Os socialistas galegos pecharon o dia 20 a Convención Municipal cunha aposta firme e decidida pola igualdade, o emprego e as políticas sociais como eixo de acción dos alcaldes e candidatos a gobernar os concellos. O secretario Xeral do PSdeG, Pachi Vázquez, pechou a convención municipal destacando o traballo do “equipazo” socialista do que dixo sentirse “orgulloso” e facendo fincapé nos puntos “irrenunciables” dos socialistas: “sanidade, educación e dependencia, públicas, universais e gratuítas”.
Así o expresou na clausura da convención na que tamén interviron o secretario de Política Institucional do PSOE, Gaspar Zarrías, o ministro de Xustiza, Francisco Caamaño e a ministra de Sanidade, Servicios Sociais e Igualdade, Leire Pajín. Antes, os alcaldes e concelleiros participaron en dúas mesas de traballo cuxas conclusións presentou a responsable de Política Municipal, Mar Barcón, e nas que os socialistas galegos ratificaron os compromisos coas políticas activas de emprego, as políticas sociais e de benestar, a sostibilidade ambiental e a protección do territorio, a ética e transparencia e a mellora do financiamento local como eixos fundamentais da súa estratexia municipal.
Vázquez destacou que os socialistas “somos capaces de chegar a cada recuncho de Galicia, por iso Feijóo, o presidente dos platós, está tan preocupado. Porque sabe que temos moitas voces e que somos fortes”. Neste punto fixo un chamamento a todos os asistentes para estar “onde sexamos necesarios” e lembrou que “mañá o somos, para unir as nosas voces en defensa da sanidade pública na manifestación que terá lugar en Santiago”.
Avogou por “darlle forma ás gañas e a ilusión” traballando en cada concello “para crear un lugar común para toda a xente progresista”. Sinalou que no PSdeG “hai sitio para todos eles” porque este é un partido “próximo e aberto” que mantén a máxima de “un home ou unha muller, un cargo”.
A importancia das políticas sociais centrou tamén o discurso de Zarrías, Caamaño e Pajín que destacaron a responsabilidade do Goberno de España co Estado de Benestar a pesar da crise económica.
Gaspar Zarrías referiuse aos investimentos do Goberno de Zapatero para o financiamento dos concellos, a través dos fondos de cooperación local, e “sin importar su color político” e destacou tamén o “traballo ben feito” de Pachi Vázquez ao fronte do PSdeG.
Aludiu ao proceso de fusión das caixas galegas para lembrar que “el PP decía que los socialistas no queríamos fusión y el Gobierno de Zapatero ha puesto a cada uno en su sitio, demostrando que quería preservar la igualdad y la legalidad mientras otros querían caciquear con lo que es de todos”. “Gracias a esto, Galicia tendrá una gran caja y tendrá más poder financiero propio”.
A ministra de Sanidad, Servicios Sociales e Igualdad, Leire Pajín, incidiu na necesidade de “multiplicar esfuerzos” para axudar aos que o necesitan en cada concello, e lembrou que os socialistas “hemos puesto en los últimos años los cimientos de un Estado de Bienestar sólido, con la gran colaboración de los ayuntamientos gobernados por alcaldes socialistas”.
Afondou na aposta do Goberno central polas políticas sociais “a las que destina un 58% de los presupuestos” e apuntou que “sería más fácil hacer lo mismo que Rajoy y tumbarnos a esperar a que los problemas pasen, pero los socialistas somos responsables, y hacemos política con mayúsculas”, sentenciou. Nesta liña, avogou pola igualdade de dereitos nas prestacións dos cidadáns “vivan donde vivan” e “también en la sanidad” – en alusión á reforma do catálogo de medicamentos proposta pola Xunta.
Pola súa parte, Francisco Caamaño tamén fixo fincapé no proxecto “solidario, respectuoso e comprometido” dos socialistas. Contrapuxo esta acción coa do PP “que utiliza os momentos de crise, que ven dada precisamente pola cobiza dos especuladores, para coller un coitelo e mancar ás políticas sociais”.
Neste punto referiuse á proposta do Goberno de Feijóo dun catálogo de medicamentos propio, para preguntarse “cómo é posible que pretendan que os galegos teñamos que ir a Asturias ou León a buscar medicamentos que o sistema galego de seguridade social non nos vai dar?”. “Esta é a política de igualdade da Xunta?”, cuestionou.
Criticou as declaracións realizadas esta semana pola conselleira de Sanidade nas que apelaba á soberanía de Galicia nesta materia. “Menos soberanía nesta cuestión e máis soberanía real coa reforma do Estatuto de Autonomía”, proclamou. Un Estatuto “necesario para dignificar o papel dos concellos despois de 30 anos de democracia”, apuntou.
Ante a inacción do Goberno de Feijóo neste asunto apelou ao traballo dos socialistas nos concellos “nos que xente sabe que pode confiar” e advertiu que “se deixamos que o PP gañe nos concellos, imos vivir unha verdadeira crise social” .