Un cento de expositores participarán na XIV edición de Expomar en Burela, que se celebrará do 19 ao 22 de maio, segundo deu a coñecer hoxe o alcalde e presidente da Fundación Expomar, Alfredo Llano.
A inauguración está prevista para o 19 de maio e contará coa presencia da conselleira do Mar, Rosa Quintana. Llano contou que “a parte da exposición de maquinaria e todo o que ten que ver co mundo da pesca teremos tamén as xornadas técnicas e os encontros empresariais”. Nas xornadas técnicas do 19 de maio abordaránse cuestións como A comercialización no sector pesqueiro, experiencias prácticas, que contará coa participación de Emilio Martínez, director xeral de Espadeiros do Atlántico, Antonio Rodríguez, subdirector xeral da Competitividade e Omar Collado, xefe de servizo da Subdirección Xeral de Economía Pesqueira de Segemar. E o día 20 analizarase A implicación e influencia da normativa comunitaria internacional na actividade pesqueira. Contará ese día coa participación de Javier Garat, secretario xeral de Pesca, Carlos Sebastián Villasante, da Universidade de Santiago de Compostela e Héctor Villa, xefe de servizo de Actividade Pesqueira de Augas Comunitarias. As xornadas técnicas desenvolveránse no salón de actos da cofraría de pescadores.
Xa no encontro empresarial previsto para o 20 de maio trataránse asuntos como O posicionamento do sector pesqueiro ante as cotas, O regulamento do control das normas de salvamento e riscos laborais e A comercialización no sector pesqueiro. O presidente de Expomar subliñou que “xa hai confirmada a asistencia de 30 entidades participantes”. O encontro empresarial será nas instalacións de Absa (Armadores de Burela).
Llano dixo que “a clausura de Expomar, ao coincidir co día das eleccións municipais, terá lugar o 22 de maio ás 12 do mediodía”. E engadiu que “tamén queremos atraer a máis xente a esta nova edición da feira e para iso contaremos con algunha embarcación que estará atracada no porto como pode ser da Armada Española ou do servizo marítimo da Garda Civil e tamén imos promocionar o noso barco museo. Estamos agardando a confirmación dun navío que é moi espectacular do ISM, o Juan de la Cosa”. O rexedor manifestou que “xa temos confirmada a asistencia de cen expositores, que representan a unhas 350 firmas. Iso significa que, a pesares dos tempos que estamos a vivir, completaremos o recinto feiral da nave de redes. Pensamos que os 3.000 metros cadrados estarán ocupados”.
O presidente de Expomar destacou que “melloramos as cifras de participación da última edición da feira” e convidou “a todo o mundo a que veña a Burela, tanto a profesionais como ao resto dos veciños da comarca que teñan curiosidade por ver o que aquí se expón. Esta cita será un atractivo importante tanto para o litoral Cantábrico como para o norte de Portugal e agardamos colleitar os mesmos éxitos que nos últimos anos”.
martes, 3 de mayo de 2011
Suscribirse a:
Enviar comentarios (Atom)
No hay comentarios:
Publicar un comentario