantir o despregue eficaz e de calidade do servizo.