Vinte e cinco anos de saúde: unha historia, unha realidade e un obxectivo
Unha historia: Algúns nenos e nenas da Mariña luguesa non viñeron de París, naceron no paso a nivel de Rábade ou en calquera outro lugar da estrada que conducía ao Hospital de Lugo. Outros deixáronnos na Xesta ou na Gañidoira.
Unha realidade: Hai xa vinte e cinco anos que se decidiu que un Estado de Benestar digno do seu nome non podía soportar semellante iniquidade. O triste e cruelmente desaparecido Ernest Lluch, primeiro ministro de Saúde socialista da democracia española, impulsou a posta en servizo do Hospital da Costa.
O centro hospitalario nacía como parte do programa de dotacións de hospitais comarcais, co obxectivo de achegar aos cidadáns a atención especializada da sanidade pública, e como consecuencia tamén da xusta demanda do conxunto do entramado social e institucional da Mariña Luguesa para a garantía do disposto no artigo 43 da Constitución española: “Recoñecese o dereito á protección da saúde”.
Desde a súa posta en servizo o seu primeiro e salientable director advertiu que o Hospital da Costa non podía ser considerado como un hospital comarcal ao uso, a teor do ámbito poboacional que se lle adscribía, e así mesmo a distancia doutros centros de referencia. Por iso, estimábase que debería de contar cunha carteira de servizos e especialidades máis propias dun hospital xeral que dun comarcal. A dita cuestión foi asumida desde o primeiro momento, tanto polo seu cadro de persoal como polo conxunto de axentes sociais e institucionais da zona, e por outro lado, foi tamén razoablemente atendida por parte dos distintos gobernos nas etapas que lles correspondeu á xestión da sanidade pública en Galicia.
O resultado foi que, hoxe en día, o hospital conta cunha carteira de servizos e especialidades superior á da maioría dos centros comarcais, en aumento ao longo dos anos. Conta cun excelente cadro de profesionais, comprometidos na súa inmensa maioría coa súa potenciación e mellora continua da atención prestada aos cidadáns, que son os verdadeiros accionistas do sistema de saúde, en tanto donos dos recursos que o alimentan. Conta, así mesmo, cuns índices de valoración dos ditos cidadáns-accionistas moi positivos en todos os estudos que se efectuaron, e tamén cunha historia de xestores públicos sanitarios realmente meritoria. Desde o primeiro, Ernesto Cebrián, ao que lle correspondeu a súa posta en funcionamento, e que na práctica vivía nel e case para el durante a primeira etapa, ata os posteriores que foron sedimentando un relato de compromiso co centro e coa zona na que está radicado, que os ten convertido en testemuñas de excepción das singularidades e necesidades na atención das demandas sanitarias da cidadanía da Mariña e os seus arredores.
Chegados ata aquí, e especialmente tendo en conta o momento de dificultades serias que está a atravesar, é o tempo de aproveitar esta -malia que sexa simbólica- conmemoración dos 25 anos de existencia do Hospital da Costa, para apostar con firmeza polo inconformismo que non nos permita dar pasos atrás na conquista de dereitos esenciais acadados como resposta ás reivindicacións de xustiza cidadana. Non podemos permitir que os mariñáns do futuro volvan a nacer nas estradas, o regreso ás estradas dos nosos pacientes, os desprazamentos a centros a máis de cen quilómetros de distancia, non podemos permitir nin conformarnos con soportar as listas de espera máis longas do sistema sanitario público de Galicia.
Para iso, é indispensable reivindicar a utilización das potencialidades do centro, de todos os seus recursos materiais e humanos para acadar listas de espera á altura dos tempos e, por outra banda, a posta en marcha do Plan director para a ampliación do centro, en liña cos estudos xa realizados e nos que se recolle o estado de necesidades do centro para atender as demandas da cidadanía.
Un obxectivo: Podemos ter un Hospital da Costa de referencia en Galicia. O esforzo da cidadanía que trouxo como resposta a súa creación, permitirá acadar que non se permita a descapitalización do servizo básico máis importante co que contamos os cidadáns da Mariña. O esforzo cidadá e o dos profesionais do centro seguro que estará nesta teima. Agardemos que os directivos do Sergas e os equipos de dirección, as forzas políticas e as institucións públicas, locais e supralocais, e a sociedade civil organizada, estean á altura do reto. Estamos nun momento difícil para o hospital, mais é mellor empezar en momentos de turbulencia que non empezar.
ISMAEL REGO GONZÁLEZ
DEPUTADO AUTONÓMICO DO PSdeG-PSOE
miércoles, 11 de mayo de 2011
Suscribirse a:
Enviar comentarios (Atom)
No hay comentarios:
Publicar un comentario