viernes, 10 de diciembre de 2010

PLAN DE OBRAS PARA BURELA

O Presidente da Deputación -José Ramón Gómez Besteiro-, acompañado do Deputado de Cooperación cos Concellos -Antonio Gato Soengas-, anunciou este venres que a institución que preside intensifica o apoio ós municipios cunha nova partida económica de carácter complementario e que foi hoxe aprobada pola Xunta de Goberno: 9.457.000 euros, sendo a partida económica máis cuantiosa en canto a transferencias directas ós Concellos que ratifica o organismo provincial. Deste xeito, a Deputación destinará, sen aumentar a débeda pública, estes preto de 10 millóns de euros á dotación de infraestruturas básicas e demandadas polos concellos, así como á mellora de equipamentos existentes nos principais municipios que superan os 5.000 habitantes ou exercen como motores comarcais na provincia.

A Deputación asume o custe total destas actuacións, aliviando deste investimento millonario ós Concellos, incluídas dentro do Plan Extraordinario de Obra Pública aprobado polo actual equipo de goberno no mes de abril. Neste senso, Gómez Besteiro subliñou que “imos cumprindo as nosas previsións de execución. Pensamos que era importante que, despois doutros Plans nos que se actuaba noutros Concellos pequenos, impulsar un plan complementario naqueles que tamén teñen as súas necesidades e volcan os seus servizos máis alá dos que presta o propio Concello”.

A este respecto, o titular provincial explicou que por iso se estableceu un reparto, priorizando a aqueles municipios que quedaron excluídos doutros plans impulsados polo organismo provincial como o de Pequenas Infraestruturas para Concellos de menos de 5.000 habitantes que beneficia a 41 municipios ou o Plan do Canon, a través do que investimos máis de 11 millóns de euros nas 16 entidades locais de todas as cores políticas que contaban con produción hidroeléctrica.

A Xunta de Goberno deu o visto e prace ós convenios de colaboración que o titular provincial asinará nos vindeiros días cos Alcaldes dos 9 Concellos ós que vai destinada esta macroprogramación que beneficia a 176.000 veciños, “case máis da metade da poboación da provincia” que corresponde ós municipios de Monforte de Lemos, Vilalba, Lugo, A Fonsagrada, Becerreá, Viveiro, Foz e Burela.

Gómez Besteiro destacou que “son obras queridas polos Concellos e imos en prazo perfecto de execución do Plan Extraordinario. É unha aposta máis por estar detrás do municipalismo, detrás dos Concellos sobre todo neste momento no que a cooperación ten que ser aínda máis importante. A Deputación demostra que isto é ó que sabe xogar, ó que quere xogar e onde quere xogar, que é no terreo dos Concellos con este novo Plan”.

Plan consensuado cos Alcaldes
Co acordo hoxe aprobado pola Xunta de Goberno, a Deputación completa o Plan Extraordinario de Obra Pública, dotado con preto de 22 millóns de euros e creado polo organismo provincial para manter os postos de traballo que dependían da licitación de obras. O Presidente xa mantivo contactos previos cos alcaldes para buscar o máximo consenso nas actuacións, co fin de asegurar de que o investimento sexa o máis rendible e beneficioso para os veciños. Neste senso, estanse a ultimar as actuacións destinadas á mellora do saneamento de núcleos poboacionais, á construción de instalacións deportivas como a piscina de Sarria, o único caso que, debido ó elevado investimento, tamén será cofinanciada polo Concello, ou á renovación do alumeado público e do abastecemento de augas en diferentes localidades dos 9 municipios.

Máxima cooperación cos Concellos
Antonio Gato subliñou que esta iniciativa “é un exemplo máis do máximo compromiso que esta Deputación ten con todos os Concellos da provincia, en contraposición co que vén facendo a Xunta de Feijóo ó longo destes dous anos de goberno autonómico, que o único que transmite é a ausencia total de investimentos nunha meirande parte dos Concellos”. O Deputado de Coooperación puntualizou: “non hai obras da Xunta e se non fóra pola Deputación non se faría nin unha soa obra. O goberno autonómico establece unha falsa cooperación. Proba diso é que tivemos noticia que agora a Xunta se ofrece a cobrar os impagos dos Concellos cando isto é o que estamos facendo dende o servizo de recadación e cobrando menos do que pretende Feijóo. Seguen aprendendo do que está facendo a Deputación”.

No hay comentarios: